Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alborada de Edipo

Un manifesto de Xesús Pisón

Edipo e a Esfinxe (cadro de François-Émile Ehrmann, 1903). Na imaxe pequena: o dramaturgo galego Xesús Pisón (Ferreira do Valadouro, 1954).

Alborada de Edipo

Estamos ante un volume, editado por Laiovento e prologado por Andrés Pociña, que non vai pasar desapercibido dado o interese dos problemas que propón e por ser discutibles moitas das solucións que se achegan no que se define como procura persoal, allea aos discursos científicos e académicos. Semellaría que o paradigma escollido é aquel que se define como pos-académico, que ten na condición pos-moderna parte dos seus fundamentos, moi especialmente en relación aos resultados, que non buscan explicacións senón narracións, coa súa carga estética e retórica. Na capa traseira, afírmase que o autor quer achegarse ao misterio, ao drama, ao enigma, e ao mito de Edipo “da man do coñecemento e da intuición poética” renunciando a calquera método ou escola interpretativa, refugando as posibilidades que ofrecen a literatura ou a mitoloxías comparadas, tan oportunas en obxectos de estudo como o que se enfronta.

Esa aposta discursiva podería relacionarse coa peripecia da escrita de Pisón, que se transparenta en pezas onde collen relevancia conceptos como fractal, rizoma, quanta ou entinema, na exploración dun modelo asentado no monólogo como forma básica de enunciación pero tamén na acoutación sen diálogos, e moi marcado pola brevidade, a borrosidade e por tantos baleiros e ocos. Igual de breves son os capítulos do volume, pois semella que se aforran palabras, evitando a argumentación. Unha escolla que sitúa a persoa que se achega ao texto nunha certa perplexidade, ao debullar frases como: “Hamlet e Ahab son e mesma criatura” ou “o odio ao teatro é odio á vida”. Tamén nunha certa indefensión pois non se ensinan todas as cartas (as fontes), as que esa persoa debruzada na lectura debería analizar para valorar todo o que o autor afirma, por veces de forma tallante. Así acontece na referencia á versión antiga de Branca de Neve, sen dicir cal poida ser (ao mellor a historia real de Margaretha von Waldeck). O diálogo, tórnase pois imposible, dada a forza dun monólogo que actúa a modo de proclama, que non alenta a contestación.

Nesa aposta pola autorreferencialidade o volume vai conformando un manifesto poético, no que o autor traslada, partindo da figura do Edipo, a súa visión de mitos literarios pertinentes, e visto así nada sería obxectable. Como diría Pirandello, Así é, se vos parece. A destacar o capítulo último, cun feixe de historias, tiradas de tradicións varias e vinculadas co incesto no folclore e na mitoloxía, o que dá conta da presenza do “edípico” en culturas diversas no tempo e a xeografía, se ben non todas manteñen o vínculo esencial coa “materia tebana”, e así acontece coa vida de Mac Bethad mac Findlaích, que tanto revirou Shakespeare. Polo conxunto pode adiviñarse a pegada de Otto Rank e dos seus estudos sobre os heroes, quen fixo interesantes achegas ao campo da mitoloxía comparada, pero tamén na historia literaria e das relixións, notablemente na esexese de personaxes coma Gilgamesh, Teseo, Edipo, Rómulo ou Sigfrifo, e aos que Pisón suma Hamlet, Macbeth, Fausto, Ahab, Frankenstein ou Branca de Neve.

Na obra latexan con forza os presupostos do Naturalismo, entendido na súa orientación máis filosófica, que tanto influíu en Rousseau, e na tensión permanente entre natureza e cultura que se pode documentar en toda a historia do pensamento occidental. Unha defensa da orde natural popularizada por autores coma H. D. Thoreau, promotor do movemento libertario nos Estados Unidos, que tamén inflúe nas primeiras prácticas escénicas do Bohemian Club de San Francisco e nos primeiros Grove Plays, nos que se deixa sentir a deriva dionisíaca. O primeiro dos seus High Jinks levaría por título The Man in the Jungle, a Legend of the Tribe (1902), un verdadeiro Teatro da Natureza que non coñeceu Antón Villar Ponte. Tamén abrolla no texto unha dura crítica á cultura en tanto cerna da civilización que estoura co neolítico (“a cultura tende á morte”, escribe Pisón), e unha defensa do paleolítico, cando o ser humano integraba unha fraternidade primixenia, en plena simbiose coa natureza. Un manifesto a favor do que a civilización occidental catalogou como Mal, na procura dun escenario perdido.

Teatro e rebelión

Na obra pairan dous discursos que se mesturan de forma permanente. Dunha banda a abordaxe do tema central, a visión da traxedia de Edipo e a súa pegada na orde humana actual, por canto a súa condena trouxo o asentamento da cultura tal e como hoxe a entendemos, lonxe do paraíso da irmandade primordial; da outra unha defensa apaixonada dunha determinada maneira de entender o teatro, que en boa medida se emparenta con canto deixou escrito Artaud, especialmente en Le théâtre et son double (1938), onde o hóspede dos Tarahumaras formula o teatro da crueldade e unha condena radical da praxe escénica occidental. Vaiamos co segundo.

Para Pisón o teatro verdadeiro sería unha sorte de rito comunal de iniciación, no que os participantes na cerimonia colectiva, da man de oficiantes, poetas e comediantes, vivirían unha sorte de iluminación, revelación íntima e toma conciencia da natureza real da realidade, que conduce á subversión. Hai, porén, dous tipos de teatro, aquel que como dixera J. L. Moreno vén sendo unha conserva cultural, e aqueloutro que, na súa cerna dionisíaca primeira, quere cuestionar, denunciar, derruír mesmo, a orde establecida. En diferentes momentos do século vinte, moitos colectivos quixeron desenvolver tal proxecto, ora cunha praxe experimental, Living Theatre ou Bread and Puppet, ora con actos revolucionarios, como San Francisco Mime Troupe ou Diggers, sen esquecer movementos pioneiros na presentación escénica coma Fluxus, o AccionismoVienés ou COUM Transmissions. Por aí seguimos, agardando.

Compartir el artículo

stats