Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Caprichos espidos

Xosé Poldras e a tradición do grotesco

“Beizón e consello”.

“Tamén a noiva para el”, de Francisco de Goya.

“Tamén a noiva para el”, de Francisco de Goya.

Capricho nº 47, de Francisco de Goya.

Capricho nº 47, de Francisco de Goya.

“Proyecto 2. Grabado B”, de Francisco de Goya.

“Proyecto 2. Grabado B”, de Francisco de Goya.

O Centro Municipal Valente, na Rúa do Paseo de Ourense, ofrece unha exposición do pintor e gravador Xosé Poldras (A Coruña, 1969). Nela o artista presenta un cartafol debuxos que versiona o álbum dos Caprichos de Francisco de Goya. Alén diso, a mostra complétase cun conxunto de once gravados e cunha comparación dalgúns debuxos do álbum Nós de Castelao cos Caprichos de Goya, ambos expostos en edición facsimilar. A exposición contén oitenta debuxos, coa técnica de grafito sobre papel, que forman parte dunha obra gráfica máis extensa (160 debuxos en total) executados para acompañar o estudo teórico sobre unha vertente dos Caprichos, tema da tese de doutoramento de Xosé Poldras. Alén do do interese plástico, estes debuxos constitúen un estudo anatómico pormenorizado de todos os variados personaxes que poboan a carpeta de Goya aínda que o que destaca é que conxunto da serie inspirada nos Caprichos acentúa aínda máis o expresivo da liña, conservando unha rotundidade plenamente actual.

As referencias que escolle o artista nesta mostra: o Goya dos Caprichos e o Castelao do álbum Nós, sitúanse nunha xenealoxía que se liga ao concepto de “grotesco”, algo que tamén se pode percibir no traballo que presenta Xosé Poldras que, conscientemente, se insire nunha tradición que parte do século XV cando en Roma se descobren enterradas as paredes da Domus Aurea, o conxunto palatino erguido polo emperador Nerón no século I d. C. Nestes muros pairaban arquitecturas inverosímiles e imaxes ingrávidas de seres híbridos. Despois deste achado, as alusión a este estilo da arte romana van espallarse por toda Europa durante moito tempo.

O grotesco na arte xorde, pois, como forma decorativa acrecentando aos poucos os seus significados e acabando por se integrar de vez como termo moderno na iconografía desde a época romántica. O concepto sitúase alén da beleza e da fealdade como síntoma dun proceso histórico, ligado, pois, a unha concreta temporalidade, que no caso de Goya, abre a arte moderna cunha potencia absolutamente brutal. Esta liña da modernidade, pola súa fondura e intensidade expresiva e conceptual, tamén ten algo de desolador, con todo ese mundo deformado e deformante que algúns artistas utilizan como modelo para o seu traballo, imaxes que vistas con ollos de hoxe non deixan de transmitir unha forza non exenta de desacougo, nunha combinación, con moita frecuencia, de banalidade e horror, todo un síntoma de boa parte dos procesos históricos da época moderna.

A crueza que sempre está detrás do grotesco atinxiu, desde o século XIX, unha profundidade autorreflexiva, de afondamento no coñecemento da propia identidade e de análise da condición humana en ben variados pintores, de Honoré Daumier a Pablo Picasso ou Francis Bacon, de William Hogarth a George Grosz ou de James Ensor a Juan Muñoz e Cindy Sherman. Mais Xosé Poldras, sen ignorar estas connotacións tráxicas, dota as súas figuras dun valor ben distinto, acentuando o carácter expresivo e estrutural. Desde o punto de vista plástico as obras participan da súa análise do goyesco, e nelas a referencia figurativa funciona como un alicerce que arquitecta a obra e que serve de soporte á xestualidade. A intensidade xestual destes debuxos acababa por configurar un universo analítico, en que finalmente o que triunfa é a plástica do debuxo como opción estética e vital.

Título: Os Caprichos espidos

Autor: Xosé Poldras (Goya e Castelao)

Local: Sala Valente do Concello de Ourense, Rúa do Paseo, Ourense

Entre o consciente e o inconsciente

En Xosé Poldras a alusión figurativa semella converter a debuxo nun tránsito entre o mundo consciente e o inconsciente, entre memoria e visibilidade. A chave deste tipo de obras está na combinación dun punto de partida de base plástica que acaba por atinxir un carácter conceptual -unha sensación, un estado anímico, unha experiencia de comunicación co medio natural- para a partir de ambas crear un mundo baseado na estilización de trazo e xesto. A dosificación deste xogo de elementos é o que permite a conexión emocional, o que fai que as obras funcionen como fontes de expresividade e comunicación, xa liberadas do peso da simple realidade; aspecto este de funcionaren como expresión e comunicación non tan frecuente como nunha primeira impresión non atenta puider semellar. Desbótase o innecesario, ficando signos elementais do debuxo, como trazo que transmite un efecto móbil e expresivo, fuxindo da rixidez no trazo. Poderiamos concluír subliñando que nestes traballos o artista, sen renunciar ao sensitivo, acaba por configurar o cadro como un sistema de pensamento. Arquitectura, xesto, pensamento e pulsión, todo un programa para afrontar os retos da plástica nunha realidade estética en constante mudanza mais ao tempo consciente da súa indisolúbel ligazón coa tradición e na que o grotesco segue a ser un magnífico instrumento para a representación crítica do mundo que nos toca vivir

Compartir el artículo

stats