Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alma en intemperie

Unha lírica en expansión

Lampíricos, de Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) esplendidamente editado pola Fundación Uxío Novoneyra na súa colección “Valumbo”, procede dunha performance. Trátase dunha experiencia de radicalidade, quérese dicir, dunha viaxe á raíz que, por un lado, é un acto e, por outro, unha actuación. En resumo, unha representación. Representar significa “tornar a facer presente” nas súas tres acepcións: o artista está presente (convértese en presenza), móstrase no presente (o tempo do creador e o do espectador son simultáneos) e entrega o seu presente (un regalo de palabras que o conforman). Deste xeito o exercicio da escrita non é subsidiario da vida, senón a súa prolongación e, por tanto, a súa poesía só está supeditada ao anhelo impetuoso de ser dita.

O libro recolle os textos desa performance, aínda que despoxados da música, do xogo lumínico e fílmico. Porén, con só a súa lectura case podemos palpar a liberdade dunha lírica en expansión. Tanto cara a fóra (ao modo da declamación do sufí) como cara a dentro (a transgresora ruptura dos xéneros literarios). Así, atopamos poemas narrativos que se ramifican en notas a pé de páxina, en anacos de diálogos noctámbulos, en teses especulativas de procedencia médica ou científica e, tamén, en impactantes imaxes visionarias: “Cría só na eternidade e esa crenza, unha obsesión sen dúbida,/instalábase en lugares carentes de cronoloxía”.

Todos estes recursos conflúen nun único proxecto: mostrar a alma en intemperie do escritor, a súa identidade quebradiza, a súa indignación ante o capitalismo máis feroz, o corazón demolido polas perdas, mais, igualmente, a pulsión erótica, a nada ambigua busca do “outro” que nos complete ou que nos faga ser ninguén: “Golpéase na confusión do ceo e viaxa polas seis direccións da luz”. Repítoo, Antón Lopo é poeta orixinal non só pola súa novidade, senón porque descende ás orixes: “Non fuxo, non volvo. Sempre estiven aquí, aínda no momento gutural da amnesia, e reacciono. Publícome, retórzome, pénsome”. Magnífico.

LOPO, Antón, Lampíricos, Chan de Pólvora, Santiago, 2021,PVP. 18€

Compartir el artículo

stats