Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Actualizar os clásicos

Modelos por enriba das modas

Fotograma do film Tirante el Blanco (2006) a partir da novela Tirant lo Blanc (1490) de Joanot Martorell.

Unhas das calidades dunha obra clásica é que a súa existencia se sitúa por riba das modas. Pode ser adaptado a cómic, caricatura, cine pero o orixinal sempre estará aí, como fonte de novas lecturas e novas interpretacións xeración tras xeración. No caso da literatura, os clásicos teñen unha circunstancia engadida: o modelo lingüístico que xeraron. Nese senso, cómpre partir dunha premisa: os autores que temos por clásicos escribiron correctamente ou, polo menos, tentaron facelo.

Dante Alighieri escribiu a Comedia nun tempo no que o italiano toscano aínda non dispuña dunha gramática normativa, pero precisamente foi a coherencia lingüística que o florentino observaba a que lle deu unha unicidade á súa obra. Pola mesma regra de tres, e malia que iso pese a moitos lectores galegos, Ramón Otero Pedrayo non tería para min a condición de clásico porque non só non procurou un modelo de lingua culta senón que á mantenta trufou as súas obras de hiperenxebrismos e falsos vulgarismos, ben afastados da fala cotiá.

Pero o rexistro lingüístico que eses clásicos empregaron no seu momento non sempre pode ser percibido na súa plenitude polos lectores actuais. Xa non só pola propia evolución da lingua senón pola perda de utilidade das referencias incorporadas. Imponse daquela unha actualización deses textos literarios. Trátase dunha adaptación que nos resulta preventiva se se fai dentro do mesmo sistema lingüístico mais que non nos resulta estraño cando se trata de traducións desde outro idioma. Así, se alguén se puxese a traducir, poñamos por caso, os Ensaios de Montaigne ao galego, empregaría o rexistro correspondente ao século XVI, momento do orixinal? Obviamente, non. Usaría o galego actual coas aclaracións necesarias sobre feitos, lugares, etc. Cada xeración precisa unha chave de interpretación porque o tradutor, ao cabo, emprega a lingua que ten por súa, determinada polo momento histórico e polas modas estéticas (sen esquecer que os textos orixinais tamén son revisados por críticos e filólogos). Por iso, tal aceptación tería que ser idéntica á hora de pasar unha obra escrita hai séculos ao seu correspondente lingüístico contemporáneo. Foi o que en 2015 fixo Andrés Trapiello cando “traduciu” (segundo expresión súa) a castelán actual Don Quijote de la Mancha. Con tal empresa, pretendía achegar o clásico por excelencia das letras castelás a un público que case sempre se freou fronte ao texto orixinal de Cervantes, cargado moitas veces, ademais, de metáforas e sarcasmos incomprensibles para o lector de hoxe.

Agora é Màrius Serra quen acometeu un proxecto semellante verbo do gran clásico da novela medieval catalá, Tirant lo Blanc (Proa). Serra é escritor, enigmista (apóstolo do Scrabble en catalán e autor dos encrucillados en catalán de La Vanguardia) e membro da Sección Filolóxica do IEC. Para el, hai moitos aspectos da novela de Joanot Martorell que hoxe aínda resulten comprensibles plenamente, especialmente as escenas eróticas e amorosas; en troques, as aventuras bélicas e a lingua da corte de Bizancio resultarían áridas para un lector de hoxe.

Pero para aclarar esas dúbidas, unha novela actualizada non pode aturar a mochila das notas ao pé (aínda) e menos a final de capítulo ou do libro, porque quen se pon a ler unha novela ten que poder facelo seguido. Para iso xa están as edicións críticas a partir do texto orixinal.

Por iso, Serra optou por introducir pequenas aclaracións como se formasen parte do texto. Se se emprende unha actualización –expresión que Serra prefire á de modernización- cómpre facelo con todas as consecuencias, entre outras razóns porque o público lector do orixinal tamén era ben distinto do actual en cantidade calidade: se no século XV eran cabaleiros e cregos, hoxe son fundamentalmente estudantes e non vencer as barreiras da incomprensión sería privarlles do acceso –no caso do Tirant- a un mundo de aventuras e amores que ben pode resultar unha bandeira de enganche para a literatura (e neste caso, especificamente á catalá).

O escritor e enigmista Màrius Serra.

Compartir el artículo

stats