Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Grosz en Vigo

Unha novela libre

Un matrimonio de clase media (Fredy e Mónica) ven como o seu mundo se vai esfarelando paso a paso durante a crise económica xurdida no 2008, mais que en Galicia se fixo sentir con virulencia crecente a partir do 2009.

Manuel Veiga toma como punto de referencia a cidade de Vigo e fai pivotar a súa novela ao redor do proceso de desaparición das caixas de aforro, como feito histórico máis relevante para definir como esa crise modificou a estrutura socioeconómica do país até reconfigurar moitos dos seus fíos e inercias. Nese sentido, As mellores tendas de Madrid pode cualificarse como unha novela costumista con matices sociais, aínda que a etiquetaxe non lle acae demasiado ben á literatura de Veiga, que sempre destaca pola súa liberdade e experimentación. Así, esta novela é libre porque se achega ao narrado sen apriorismos, sen un plan. Retrata un anaco da vida dos personaxes. Estúdaos, radiografa o seu contexto e contorno, observa e subliña, puntea, anota… Veiga experimenta non coa expresividade ou as formas da linguaxe senón coas posibilidades da linguaxe convencional para narrar cunha estrutura diferente á convencional na novela costumista. O autor aproveita máis ben recursos xa desgastados ao máximo, caso da linguaxe xornalística, enciclopédica ou incluso científica, para ver de tirarlles un novo zume, desta volta irónico.

"A pluma do escritor deforma os feitos coma nun xogo, mais coa elegancia que dá o distanciamento"

decoration

A obra achégase a un momento moi duro na historia recente para revelar as súas miserias a base do humor e da caricatura. A novela (que ten moito de pintura) bebe da concepción artística de ecos coma o do artista George Grosz, que foi quen de alterar a realidade da República de Weimar para representar as súas miserias a través da deformación. Xa que logo, Veiga usa o humor e a ironía como ferramentas para o retrato, mais tamén como mecanismo para restarlle virulencia a unha época que deixou cicatrices practicamente en todas as clases e individuos de Galicia. A pluma do escritor deforma os feitos coma nun xogo, mais coa elegancia que dá o distanciamento. O trazo é sutil e, por veces, sobrio de máis, nunha proposta que esixe do lector un compromiso completo para captar todas as cores do cadro, todos os riscos sobre os personaxes e sobre o Vigo retratado.

Con esta novela, Veiga confírmase como un dos grandes novelistas “vigueses” e o libro gaña enteiros se le canda Lois e Helena buscándose un día de tormenta (Galaxia, 2006). A cidade é outra vez un espazo que o escritor abraza, quizais temeroso do seu poder, pero seducido polas súas contradicións e correntes interiores.

O peor do libro é, quizais, que o autor se deixou engaiolar por esa liberdade na narración e non soubo pór límites. Algunhas notas ao pé de páxina —disparatadas e fútiles— sobran.

VEIGA TABOADA, M., As mellores tendas de Madrid, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 17,38 €

Compartir el artículo

stats