Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cafés literarios

Sobre letras e tertulias

Terraza de La Closerie des Lilas (Montparnasse, París) a mediados dos anos 20 do século pasado.

A tertulia de Pombo (José Gutiérrez Solana, 1920).

Vivimos tempos facareños para a socialización. Estes días perimetrados teñen en xaque os nosos locais de restauración e, con eles, esa nobre e secular tradición que supoñen os cafés literarios. A modo de desagravio, vaia para eles hoxe esta acordanza.

París pode presumir de establecementos como Le Procope, no 13 Rue de l’Ancienne-Comédie, fundado en 1686, que veu pasar polas súas mesas a Voltaire e Rousseau, tamén a D’Alembert e Diderot, que parece que concibiron alí a súa Enciclopedia, como tamén Benjamin Franklin ideou nel os cimentos da Constitución dos EE.UU. Amais, Montesquieu cítao nas Letras persas e foi lugar de reunión para protagonistas da Revolución Francesa como Danton, Marat e Robespierre.Tamén na cidade das luces, mais no 171 Boulevard de Montparnasse, permanece en activo dende 1847 La Closerie des Lilas. Nel escribiu versos Verlaine, F. Scott Fitzgerald deu a ler o manuscrito de O gran Gatsby a Ernest Hemingway, que redactou alí Unha festa móbil, e tamén acolleu a Picasso ou Joyce, entre outros.E sen saír aínda de París, cómpre recordar Les Deux Magots, que fora primeiro un ultramarinos e que se converteu en cafetería en 1914. Nel quedaban para se ver Verlaine, Rimbaud e Mallarmé e pola súa barra pasaron outras personalidades como Gertrude Stein, André Gide e Albert Camus, amais dos surrealistas con André Breton á cabeza e logo tamén os existencialistas, incluídos Simone de Beauvoir e Sartre.

O café máis antigo de Italia —e poida que dos máis antigos do continente— é o Caffè Florian de Venecia, inaugurado en decembro de 1720. Situado na Piazza San Marco, foi ámbito de lecer para Lord Byron, Charles Dickens e Marcel Proust, alén doutros artistas como Modigliani.De tanta soleira coma el e aínda lugar de encontro de máis creadores é o Caffè Greco, que leva na Via dei Condotti dende 1760 vendo como polas súas portas entraron músicos como Liszt, Bizet, Mendelssohn ou Wagner e como sentaron nas súas cadeiras de veludo e mesas de mármore Goethe, Schopenhauer, Keats, Mary e Percy B. Shelley, Stendhal, Andersen, Ibsen ou Gogol.

Entre os numerosos pubs británicos de renome non pode deixar de citarse The Eagle and Child, en St Giles’ Street, Oxford. Reuníanse nel os Inklings, compoñentes dun grupo literario que entre os anos trinta e sesenta do pasado século mantiñan nel discusións filosóficas todos os seráns dos xoves e lían as súas obras. Entre eles atopábanse J. R. R. Tolkien e C. S. Lewis, que alí deron a coñecer en primicia aos seus colegas as aventuras de O señor dos aneis e As crónicas de Narnia.

Tamén en España a tradición dos cafés literarios está fortemente arraigada. Amentarei apenas tres, dous deles desaparecidos: o Café Pombo e o Café de Levante. O primeiro achábase no 4 de Carretas e nel pontificou entre 1912 e 1937 Ramón Gómez de la Serna nun seu soto que el mesmo bautizou como La Sagrada Cripta del Pombo. Da súa parte, no Café de Levante xuntaban Azorín, Baroja e mais Valle-Inclán, quen aseguraba que aquel café exercera “máis influencia na literatura e na arte contemporánea que dúas ou tres universidades e academias”. Aínda en activo está o Café Gijón, aberto en 1888 no 21 do Paseo de Recoletos. Dende aquela ata hoxe foron seareiros seus, entre moitísimos outros, Galdós, Rubén Darío, Antonio Machado, Lorca, Dalí, Buñuel, Gerardo Diego, Maruja Mallo, Buero Vallejo, Cela ou Umbral, quen escribiu a autobiográfica A noite que cheguei ao Café Gijón (1977). A cafetería deu lugar tamén a un célebre premio literario a partir de 1949.

Non me resisto a terminar sen nomear, sequera telegraficamente, A Brasileira lisboeta co gran Fernando Pessoa; o Cabaret Voltaire suízo no que naceu o dadaísmo; o Slavia praguense cos Rilke, Kafka ou Seifert; o Hotel Pera Palas de Istambul con Agatha Christie escribindo alí o Asasinato no Orient Express e Greta Garbo ou Mata Hari degustando cócteles; o neoiorquino The Algonquin Blue Bar e os corrosivos da The Round Table arredor de Dorothy Parker; a White Horse Tavern en Manhattan, onde en novembro de 1953 Dylan Thomas bebeu dezaoito whiskys ata morrer e Kerouac houbo días que saíu a gatas; ou, en fin, o Tortoni bonaerense con Alfonsina Storni, Gardel, Roberto Artl e tantos paisanos nosos.

De noso

Entre as xentes de Galicia os lugares de bo beber e de bo xantar son os idóneos para a expansión creativa. Os exemplos non teñen fin. Velaí algúns ben significados: en Santiago son históricos xa o Café Español e mais o Derby. O primeiro na rúa do Vilar, o segundo na Porta da Mámoa. Entrambos viron pasar na Preguerra a Valle-Inclán, Castelao, Dieste, Cunqueiro, Seoane e mil outros. En Lugo é toda unha institución a cafetería do Hotel Méndez Núñez, na rúa da Raíña, que en plena Posguerra veu confraternizar os Pimentel, Fole, Carvalho Calero, Fernández de la Vega ou Manuel María. Na Coruña, entre finais dos noventa e primeiros dous mil, Manuel María nucleou o faladoiro da Cafetería Kirss, enfronte do Teatro Colón, ao que asistían moitas outras voces destacadas.

Xa en Vigo non pode deixar de amentarse a célebre Taberna Elixio na Travesía da Aurora, local hoxe felizmente reaberto, onde no seu día teñen botado as cuncas e soñado libros Cunqueiro, Castroviejo ou Xosé María Álvarez Blázquez. Por remate, tamén en Vigo debe citarse o De Catro a Catro, no barrio das Travesas, auténtico epicentro da intelectualidade olívica dende os anos oitenta, no que aínda seguen a se reunir moi coñecidos lletraferits de noso.

Compartir el artículo

stats