Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte por catálogo

A nova obra sobre papel de Lito Portela

Unha das pezas que Lito Portela presenta na mostra Arte por catálogo que se está a expoñer en A Madriña.

O pintor e escultor Lito Portela (Moaña, 1958) presenta a súa última produción sobre papel baixo o título de Arte por catálogo e faino nun novo local que leva o nome d’A Madriña. Trátase dun espazo galerístico situado na viguesa rúa Churruca onde se dá a coñecer un novo proxecto expositivo no centro da cidade, toda unha aposta en tempos moi complicados para iniciativas artísticas e para a produción cultural en xeral, un ámbito fortemente afectado pola pandemia do coronavirus. A exposición, que se poderá visitar soamente durante catro días, remata o vindeiro sábado 24 de outubro.

Con Arte por catálogo estamos perante un traballo plástico na liña do que Lito Portela leva desenvolvendo nos últimos anos, de intensa capacidade de suxestión. Continúa cunha obra de enorme rigor formal e cun proxecto ben definido desde hai moitos anos, explícito xa desde o tratamento do material utilizado, o papel –esta ocasión catálogos de arte intervidos totalmente e expostos en vitrina–, soportes que na súa modestia, fraxilidade e adaptabilidade serven de alicerce ao labor creativo.

Os traballos que presenta en Arte por catálogo son obras sobre papel realizadas nos últimos meses, en que o libro funciona como punto de partida para o desenvolvemento creativo. O papel e o libro sometidos a procedementos de manipulación, realizados por medio do traballo pictórico, permite unha gama suxestións e texturas de base que é a chave de todo o proceso pictórico, porque a partir del o pintor realiza unha obra que se move entre a abstracción matérica e un lene xogo de evocacións figurativas como son as suxestións paisaxísticas e as alusións ao mundo natural. A preocupación pola plasticidade e o cromatismo paira sobre o conxunto da súa obra ateigando o espazo pintado de luces e cores do subtrato intervido, conformando o que noutra ocasión denominei, a propósito do labor pictórico xeral do artista, un lirismo da memoria.

O que nos encontramos nestes libros de artista é unha produción fortemente concentrada e reflexiva, que parte dun afondamento no proceso de tratamento do material, e que é traballada desde un sentido matérico que consegue tirar dela calidades pouco habituais, con matices que se poden observar atendendo ao distintos tipos de catálogos que serven de soporte.

Son pinturas que, no espazo limitado do formato libro, non deixan de evocar fórmulas que o artista aplicou ao seu traballo pictótico e escultórico anterior, sobre todo no que respecta á intensificación matética, algo que sempre caracterizou o seu traballo.

A sensación de conxunto que percibimos é que nesta “arte por catálogo” de Lito Portela acontece unha experiencia da materialidade e que as súas obras –os libros intervidos– representan un intento de achegarse á realidade plástica sen querer adecuala de vez, unha sensación moi do noso tempo, seriada, fragmentaria e envolvente ao mesmo tempo. O labor obsesivo do artista é o que marca a súa singularidade e o que perfila as virtudes e os límites materiais –claramente procurados– da súa aposta creativa, porque as obras só atinxen pleno sentido co seu carácter seriado, consciente o artista da forza e intensidade que o conxunto potencia e en que adquiren a súa auténtica dimensión plástica e comunicacional.

Título: Arte por catálogo. Artista: Lito Portela. Texto: Manuel M. Romón. Local: A madriña, Rúa Churruca 12 entresollado, Vigo. Até o 24 de outubro de 2020.

Unha das pezas que Lito Portela presenta na mostra Arte por catálogo que se está a expoñer en A Madriña.

Libros de artista

Estes auténticos libros de artista –con certo ar artesanal–, en primeira instancia, abraian pola súa substancial presenza física pola súa materialidade e a rotundidade do seu tratamento formal mais axiña se abren no espectador as cadeas de relacións, de sensacións e de fondas inquedanzas, que son as que dotan de sentido o seu traballo de creación.

O título da exposición: Arte por catálogo, fai referencia ao soporte -catálogos expositivos- e á complexa percepción que caracteriza toda a serie de libros intervidos, de feito hai que entender os traballos e os soportes non só como espazos para un campo de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión.

A obra que presenta agora Lito Portela posúe, alén diso, esa heteroxeneidade que transcende a pintura como técnica, e que é utilizada polo pintor para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra e a contorna. Como noutras ocasións, o artista reforza a relación singular interior-exterior, tan característica do conxunto da súa produción, xogando, neste sentido, as texturas e o cromatismo un papel fundamental que reforza as cualidades envolventes das obras. Estamos, pois, perante unha vontade de construír unha ligazón específica co pictorico desde a mirada, en interacción mais non sometido ao mesmo. Finalmente, o que consegue é conformar un lugar onde a observación, a memoria e mais o pensamento se unen, presentándonos un mundo pensado e experimentado a través do ollo do artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio.

Compartir el artículo

stats