Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Visións de Sumrrá

Jazz de noso, jazz universal

Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e L.A.R. Legido: o trío Sumrrá. Juan Luis Amado

Chega o novo traballo discográfico de Sumrrá e de novo considerámolo un dos motivos de máxima celebración dentro do sacro e xeneroso adro da nosa música contemporánea. E xa van aló uns cantos traballos e uns cantos concertos en directo. Tantos como dan de si vinte e un anos de traballo continuo, correúdo, sensible e sempre na fura de diante dos riscos musicais que antepoñen a arte e a música por riba de calquera outra consideración. Centos e centos de concertos por medio mundo e ese enfoque co jazz como grande argumento de demolición, liberador e sempre disposto a derrubar as cancelas mentais desde calquera palco ou calquera rexistro sonoro. E é que o noso trío de jazz máis internacional non casa con ninguén, e sempre sabe, e de forma certeira, mover os marcos e espetar a forcada nos miolos inescrutables da emoción. Igual, ter esa universalidade por bandeira e tocar precisamente iso como quen respira, e restándolle toda importancia ao feito de facer o que se está a facer, fai deles esa ledicia tan reconfortante, tan imprescinbible, tan magnética e humana e tan disfrutable nos seus concertos.

"Trátase dunha viaxe musical tan sorprendente como reveladora e na que o grupo expón ás claras a simbiose musical desprexuizada dos seus integrantes"

decoration

Elásticos, directos, cercanos e cunha solidez e frescura que barnizan cada recanto do proxecto, acceden, por méritos propios, a esa prezada condición de grupo de culto que ademais son bandeira da nosa música e que foi sumando adeptos de escenario en escenario con xiras que os levaron a lugares tan dispares como Seúl, Marrocos, París, Beijing, Shanghai, Bulgaria, México, Portugal, Nicaragua, Bolivia, Sudáfrica, Guatemala ou El Salvador, entre outros moitos lugares, ademais dos palcos do país que os viron respirar e medrar nun exercicio de brutal honestidade e achegamento do jazz, tamén aos ouvintes que, coma min, estamos menos familiarizados co xénero. Agora, e aínda co seu anterior disco, 6 mulleres, dando voltas na radio cd do meu coche, chegan cun novo e rutilante traballo baixo a man: 7 visións, (dende onte en todas as plataformas dixitais) no que nos propoñen unha viaxe de reflexión sobre o momento no que vivimos e quizais, tamén, algún camiño para atopar resposta a aquela desacougante pregunta sobre quen somos, de onde vimos ou a onde carallo imos.

“Sapiens sapiens”, o “Espazo interior” que habita dentro de cada un de nós, ou “Ra”, o astro Rei, fonte de toda vida, aparecen no argumentario dun traballo no que reflexionan sobre a nosa eterna posición na “Periferia Universal”, ou sobre esa permanente e omnipresente danza das “Forzas Gravitatorias” que todo o gobernan. Tamén fan xeografía e historia en “13.700 millóns de anos despois”, ou os 7 graos que separan “Asuán de Alexandría”, e todo nunha viaxe musical tan, de novo, sorprendente como reveladora e na que o grupo expón ás claras esa simbiose musical desprexuizada e tan única e xenial entre os seus integrantes: Manuel Gutierrez no piano, Xacobe Martínez Antelo no contrabaixo e L.A.R. Legido na batería son outra vez culpables deste novo traballo de Sumrrá que para algúns, coma Xurxo Pinheiro, técnico de son responsable do disco e dos directos da banda, confesa que é o seu mellor traballo. A min, dende logo que mellor non me fagan escoller. Este 7 visións é unha marabilla si, sanador e ben reconfortante para a nosa saúde mental e corporal, pero os outros seis anteriores que tampouco nolos quite do recetario e do pastilleiro o noso ínclito médico de cabeceira.

Janis Joplin (1943-1970).

Máxico 71

Haiche moitos entendidos na materia que afirman que o ano 71 foi a mellor anada da historia do rock canto a gravacións publicadas. Parece moito dicir, pero non vou ser eu, os diaños me libren, quen leve a contraria a tanto melómano ben informado, e máis aínda botando conta dalgúns dos ilustres títulos que viron a luz naquel tempo. O Sticky Fingers dos Rolling Stones con aquelas inesquecibles “Brown Sugar”, “Wild Horses” ou a hipnótica “Moonligth Mile” polo medio; o Every Picture Tells a Story de Rod Stewart coa inesquecible e icónica “Maggie May” ou a cercana e folkeira “Mandolin Wind”; o Master of Reality de Black Sabbath; o At Fillmore East dos Allman Brothers Band; o Here Comes the Sun de Nina Simone; o Hunky Dory de Bowie; o incrible Who’s Next dos Who co “Baba O’Riley” aí prendéndonos os motores adrenalínicos;o mítico Aqualung dos Jethro Tull; o universal Imagine de John Lennon ou o fascinante Led Zeppelin IV coas “Black Dog”, “Rock and Roll”, a excelsa e emotiva “Going to California” ou aquela interminable e histórica escaleira ao ceo. E todo isto citando so a algúns títulos e deixando outro bo monllo que de certo vós, que estades lendo, poñeriades no inventario. Mais se hai un disco do 71 que non debemos esquecer, ese é o Pearl de Janis Joplin. Unha Janis que nos deixaba uns meses antes de regalarnos o seu gran traballo póstumo, con tan só vinte e sete anos, e despois de ser posiblemente o primeiro gran referente rockeiro feminino da historia. Ela acabou o disco e foise, pero deixou un traballo que a posicionaría para o resto da historia como unha das máis grandes influencias vocais e unha das estrelas máis recoñecidas do xénero rock, cun traballo do que nin ela mesma agardaría o seu eco e éxito. Producida por aquel lexendario Paul Rothchild, productor dos Doors, e rodeada dun elenco de músicos da primeira división do momento, Janis deixou sentimento, actitude, interpretación e unha crueza vocal que aínda hoxe nos esfola por dentro cada vez que a escoitamos. Non sei eu se calquera tempo pasado foi ou non foi mellor, pero dende logo que aquel 1971, neste eido, semella difícil de superar.

Compartir el artículo

stats