Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Historias domésticas de Berlai

Indie rururbano de noso

Xiao Berlai, líder do proxecto Berlai, sobre o escenario e en plena actuación.

En moitos lugares da Galiza rural, na Costa da Morte ou na Terra Chá, tamén nesas comarcas culturalmente galegas aínda que pertencentes a outras comunidades, como o Eo-Navia asturiano, segue a manterse viva unha maneira de nomear as vivendas que fai tolear o persoal de Correos. Creada nunha época en que os códigos postais non existían e as corredoiras e camiños aínda non ascenderan á categoría de rúas co nome nunha praca, este xeito tan peculiar e tan noso consiste simplemente en colocar o apócope de “casa” -cas, incluso ca- diante do nome polo que é coñecida a familia na redonda. Así, podemos ollar “Cas Manolo” en Carnota, A Coruña; “Cas das nenas” -e, permitídeme dicilo, tamén “Cas Lavesedo”- en Boal, Asturias... ou “Cas Berlai” en Guntín, Lugo.

E precisamente este último nome, o da casa familiar, foi o escollido por Xiao Berlai para lle pór nome ao segundo disco do seu proxecto persoal, comezado hai agora catro anos despois dun tempo de silencio creativo tras a disolución de Fía na Roca, formación na que se deu a coñecer. Cas Berlai (Seispés, 2020) é un traballo que afonda na liña do indie rururbano que Berlai nos apresentou na súa estrea en solitario, Desconhecido (Axóuxere Editora, 2017), un libro-disco impresionante -no musical e tamén en todo o que o rodeaba, como a banda deseñada de Ernesto G. Torterolo que completaba o proxecto- nado a partir dun exitoso micromecenado mais que despois colleitou mellor acollida na crítica ca entre o público galego.

Os membros do grupo Rebelion do Inframundo. |

A etiqueta de indie rururbano non lla pomos nós, senón que é o propio Berlai o que adoita empregar o termo para unha súa música que bebe do rock urbano, do pop, do folk e tamén do jazz, nomeadamente neste segundo traballo. Porque Cas Berlai foi argallado durante o confinamento, e os integrantes da banda gravaron cadansúa parte desde as súas casas, para despois o propio Berlai facer na súa as misturas e rematar por pórlle o ramo ao disco, e o resultado ten un aquel acústico, nunha liña que o propio Berlai confesaba “máis jazzeira” nunha entrevista con Mar Mato nas páxinas de FARO DE VIGO hai uns días. Tampouco se pode agachar a influencia jazzística na banda que acompaña a Xiao Berlai no seu proxecto e o pouso que iso deixa nas músicas do disco. Iago Mouriño -Iago Mouriño Trío, Brothers in Band,...- nos teclados, Bruno Couceiro -Cardigan Bridge, Alfredo García Quartet,...- na batería e Pablo Pérez Sanmamed -Leilía, Banda Crebinsky,...- no baixo son tres nomes recoñecidos no eido do jazz do país e, de feito, forman eles tres o Pablo Sanmamed Trío.

Nesta segunda entrega de Berlai recae na música todo o peso creativo, aínda que Ernesto G. Torterelo volve colaborar, asinando os deseños do disco, no que tamén colabora o fotógrafo de Lourenzá Ignacio Castro, Nachok. Mais o que si que mantén en común co primeiro traballo da banda é a aposta por artellar un labor conceptual, onde volve haber unha idea que vai unindo os temas do disco e che permite seguir o seu percorrido, de teres o xa case extinto costume de escoitar discos de corrido e non playlists na rede. Tamén permanece o gusto polas letras suxestivas, exquisitamente traballadas, que carecen quizais da lixeireza dos retrousos pop para ficar na túa cabeza nunha primeira escoita pero que teñen a fondura precisa para quedar gravadas se recuncas na escoita. E isto pásalle tanto as da autoría do propio Xiao como, lóxico, “A lista da compra -da viúva-”, adaptación do poema de Emma Pedreira, co que a poeta coruñesa obtivo o IV Premio Internacional de Poesía Jovellanos, ‘El Mejor Poema del Mundo’ hai uns anos.

Desta volta, é precisamente a casa familiar a idea que sustenta o traballo e cada un dos nove temas que compoñen o disco transfórmase nalgún dos cuartos de Cas Berlai. Así, a cama, o corredor, o espello pero tamén o wáter ou a cas de Tróski toman feitura musical para nos contar unha historia doméstica, que fala da casa na que tivemos que permanecer durante semanas, con tempo dabondo para nos conciliar coas nosas pantasmas.

A Vendetta de Rebeliom do Inframundo

Desde hai uns anos, Ponteareas vénse convertendo no epicentro do novo rap galego, con formacións como Flow do Toxo, SonDaRúa ou Rebeliom do Inframundo, banda pioneira no hip-hop do Condado. Porque son xa quince anos de rebelión constante, para unha das formacións galegas con máis suceso entre a mocidade. A banda de Ponteareas leva desde o 2005 a mostrar o seu estilo contundente polos escenarios do país e tamén doutras partes do Estado, nunha andaina que tivo un parón no 2012, despois da saída de DJ Rapu e que se reactivou uns anos despois, coa incorporación dos MCs Malvares de Moscoso, ex-Trasnos de Moscoso, e Frank Huxley, pertencente ao colectivo “Verso Libre”, un novo produtor musical, Movementss, e tamén un novo DJ, Ichi, que se viñan a unir ao carismático Nervo nesta segunda etapa dos Rebeliom do Inframundo, máis produtiva ca a anterior e na que levan publicados dous discos longos, Lume e Rebeliom (2016) e Ilegal (2019) así como algún single.

Precisamente, “Vendetta” é o seu novo single, publicado a comezos deste mes de decembro, producido por Malakkor, autor tamén da base instrumental, con efeitos FX de Mowmentss e scratch de Dj Pol. Gravada, misturada e masterizada por Frank Huxley en Lume Estudios e cun videoclip de Sergio ‘Steel’ Cora, esta nova canción dos do Condado vai na liña propia de Rebeliom, contando e cantando as cousas claras, como veñen facendo desde que, de cativos, comezaron coas primeiras rimas no Inframundo de Pontakas

Compartir el artículo

stats