O destino ás veces é tan enredante que fai que as cancións dun artista pensadas para o seu terceiro disco, ó final, pasen para o segundo álbum. Foi o caso de “Cas Berlai”, a nova entrega discográfica do ex Fía na Roca Xiao Berlai acompañado por Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados).

O traballo chega despois da súa opera prima sonora “Desconehido”. “Cas Berlai” ten unha conexión especial co confinamento. “Case tódolos temas compuxéronse antes do peche pero a gravación foi durante el”, explica o propio artista.

Pero hai outro vencello co encerro da pandemia. “Como cada músico gravou cadansúa parte dende a casa, o son é acústico, con piano, contrabaixo, guitarra e batería sen ser cañeira. É un son máis próximo a unha liña jazzeira”, engade.

Ademais, hai uns sons especiais. Ó non poder recurrir a músicos de vento durante o peche, “substituín os ventos por kazous feitos na casa. Son instrumentos con membrana de plástico que construín eu. Mesmo teño un vídeo para que a xente os poida facer”, explica.

No seu Facebook, baixo o título “Soluçons pra quando esqueces o instrumento na casa”, explica como artellar o kazou a partir dunha botella de plástico e un cutter. “Despois, en canto ó texto, intentei nas letras facer unha especie de reconciliación coa casa e cos fantasmas que ó mellor nos visitaron no confinamento a todo o mundo ó ter moito tempo para convivir co fogar. Ese tempo foi moi duro para moita xente. No meu caso, non, porque paseino na aldea e puidemos saír á horta sen problema”, detalla.

A nostalxia e amelancolía son están como cuño sonoro das cancións que levan como título “Cas Berlai”, en homenaxe á casa familiar do seu avó en Guntín (Lugo). De pequeno, dicíanme que eu era un neno dos Berlai, por iso, púxenlle o nome ó proxecto no primeiro traballo e, no segundo, quixen que aparecera esa maneira de chamarlle á casa en moitas partes de Galicia (cas)”.

Tras realizar unas pesquisas “coa xente de En Galego polo Twitter”, Xiao Berlai explica que coñeceu que “cas” , ademais de na súa aldea, e en Friol tamén se di na Costa da Morte. “É curioso ver como está salpicado por diferentes puntos de Galicia onde a casa leva tamén o nome propio da familia”, apunta.

Berlai recoñece que este “é un momento complicado porque un disco requere directo para ser presentado”, o que está sendo dificultado polas limitacións da pandemia.

Pero tamén agrega que este era o momento de “Cas Berlai” pola conexión que temos agora mesmo coas casas, por estar tan presente a nosa relación con elas.

Non obstante, garda con cariño a actuación recente no Culturgal: “Foi unha mostra pequena di disco e era a primeira vez que o tocabamos en directo. As outras veces, tocámolo cada un na súa casa. Así que era a primeira vez que nos xuntabamos para tocalo. Foi bonito e tivo unha enerxía moi especial. A xente que puido vir dixo que lle gustara moito”.

Berlai conclúe que ten en mente ofrecer algún concerto a porta pechada para transmitir en streaming para a xente que merque o disco, “como un presente para esas persoas”.