Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Casares, a única

Elegancias na escena e na gran pantalla

María Casares, na película "Orphée" (1950).

Vénse de publicar en francés unha biografía novelada de María Casares, unha das máis grandes dramáticas do século XX. Baixo o título L'Unique, Anne Plantagenet retrata a efixie dunha extraordinaria galega, residente privilexiada en Francia, que triunfou nas artes escénicas até ser un monstro sagrado, admirada mundialmente.

Filla da expatriación por causa da saída de España do seu pai -Santiago Casares Quiroga, avogado, ministro á fronte de varias carteiras e xefe do goberno da Segunda República na data do golpe de Estado, en xullo de 1936-, a saída imperativa de territorio español foi o medio para garantir unha vida alén das nosas fronteiras, en Francia e no Reino Unido. E foi asemade o espazo dado para María Casares onde entregarse á interpretación, quen en 1980, e mediante a autobiografía Residente Privilexiada, xa nos ofrecera moitas claves para comprendela mellor. Así, os seus recordos primeiros falan dunha Galicia entre A Coruña e mais o campo de Montrove, imbuída da natureza libre e na compañía doutras rapazas e rapaces. Despois, a vida en capitais como Madrid impuxo a necesidade para unha nena tímida de topar de fronte coas outras persoas. A xeira en Francia, dedicada ao teatro e mais á perfección da lingua francesa, levouna ao maior dos sucesos de público e a formar parte do Parnaso de grandes creadores do século. Mais o éxito non evitou sentirse exiliada por sempre e allea a toda fronteira.

A actriz, en "Les dames du Bois de Boulogne" (1944).

O mesmo que a gran Sarah Bernhardt, a actriz María Casares habería de encarnar todas as heroínas clásicas e abordar tamén papeis de vangarda. Entón, non soamente dominou a interpretación; a súa rutilante aparencia, enigmática fermosura e eterna elegancia fixeron dela unha icona da arte, a identidade feminina e a moda dende mediados do século XX. Deste xeito, tanto na escena como na gran pantalla, María apareceu sempre coa actitude máis absoluta, lucindo algunhas das modas e os estilos máis característicos e fermosos das diversas épocas. Como mostra miremos cara a tres dos seus filmes.

En Les dames du Bois de Boulogne, de Robert Bresson, realizado no ano 1944, a divina María Casares aparece vestida coa moda dos anos 40: ombreiros grandes e rectos, chapeus e turbantes de tecido e pel; gabáns luxuosos de marta e traxes coa coupe biaisée. A historia, con diálogos de Jean Cocteau, inspírase na obra Jacques le fataliste de Denis Diderot e narra, nuns escenarios elegantes e refinados a vinganza dunha dona da alta sociedade abandonada polo amante. Todo respira sofisticación no filme e o vestiario non habería de ser menos pois ofrece exemplos da era dourada da alta costura cando triunfaba Elsa Schiaparelli e Madame Grès.

Nunha escena do filme "Orphée".

No filme de 1945 Les enfants du Paradis, de Marcel Carné, con diálogos e escena de Jacques Prévert, música de Joseph Kosma e deseño de vestiario de Mayo, a acción ten lugar en 1820. Logo as modas son de época na cinta e a Casares compite en presenza con Arletti, quen era xa unha icona consagrada na época e que sae sen dúbida vitoriosa, cos casquetes, capiñas, luvas, saias con estrutura e mangas farol da época romántica. En fin, en 1950 volve aparecer en Orphée de Jean Cocteau, encarnando a Princesa ou a Morte. A historia da fita devén unha lectura do mito clásico onde a Casares encarna o papel principal xunto a Jean Marais, quen fai de Orfeo. As roupas levadas pola actriz foron creadas polo recoñecido modista teatral Marcel Escoffier: o armario inclúe traxes negros con aplicacións de cristais, bolero e saia campá, plataformas, capas con carrapuchas, perlas, traxes longos e a nívea faciana da Casares, enmarcada polos cabelos escuros e mais os ollos que falaban por eles mesmos.

Estes filmes e tamén o libro poden atoparse online. O mesmo que se poden facer visitas online aos museos onde se expoñen modas do século XIX e XX; entre eles, o Museo de Belas Artes da Coruña que exhibe arestora a maior colección histórica de moda galega. Nela hai exemplos de modas como as que levaba a nosa protagonista.

Fantasmas estéticas

Yves Saint Laurent foi suxeito, no ano 1983, da primeira mostra dedicada a un modisto vivo nun museo de arte. Daquela o MET neoiorquino fixo o tour de force de abrir as salas do templo da arte á moda dos nosos días. Non era tarefa sinxela, pois naquel tempo a moda non se puña nun museo. Mais Saint Laurent era considerado o máis grande creador vivo, abrindo o camiño dende a alta costura cara ao prêt-á-porter. Ademais, foi el quen incorporou a modernidade do traxe xastre, o smoking, a sahariana, a arte pop no armario feminino.

A efeméride subliñouse coa edición dun gran libro catálogo, con textos e imaxes onde, ademais, aparece unha miscelánea de persoeiros inspiradores para o universo do modisto. Un Parnaso de deuses creadores, ou en verbas de Friedrich Nietzsche, “fantasmas estéticas”, que inspiran e acompañan o camiño do home sensible que ten de tecer coas artes. Aquel do propio Saint Laurent incluía a: Shakesperare, Ingres, Goya, Wagner, Diaghilev, Proust, Picasso, Cocteau e tamén a María Casares. A fermosura da dona e mais o seu talento interpretativo facían dela un referente estético, unha icona e un paradigma da moda dos anos 1940 e unha referencia da arte de sempre. Porque María Casares non é soamente unha rúa en cada cidade galega.

Compartir el artículo

stats