Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O rei que (apenas) existiu

Amadeo de Saboia no trono de España

Fotograma da película "Stella Cadente" (2014), sobre o rei Amadeo I.

José María Gil de Biedma deixou escrito estes versos: “De todas las historias de la Historia la más triste es sin duda la de España porque termina mal”, e engadía a maneira de desideratum: “Pido que España expulse a esos demonios, que sea el hombre el dueño de su historia”. Se repasamos a historia española dos últimos dous séculos poucos foron os momentos nos que a cidadanía, ese “home dono da súa historia”, puidese construír un estado en liberdade.

Mediado o século XIX, no conxunto do país dábase un primeiro choque entre unha “España uniforme”, outra “España incorporada” (a antiga Coroa de Aragón) e a “España foral” (País Vasco e Navarra), de acordo co mapa que debuxou F. J. Torres Villegas en 1852. A tal concepción engadíase o desequilibrio entre uns territorios que coa industrialización propuñan políticas liberais fronte a aqueloutros de talante conservador (isabelino ou carlista).

Estes, coa única diferencia da opción dinástica, combateron todo intento de réxime laico e democrático e de economía industrial e representaban os intereses da Igrexa e dos sectores económicos parasitarios (latifundios, banca). En calquera caso, aceptaban as inversións estranxeiras fronte ao impulso dunha nova burguesía que acadase a condición de “nacional”.

Sublevación

Tal debilidade estrutural estoupou cando a industria téxtil catalá –a falla de importacións de algodón pola guerra civil norteamericana- e diversos sectores financeiros (ferrocarril, banca) entraron en crise ao non corresponder as infraestruturas cun desenvolvemento industrial e comercial cativo. Fronte ao descontento social e político, a resposta do réxime isabelino foi o autoritarismo. Contra este, subleváronse militares e civís en setembro de 1868, encabezados por Joan Prim e J. B. Topete, entre outros. Despois de diversas batallas, as tropas sublevadas gañaron Madrid e provocaron a marcha de Isabel II.

O xeneral Prim (1814-1870).

O goberno provisional –formado por liberais, moderados e republicanos- considerou menos traumático manter o marco dunha monarquía parlamentaria, para o cal se convocaron eleccións a Cortes, que aprobaron unha nova constitución en 1869 de marcado carácter democrático. Descartados diversos candidatos, finalmente, o proposto foi Amadeo de Saboia, cuxa candidatura foi aprobada polas Cortes a finais de 1870.

Fillo de Vítor Manuel II, derradeiro rei de Sardeña e primeiro rei de Italia, era descendente por vía materna de Carlos III de España. Participara co grado de xeneral na terceira guerra de independencia italiana, na cal foi ferido en combate. A puxante monarquía italiana –vinculada á expansión industrial das burguesías setentrionais e ás políticas liberais- estivera á espreita da vacante do trono español e ben axiña manobrou para presentar a candidatura do duque de Aosta, Amadeo.

Amadeo I (1845-1890).

Pero había moitos sectores opostos ao novo monarca. Desde os monárquicos dinásticos, que rexeitaban a elección parlamentaria dun rei, pasando pola Igrexa –en tanto que os Saboia acabaran cos Estados Pontificios-, ata republicanos e carlistas por motivos distintos. A iso engadíase as divisións no seo do goberno provisional. Para rematar este ambiente adverso, o mesmo día que o novo monarca desembarcaba en Cartaxena, morría o daquela presidente do goberno, Joan Prim, vítima dun atentado na rúa del Turco madrileña.

Unha vez coroado, Amadeo I tivo que aturar seis gobernos nos seus dous anos de reinado. En xullo de 1872, el e a súa esposa foron obxecto dun atentado; os carlistas encetaron novamente os combates, especialmente no País Vasco, Navarra e Cataluña, e á outra banda do Atlántico, os independentistas cubanos aumentaron a intensidade da guerra.

Alegoría da Primeira República Española (1873-1874).

Despois dun conflito polo corpo de Artillaría, a tradición di que o 11 de febreiro de 1873, esperando o xantar nun restaurante, comunicáronlle que o mellor era que abdicase: anulou a comanda, pediu una grappa e marchou a palacio a asinar a súa renuncia, dirixida ao parlamento. Amadeo I marchaba daquela gaiola de tolos, en palabras súas, e aquel mesmo día daba paso á Primeira República Española.

Stella Cadente

Os monarcas españois, tanto modernos coma contemporáneos, non deron perfil dabondo para ser levados á pantalla, como sucedera, por exemplo, Luís XVI (La nuit de Varennes, E. Scola, 1982) e, xa en series, con Luís XIV (Versailles), ou a emperatriz Vitoria (Victoria). A Felipe IV foille dedicada El rey pasmado (Imanol Uribe, con Gabino Diego e Javier Gurruchaga) a partir da obra de G. Torrente Ballester.

Pero foi a década dos 70 do século XIX a que veu como os reis que gobernaron España foron levados á pantalla. En 1959 Vicente Parra e Paquita Rico protagonizaron ¿Dónde vas, Alfonso XII?, película dirixida por J. I. Luca de Tena, a propósito da ilusión colectiva que espertou a restauración cun rei mozo e a adversidade da morte prematura da súa esposa, María de las Mercedes. Película que tivo una secuela, ¿Dónde vas, triste de ti?, sobre a soidade do monarca ata o seu casamento con María Cristina, e a morte do rei.

Paradoxalmente, o monarca que menos tempo cinguiu a coroa, Amadeo I, foi obxecto dunha película sen connotacións sentimentais: Stella Cadente (“Estrela fugaz”) de Lluís Miñarro. Esta produción de 2014, con Àlex Brendemühl no papel principal, pasou sen pena nin gloria polas pantallas malia a boa acollida da crítica, tal vez porque xa poucos lembran quen foi aquel fugaz rei italiano.

Compartir el artículo

stats