Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lenda, ficción, etnografía

Excelentes lembranzas

Lenda, ficción, etnografía

Xosé Lois Ripalda (Carballedo, 1940) é un mestre xubilado que dedicou toda a súa vida ao ensino, á observación e á aprendizaxe, e en gran parte a escribir. Os seus primeiros libros dedicounos á narrativa, e xiraban arredor da cotidianeidade da xente da súa freguesía de Erbedeiro, preto do Miño. Despois virou cara á literatura infantil. Pero, sobre todo, a súa gran paixón foi a etnografía, á que lle dedicou moitísimas horas de investigación, e da que naceron moitos libros, como A cultura tradicional do pan, A carón da roda. Vida dun afiador, Erbedeiro, vida e esmorecer dunha freguesía e O libro das fontes, xunto con moitos artigos. É máis, todo o que fai ten un notable trasfondo etnográfico enraizado na tradición e na cultura popular, e este libro que comentamos, Historias do meu arrabalde, é tamén unha mestura de historia, lenda, ficción, tradición popular, etnografía básica… que abrolla en todas e cada unha das cento e vinte páxinas das dezanove narracións.

Non naceu en Vigo, pero forma parte do aluvión que a conformou e a sostén, orixe dos vigueses novos que a desenvolven. Chegou hai moitas décadas, aos dez anos, e coñécea ben e en profundidade; ora ben, o autor céntrase no seu barrio histórico, en persoas que habitaron o casco vello e foron máis ou menos coñecidas polos veciños ao longo dos anos. Protagonista común é o mar, certo e básico, pero todas as historias teñen base real, e moitos personaxes mesmo nome propio, indo desde as cómicas ata as tráxicas, pasándo polas románticas e mesmo polas picarescas, como Arca de Noé. Non podía faltar, claro, A lenda da Oliveira. Por iso é un libro excelente para todos: para uns para coñecer historias certas; para outros para lembralas con morriña.

RIPALDA, Xosé Lois, Historias do meu arrabalde, Ir Indo, Vigo, 2020, PVP. 12 €

Compartir el artículo

stats