Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

libro

A Compostela das revoltas

Con estrutura circular

Despois de ser premiado en varias ocasións, dende logo 2019 foi o ano do triunfo total de Antonio Piñeiro no eido da novela curta, subxénero no que acumulou nada menos que tres premios: o Concello de Curtis por Onde nos levan, o Neira Vilas por Esca e o Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira por Celada. Resulta curioso que un autor que afirma sempre que o xénero no que máis cómodo se sente é a poesía non deixe de recibir premios por textos narrativos.

A novela nace dun suceso real acontecido no pasado, o asasinato dun estudante de medicina nunha carga policial a causa dun “disparo fortuíto” que non é tratado dun xeito documental senón só como pretexto narrativo. A partir del o escritor mergúllanos na atmosfera santiaguesa dos anos 70 esvaída no tempo máis moi concreta en referencias toponímicas das rúas e arquitectónicas con ese edificio do Castromil. No libro salienta especialmente a recreación da época; o profesor ribeirense manexa con mestría o debuxo desa atmosfera compostelá de revoltas estudantís, forzas da orde, represión e silencios e tamén a da propia vida da década dende o punto de vista documental a través de numerosos elementos de consumo e mais tamén dos medios de comunicación. Consegue isto alimentando todos os nosos sentidos, especialmente o auditivo ao nos ir ofrecendo unha banda sonora da época na que non faltan Deep Purple, Las Grecas, Cecilia ou Joan Báez. E nesa recreación de ambientes o autor enriquece todos os nosos sentidos, non só o auditivo, e así chegan a nós dende o recendo mesturado da rúa mergullada en poalla, gasolina e folios de estudante ata o do hule dos manteis pasando polo Ducados e o Whiston, o gusto da Mirinda, do Calisay.

Piñeiro ofrécenos unha novela de estrutura circular que comeza cun feito puntual, a entrada do inspector Alain nun bar e a partir de aí vai desenvolvendo toda a trama ata rematar no mesmo lugar.

Entre as dúas escenas o escritor constrúe o texto mediante a técnica cinematográfica utilizando a secuencia como elemento estrutural autónomo que na súa sucesión lle vai dando sentido a un conxunto que funciona ben grazas á estratexia que utiliza ao nos ir dosificando a información ata o final a través de múltiples voces narradoras. Deste xeito, o autor vén sumar unha referencia literaria para os últimos anos do franquismo, un tempo realmente pouco presente na nosa narrativa malia a facilidade para rexistrala. Quizais precisamente esa proximidade faga que moitas das plumas do país fuxan del por medo de caer nunha autobiografía non buscada, parabéns para el por enriquecer deste xeito o Santiago literario da época.

PIÑEIRO, Antonio, Celada, Ed. Xerais, Vigo, 2020,

PVP. 16, 15

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.