Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Curiosidade póstuma

Un volume irregular

Curiosidade póstuma

Ulcis (Xerais, 2020), de Xosé Fernández Ferreiro, recompila dous grupos de textos, “Historias de Ulcis”, composto por 86 relatos, microrrelatos e poemas en prosa, inéditos até agora e, polo tanto, póstumos; e un “Apéndice” que recolle textos publicados en vida do autor, noutros libros ou na prensa, nomeadamente no xornal La Noche e en Vieiros. Todos os textos están cinxidos polo universo literario de Ulcis, caracterizado pola fantasía, o simbolismo e a pegada do surreal.O editor do libro, o tamén escritor Francisco X. Fernández Naval, explica no epílogo a xestación deste volume e o motivo de publicar os relatos postumamente. Non se trata dun rescate dun material que o autor quixera manter dentro das gabetas senón máis ben de cumprir unha arela literaria e editorial que Ferreiro non puido levar a cabo por mor do deterioro da súa saúde e posterior pasamento. Ulcis é un libro póstumo, pero que podemos considerar terminado polo seu facedor.

Ulcis, desde o punto de vista literario, é irregular. Algúns textos conseguen trasladar o lector a ese universo fortemente onírico con suficiente autonomía. Nótase a presenza dun autor consciente da súa construción, en diálogo co seu tempo (neste caso, non o tempo presente senón o da década do 1950, cando se inicia a renovación da narrativa galega por parte, de entre outros, do grupo Brais Pinto, do que Fernández Ferreiro foi membro activo. Destacan nestes textos máis interesantes a presenza do fantástico rachando os límites da tradición popular galega, un lírico simbolismo que esquiva coa beleza da linguaxe os límites expresivos dun tempo marcado polo poder omnímodo da censura franquista e un xogo coa elipse moi atractivo.Noutros casos, o autor non consegue saír do esquema, do borrador argumental. Hai moitos relatos nos que eses obxectivos aínda se perciben lonxe, pendentes de reescrita, necesitados dun esforzo literario que os levanten do chan do previsible, do evidente, ás veces do conxuntural (o autor exerceu o xornalismo).

Iroba, Ertí, Iroba, nomes mitolóxicos, piares nos que se sustenta ese mundo á parte de Fernández Ferreiro, obteñen, mercé a este volume, a súa recompensa editorial. Por fin ese “ulcismo”, que definiu o propio autor como “a confusión, a ruptura con todo, a escuridade total. O inferno que ferve e queima dentro de nós. Pode que tamén a pureza. A insubornabiliddade”libérase e bota a andar dacabalo das páxinas para que os lectores se internen nos seus máxicos recantos. Como calquera materia inacabada, non sabemos se o seu autor estaría plenamente satisfeito cos resultados. Para o lector de hoxe, cabalgar Ulcis é, sobre todo, saciar unha curiosidade literaria, achegarse a aqueles tempos nos que os escritores mozos fervían de desexo de renovación, de atopar novos vieiros para a narrativa en lingua galega.

FERNÁNDEZ FERREIRO, X. Ulcis, Xerais, Vigo, 2020, PVP.16,15 €

Curiosidade póstuma

Curiosidade póstuma

Compartir el artículo

stats