Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O castelo de Piconha

Unha fortaleza para o Couto Mixto

Vista aérea do Outeiro da Almena onde estivo situado o castelo da Piconha. Ao fondo, Randín.

Detalle do alxibe da fortaleza, cavado na rocha.

Coñecido tamén como Outeiro da Almena, o da Picoña (voz derivada de “pico”, sinónimo de “cume”, “montaña elevada”) foi un castelo roqueiro construído polo Reino de Portugal na actual parroquia de Randín (Calvos de Randín). En 1187 o rei Sancho I de Portugal (1185-1211) concedéulle a súa primeira carta foral, o que lle permitiu asumir a categoría de vila como cabeza das Terras da Piconha.

A fortaleza foi construída para o control e defensa da fronteira de Portugal co Reino de Galicia, xunto coas do Portelo, Montalegre, Monforte do Río Livre e Chaves, no mesmo contexto que as torres das comarcas de Limia e Monterrei. Ademais “em zonas de particular ligação à transumância dos gados e à vida pastoril de montanha, os castelos”, caso deste da Piconha, “serviam como centros de controlo e exacção fiscal através da cobrança de «montados»” sinala a medievalista lusa Costa Gomes (2002). A Piconha domina o curso alto do río Salas, por onde discorre o Camiño Privilexiado, que une as aldeas mixtas (Meaus, Santiago e Rubiás) coa freguesía lusa de Tourém (Montalegre). Randín, o maior núcleo de poboación da zona, estivo defendido tamén por outra fortaleza erguida no medio da vila, que xunto coa torre do castro de Rubiás, facían de contrapeso defensivo galego fronte á Piconha portuguesa.

En 1221 foi arrasado polas tropas de Afonso IX de Galicia e León. Reconstruído e outra vez vencido en 1388, dótase de novas murallas en tempos de João I de Portugal (1385-1433). Xa en 1390, “no contexto das negociações de tréguas”, A Piconha foi entregado á Coroa de Castela xunto cos castelos de Bragança e Miranda. Baixo o reinado de Manuel I (1495-1521) foi reparado de novo, pero xa en 1538 non vivía nel máis có seu alcaide, sendo cedida catro anos despois ao Duque de Bragança. A fin da praza dátase en 1650, coincidindo coas Guerras de Restauración (1640-1668), sendo derrubado definitivamente polo exército castelán. Máis adiante, o 22 de novembro de 1788, o ouvidor da Comarca, Miguel Pereira Barros, visita o Outeiro da Almena e escribe: “não achei nem castelo, nem mais vestígios do que um poço com degraus [escaleiras], e menos achei casas algumas”.En fin, estas Terras da Piconha, xunto coas do Couto Mixto, pasarían definitivamente á soberanía española o 29 de setembro de 1864, tras da sinatura do Tratado de Límites de Lisboa, que definiu a fronteira actual.

Por iniciativa do concello de Calvos de Randín, un equipo arqueolóxico dirixido por Breogán Nieto vén de levar a cabo un exhaustivo traballo nos restos do castelo que permitiu documentar unha serie de estruturas ben recoñecibles: unha porta, un baluarte, unha estancia murada, patio de armas, escaleiras talladas na rocha, dúas terrazas e -no centro, presidindo o conxunto- unha torre da homenaxe de planta pentagonal que chegou a debuxar Duarte de Armas en 1510 por encargo de el-rei D. Manuel I.“Esta torre da menagem é fundada sobre penedos e tem dois vãos [pisos]; e é coberta de palha; tem de altura 12 varas e a lugares 7 varas e 1 palmo; ela e os muros da foraleza são de canto talhado [cantaría traballada a cicel]; e a grossura do muro dela 1 vara”, escribe o debuxante e escudeiro Duarte de Armas. Da súa parte, indica Costa Gomes (op.cit) que en 1518 tivo lugar un dos episodios máis sanguinarios arredor do castelo, cando “envolvendo as aldeias de Randim, Requiás e Tourém, onde se acenderam sucessivas rixas [revoltas] «com morte de homens e mulheres» na escala das dezenas de baixas e com a directa participação do alcaide do castelo português”.

Inscricións, alquerques e béstas

Hoxe a fortaleza non conservan muros visibles, pero si numerosos negativos e marcas na rocha que permiten recoñecer a súa configuración orixinal. Nos penedos tamén podemos ver inscricións e gravados medievais de natureza identitaria, simbólica e lúdica. Así, na plataforma principal do castelo documentáronse cinco alquerques gravados na superficie da rocha; ao que hai que sumar un sexto no baluarte oeste. O alquerque de nove, orixinario do Oriente Medio, é un dos taboleiros de xogo máis antigos do mundo,chegando a facerse extremadamente popular na Europa dos séculos XIII e XIV.

Ao oeste da torre e apuntando cara á entrada foi gravada unha bésta, arma medieval derivada dunha evolución do arco e antecedente das armas automáticas. Moi estendida no século XVI, era coñecida pola súa gran potencia mortífera, capaz de atravesar cos seus proxectís as armadura dos cabaleiros. Nos traballos arqueolóxicos atopáronse dúas puntas de virote que puideron pertencer a esta arma. Asemade, ao abeiro do torreón escavouse un alxibe na rocha con capacidade para máis de cinco mil litros. As súas paredes foron recebadas cun fino morteiro para conservar as augas

limpas para abastecemento do castelo.

Unha inscrición, situada na cara vertical dunha rocha ben visible, situada no acceso ao alto da torre desde o patio de armas, sinala un lugar preeminente no tempo en que o castelo estivo en uso. Alí os arqueólogos atoparon unha serie de gravados e inscricións (círculos, unha estrela de cinco puntas e fragmentos de vocábulos). Pero entre todas elas destacan dúas: a palabra CASTRO (lat. castrum, fortaleza) e unha cruz latina de tres traveseiros que tamén aparece nos marcos que delimitan O Couto Mixto.

Compartir el artículo

stats