No Día da Ilustración Galega

Lolita Díaz Baliño, pintora Art Deco

“Jueves Santo”, ilustración publicada nas páxinas da revista Galicia gráfica (1929).

“Jueves Santo”, ilustración publicada nas páxinas da revista Galicia gráfica (1929). / Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

O pasado 30 de xaneiro, en coincidencia co aniversario do nacemento de Castelao -que en realidade se produciu o 29 do mesmo mes-, celebrouse o Día da Ilustración, que desde 2014 se dedica a homenaxear un artísta gráfico do noso país. Este ano lembra a traxectoria da pintora e ilustradora Dolores Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963).

Nada nun contexto de fortes inquedanzas culturais -seu irmán foi o escenógrafo e pintor Camilo Díaz Baliño- Lolita, como foi coñecida familiar e artisticamente, tivo un destacado papel como ilustradora e como profesora de pintura e foi a primeira muller membro da Real Academia Galega de Belas Artes, ao ser elixida en 1938 xunto con Carmen Corredoira. Alén do seu labor na ilustración, outro aspecto fundamental da personalidade de Lolita Díaz Baliño é a súa faceta docente. Profesora na Coruña na Escola de Artes e Oficios, onde foi das primeiras mulleres en exercer esa actividade. Este traballo -que inclúe tamén unha academia privada- converteuse na posguerra na dedicación fundamental e polas súas aulas pasaron alumnas que despois serían destacadas artistas como María Elena Gago ou María Antonia Dans. Lolita Díaz Baliño formouse primeiramente co seu irmán Camilo -que lle levaba dezaseis anos- e axiña destacou pola súa inquietude artística da que temos probas non só na pintura senón tamén na fotografía, ámbito en que se deu a coñecer aos dezanove anos nun certame promovido polo Circo de Artesáns da Coruña.

Desde o punto de vista estilístico, a obra pictórica da nosa artista é moi característica das linguaxes dos anos 20 e 30, altura en que ela traballa na pintura e na ilustración cun debuxo requintado art déco e destaca como ilustradora e debuxante, con influxos que van desde o prerrafaelismo á estampa xaponesa, pasando polo simbolismo e modernismo, con presenza en publicacións como Galicia Gráfica, Céltiga, La Voz de Galicia ou Mariñana.

Este tipo de traballos cómpre entendérmolos no seu contexto. Estamos nunha altura en que artistas variados integran no seu labor a tradición gráfica das artes decorativas, o vocabulario ornamental modernista, que incidira no protagonismo expresivo da liña, como se pode observar practicamente na ilustración gráfica de toda e Europa e América nestes anos. En Galiza, como noutros moitos contextos, en xeral estes referentes formais actúan sobre uns alicerces academicistas e van estar ao servizo dunha temática de rexionalismo costumista e idealizado. Mesmo certas estilizacións e sutilezas, como acontece con outros neorrexionalismos hispanos, fanse, pouco máis tarde, asimilábeis ao espírito sofisticado e elegante da art déco que se abre camiño entre nós nun momento –anos 20- en que o rexionalismo está de moda en toda Europa –sobre todo o andalucismo de mantóns de Manila, toureiros e flamenco-.

O protagonismo expresivo da liña é o aspecto que mellor baliza a obra de Lolita Díaz Baliño, un exemplo desta estética é a capa do libro do poeta Xulio Siguenza Cantigas e verbas ao ar, que a artista elaborou para a Editorial Nós en 1928, onde a paisaxe é tratada con formulas que parten do modernismo e que son desenvolvidas cun esquematismo e sintetismo brillantes. Alén diso, a súa evolución levouna a ser unha ilustradora moi centrada nunha determinada captación da identidade feminina, con certa predilección por temas costumistas, para os que adopta un sinuoso decorativismo con ecos, nas representacións de mulleres galegas, do “racial” idealizado típico da época. Un vistoso exemplo destes presupostos é o Álbum de debuxos (Colección privada), obra en que as representacións de figuras femininas con traxes populares galegos son reelaboradas nunha estilización requintada. Crea, pois, un modelo de muller de aspecto sofisticado, fórmula debedora das imaxes do cinema europeo e americano e da literatura da Belle Époque con trazos comúns con outros ilustradores desa altura, como, por exemplo, Federico Rivas.

Entre o enxebre e o cosmopolita

Nalgunhas tintas e acuarelas a artista achégase ao caricaturesco, como en Arrepentida (Colección privada), mentres que noutras ocasións opta por representacións do feminino máis “atrevidas” como en Jueves Santo (1929), ilustración publicada na revista Galicia gráfica, onde a muller, vestida -estilizadamente- para asistir a oficios ou procesións de Semana Santa, combina a presenza de motivos relixiosos cun coqueteo erótico, na liña do que xa codificaran artistas españois como Julio Romero de Torres na década dos dez.

Como en moita art déco, en Lolita Díaz Baliño achamos unha mestura de enxebrismo e cosmopolitismo, elaborado en suxestivos entrecruzamentos que mesmo en obras como a citada Jueves Santo fica engaiolada por unha compracida frivolidade de requintada expresión. En resumo, unha arte que manifesta respecto e admiración pola tradición mais que non é xa tradicional, ben representativa dunha importante liña de ilustración gráfica dominante entre nós nas décadas dos 20 e 30 do pasado século.

No Día da Ilustración Galega

A pintora e ilustradora Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) / Carlos L. Bernárdez

Suscríbete para seguir leyendo