Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Imaxes desde o pasado

A paisaxe como constructo social

A Ponte Nova de Betanzos nunha instantánea dos anos 30 do pasado século

A Ponte Nova de Betanzos nunha instantánea dos anos 30 do pasado século

Cando, naquel 2 de maio de 1927 e no Teatro Principal de Pontevedra, comezou a rodar o filme, os asistentes ao acto puideron ver a súa Ría e as súas terras desfilando ante eles por primeira vez nunha película que recollía imaxes en cor. Enrique Barreiro estreaba Pontevedra, cuna de Colón, filme onde apoiaba as teses de Celso García de la Riega sobre as orixes galegas do navegante e ao mesmo tempo puña en práctica a súa última patente: a cromacolor. O éxito foi rotundo; Pontevedra, da man de Barreiro, acababa de inventar para España o cine en cor.O filme -agora restaurado pola Filmoteca Nacional/CGAI- constitúe un interesantísimo documento gráfico da época, do cal poderiamos analizar multitude de temáticas, pero desta volta ímonos quedar co que se ve a simple vista: isto é, coa paisaxe galega de hai cen anos.

Toda análise da paisaxe debe partir dunha premisa básica que non sempre temos en conta: ollar a paisaxe é moito máis que ver un medio físico de seu; trátase de decartarnos que ese ambiente constitúe un constructo social, unha modificación humana vivida desde hai miles de anos. Neste senso resulta moi interesante a perspectiva que sobre a paisaxe galega nos ofrece Miguel A. Murado na súa obra Outra idea de Galicia, onde contrapón a idea de “paisaxe humanizada” fronte á máis espontánea de “paisaxe inocente.” Nun capítulo titulado precisamente “A paisaxe inocente”, Murado repasa a nosa paisaxe relendo nela algúns feitos representativos da historia: as estradas actuais coa súa orixe romana, o foro como responsable do minifundismo galego, o xurdimento do turismo e a propaganda no Medievo co auxe das peregrinacións a Compostela, o Románico como mobiliario do rural galego, as revoltas Irmandiñas como causas da práctica inexistencia de castelos nos nosos outeiros, a deforestación galega, os campos de pataca e millo como antesala da emigración... Aos seus ollos, imos descubrindo mesmo como a verde Galicia, esa de montes puros, frondosos e orixinarios; esas de néboas eternas, míticas e máxicas; esa de mar gris, bravo nas costas e calmo nas rías; esa onde mesmo a chuvia se converte en arte... esa Galicia coa que os foráneos nos identifican, e que mesmo os galegos ás veces tamén recoñecemos coma nosa..,. é un constructo cheo de clichés poéticos, propagandístico, nunha época, e creación literaria de escritores foráneos, noutra. As dúas caras da moeda: mentres os escritores da xeración do 98 quixeron ver naquela paisaxe virxe e frondosa un recurso poético, mítico e máxico, os galegos vivían esta “pureza” no drama da emigración.

Mercado en Santiago de Compostela (ca. 1900)

Pontevedra, cuna de Colón amósanos paisaxe, muíños en funcionamento, cruceiros, casas de cachotaría, árbores frondosas, edificacións relixiosas...; amósanos un rural que recoñecemos e uns núcleos urbanos como Pontevedra e Vigo dificilmente recoñecibles. Neste senso resulta interesante tamén un traballo titulado Unha viaxe por Galicia 1929-2009 onde Pablo Gallego Picard compara imaxes galegas tomadas por Luís R. Alonso a comezos do século XX para a Exposición Iberoamericana de Sevilla coas súas, tomadas nos mesmos lugares moitos anos máis tarde: o que antes era praia é agora cancha de tenis, onde antes había pallozas con xentes, hai agora turistas e museos; onde había vilas con casas de pedra, aparecen agora construccións de ladrillo cun dubidoso plantexamento urbanístico; onde había patrimonio en ruínas, hai agora patrimonio restaurado; onde había un río que servía para lavar, aparece agora o río como lugar de deportes de ocio... Igual que na obra de Barreiro, ollar un século atrás significa atopar menos árbores que na actualidade, máis campos adicados ao cultivo, unhas zonas costeiras e núcleos urbanos descoñecidos aos nosos ollos; ollar desde hoxe e poder comparalo suponos unha riqueza inmensa que nos permite cuestionarnos moitas cousas: por que hai tanto eucalipto?; cando chegaron as palmeiras?; cando a praia deixou de ser centro de traballo para se converter en lugar de ocio?; por que se nos ocurreu reencher o mar para pasear?... elementos que cambiaron a nosa paisaxe, froito de que fomos. E que a están a cambiar arreo, como exemplo do que somos e do que queremos ser.

Compartir el artículo

stats