Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tempo, violencia e azar

A obra de Alberto Ardid en Apo´strophe

Aspectos da mostra orixinal de Alberto Ardid que se expón nas instalacións da galería Apo´strophe arte.

Tempo, violencia e azar

Tempo, violencia e azar

Tempo, violencia e azar

A relación entre a transferencia, o intercambio, os fluxos de comunicación espazo-temporais e a arte é unha ligazón natural, como a que se establece en calquera outro ámbito da actividade humana en que a realidade da comunicación é unha presenza constante e, en certo sentido consubstancial.

Outra cuestión, de extraordinaria importancia para entendermos este feito, é a vinculación que se establece entre a presenza dos procesos de transferencia no ámbito estético, a súa utilización por parte dos creadores e a recepción social que favorece.

É evidente que historicamente os obxectos susceptíbeis de múltiples ligazóns foron “representados” e que esta “representación” implicaba unha asimilación e/ou unha xustificación das cadeas de relacións. Desde as representacións prehistóricas ou as imaxes de poder ligadas a calquera ámbito de comunicación e dominio, a arte non fixo máis que transmitir os feitos sociais xa dixeridos e asimilados como manifestacións culturais, en certo sentido lexitimando a obxecto representado.

Un exemplo tipo sería o da representación da violencia, tamén ben asimilada, como a que nos ofrecen imaxes de sacrificio, de heroísmo ou martirio, ligadas a todo un sistema ideolóxico-relixioso que serve de soporte e xustificación deste tipo de representacións; a nosa arte desde a Idade Media até o barroco é fiel expoñente desta utilización da imaxe.

A interesantísima proposta que nos presenta Apo’strophe arte do artista vigués Alberto Ardid, titulada 00:00, un traballo fondamente conceptual, incide de maneira central nos procesos de transferencia, en especial nos procesos mentais e temporais que dan forma aos obxectos. Parte dese instante en que a conta atrás do reloxo dunha bomba deixa de mostrar o 00:01 na pantalla e mantén o 00:00 durante un período sostido no tempo. Un intre á súa vez dividido: o antes e o despois. Miles de cachos de cristal desprendéndose da súa unidade previa para acabaren noutros puntos. Todo é envolvido por unha onda expansiva aparentemente simultánea, mais con matices de décimas, centésimas, milésimas ou millonésimas de segundo. E cada un destes momentos tamén son instantes en que o movemento aparentemente non existe, como no Paradoxo da frecha de Zenón (que xamais chegará á diana), ao dividir progresivamente tempo e traxectoria en metades até o infinito. Mais a dinamita estalou, e as pezas que se mostran na galería foron afectadas dalgún xeito pola violencia do azar. Todas agás a propia bomba, que ficou detida nun intre indeterminado entre eses ceros e a explosión.

Por medio deste proceso reflexivo e creativo, o artista evidencia que o representado non é só obxecto de comprensión inmediata senón que serve para abrir reflexións sobre unha serie de valores e mecanismos de comportamento de sociedades concretas.

Estamos perante un exemplo dun tipo de traballo que amosa, na súa distancia, que a arte era, até o noso tempo, representación, e que a progresiva evolución da mesma nos está a levar a un territorio distinto pasando da representación á obxectualización, un ámbito novo en que a arte ten sentido per se. E este vai ser o novo territorio do discuro (e do decurso), alleo a verdades absolutas.

Título: 00:00. Autor: Alberto Ardid. Local: Apo’strophe arte, Praza Elíptica, Vigo. Desde o 16 de outubro

Apertura narrativa

Tendo en conta este punto de partida, podemos reflexionar sobre o tipo coordenadas en que se sitúa a representación contemporánea. En xeral movémonos nun espectro formal e temático ben amplo, que abala entre a sedución e a crítica social e que ten como un dos elementos distintivos unha apertura narrativa, que é o que caracteriza en boa medida o proxecto 00:00. Estamos perante imaxes e obxectos fragmentados, moi representativos do mundo en que estamos instalados, coas súas fracturas ideolóxicas, un aspecto que é ben perceptíbel en exemplos da mostra (e da arte actual), e que responde á necesidade de pór en evidencia as múltiples tensións que implica a presenza do obxecto e da imaxe e mesmo as estratexias de opresión que subxacen neles.

En 00:00, Alberto Ardid opta por constatar e deixar testemuño do desequilibrio, da inestabilidade substancial da relación tempo-obxecto-pensamento, captando a modificación do ámbito referencial.

Neste sentido é relevante termos en conta que a mostra funciona como un contedor de obxectos e imaxes. Alén diso, ao se presentar nunha marcada apertura semántica, a nosa lectura como espectadores pode establecer relacións cos moi diversos sentidos que as imaxes suxiren, relacionadas con problemas de linguaxe e códigos de comunicación.

Estamos, xa que logo, ante unha realidade artística que manifesta os variados achegamentos a un tema constante na arte, practicamente desde a mesma orixe do feito artístico, porque no fondo estamos a falar de factores sociais e da súa capacidade de comunicación e a súa permanencia, porque a arte ou é nun contexto e nunha dinámica social ou simplemente non é.

Toda esta percepción artística conforma, xa que logo, unha paisaxe inquietante, mais ao tempo enormemente viva e creativa. Esta sensación tensa –que é reflexo do mundo no que moramos- está tamén presente en 00:00, na súa fragmentación, frialdade e hermetismo. Unha arte, pois, para un tempo alleo a certezas xa ben afastado da utopía da modernidade que representou a vangarda histórica do pasado século.

Compartir el artículo

stats