Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A renovación cultural nunha Europa en crise

Historia do pensamento (XII)

Vista parcial de Florencia, unha das capitais da cultura medieval e renacentista.

Dante Alighieri (1265-1321)

Guillerme de Ockam (1285-1349).

A fame e as pandemias, das que a máis mortífera foi a peste negra (1346-1358), e as guerras, das que salientan a guerra dos cen anos (1337-1453), o Cisma de Occidente (1379-1417) e o conflito entre os güelfos (leais ao Papa) e os xibelinos (partidarios do emperador), xunto co elevado número de mortes que provocaron, foron as grandes protagonistas do longo século XIV europeo (1325-1450). Asemade xurdiron movementos de rebeldía, como a jacquerie (1358), os ciompi (1378-1382), o levantamento inglés de 1381 ou a revolta da Irmandade Fusquenlla (1431). Así mesmo, nese contexto prodúcese unha profunda renovación do pensamento da Europa cristiá, que se manifesta na evolución da arte, a literatura, a música, a filosofía e a ciencia.

O saber medieval no Dante poeta e político: Na Divina Comedia (1304-1321), unha viaxe na que, acompañado polo poeta latino Virxilio, transita primeiro polo inferno e polo purgatorio e logo, da man da súa amada Beatriz, accede ao paraíso, Dante (1265-1321) exprésase como un home culto do seu tempo. Efectivamente, ao longo desa viaxe iniciática, a medida que se vai atopando con ilustres persoeiros da historia reinterpreta o saber medieval dun xeito orixinal, dende unha perspectiva humanista, o que o converterá nun dos intelectuais que inspirarán unha profunda renovación da cultura europea.Así, no último dos círculos do inferno, onde se atopa Lucifer nun lago xeado a devorar os traidores de Roma (Bruto e Casio) e de Xesús (Xudas), expresa todo un programa político; ademais, ao clasificar os pecados segundo se cometan por incontinencia, bestialidade ou malicia, Dante está a demostrar un profundo coñecemento da Ética de Aristóteles. Outro exemplo de reinterpretación do saber medieval é a recreación do purgatorio, onde os condenados expían os seus pecados, que entende como perversións terreais do amor divino, polo que está a reformular o estado do purgatorio nun sentido máis próximo a como vai ser definido no Concilio de Florencia (1431), que aos pais da Igrexa que se referiron ao purgatorio en tempos anteriores. No paraíso, Dante expresa a cosmovisión medieval que sitúa no centro do universo á Terra, arredor da que xiran os diferentes círculos (ceos) do universo aristotélico: Lúa (onde sitúa aos anxos), Mercurio (arcanxos), Venus (principados), Sol (potestades), Marte (virtudes, onde contempla a fe, a esperanza e a caridade), Xupiter (dominacións), Saturno (tronos), estrelas fixas (querubíns: Cristo, a Virxe, os apóstolos e Adán) e o primeiro motor (Deus), situado no Empíreo ou paraíso celestial, onde están todos os benaventurados sentados ante El. Porén, fronte a esa visión herdada de Aristóteles e Ptolomeo e ‘cristianizada’ por Tomé de Aquino, Dante, móstrase de novo como un home culto do seu tempo, e introduce unha reflexión procedente do pensamento científico que estaba a desenvolver Guillerme de Ockham: “Mais desta instancia pode liberarte / a experiencia, cando é realizada, / que é fonte do arroio da vosa arte”.

Así mesmo, logo de tomar partido polos güelfos que apoiaban ao Papa no seu conflito co emperador, como deixa constancia en varios versos da Divina Comedia, en 1313, mentres redactaba o “Purgatorio” (ca. 1316), escribe De Monarchia, na que -inspirándose nas palabras de Xesús: “dade ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus”-, defende a independencia do imperio fronte a Igrexa, cuxa autoridade se sitúa tan só na esfera do espiritual. Do mesmo xeito, nesa obra sostén que a autoridade do emperador procede de Deus -que non do Papa-, polo que o seu cometido é garantir o benestar temporal e a liberdade dos seus súbditos e asegurar o sometemento dos seus súbditos á autoridade da Igrexa.

Á conquista da realidade

A carón de Dante, autores como Petrarca (1304-1374), cuxo Cancioneiro é dunha profundidade psicolóxica innovadora; Boccaccio (1313-1375), que fai que cada un dos contos do Decamerón, ás veces cómicos, lúdicos ou eróticos, sexan unha reflexión humanística da vida; Chaucer (1340-1400), quen nos Contos de Canterbury afonda na caracterización dunha ampla variedade de personaxes que ‘debaten’ sobre o mundo; ou Juan Ruíz (1283-1350), quen no Libro de bo amor realiza un percorrido a través da sociedade castelá, están a establecer as bases da literatura posterior.

O mesmo ocorre no ámbito da arte: Giotto (1267-1337), Angelico (1395-1455) ou Masaccio (1401-1428), Ghiberti (1378-1455) ou Donatello (1386-1466), loitaron por expresar e recrear a realidade nas súas obras, investigando sobre a perspectiva, a cor, o movemento, o corpo humano...E aínda contece asemde no ámbito da ciencia, son anos nos que partindo da defensa do empirismo de Ockham (1285-1349) e do seu discípulo Buridan (1295-1363) e das dúbidas encol ao xeocentrismo, se remata co heliocentrismo de Copérnico (1473-1543).

En xeral, neste longo século XIV asistimos a un percorrido intelectual que vai dende o mundo teocéntrico até o mundo antropocéntrico, que é a reacción a un tempo de fame, peste, morte e destrución.

Compartir el artículo

stats