Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Miguel Anxo Seixas - Historiador

"Castelao foi federalista, pero non independentista"

Con Castelao. Construtor da nación. TII (1931-1939) (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago) Miguel Anxo Seixas presenta a segunda parte da biografía máis extensa, e máis completa, que se ten feito sobre Afonso Daniel Rodríguez Castelao.

"Castelao foi federalista, pero non independentista"

-Na fundación do Partido Galeguista participaron persoeiros moi dispares ideoloxicamente.Dende o punto de vista esquerda/dereita, cal viña resultar a ideoloxía do PG?

-O programa fundacional era moi aberto, estaba confeccionado para que satisfixese a meirande parte da sociedade galega, acollendo a xente tanto de esquerdas como de centro ou de dereitas; a monárquicos e a republicanos, a católicos, agnósticos, ateos€Castelao e toda a cúpula do Partido Galeguista eran conscientes de que había que sumar esforzos para conseguir o Estatuto de Autonomía nunha República federal. Daquela, o único que si os definía ideoloxicamente era o galeguismo.

-Hai historiadores que atribuén a escisión de Dereita Galeguista a motivos estritamente relixiosos. Foi esa a única causa ou tamén houbo diferenzas políticas?

-Naquel tempo, había moitas persoas que estaban moi marcadas pola concepción católica da vida e, en Galicia, o catolicismo era un elemento importantísimo da sociedade, velaí a clave, un compoñente esencial da cultura galega. Para algúns dos crentes, como Alexandre Bóvéda, o catolicismo era un asunto privado, que nada tiña que ver cos comportamentos políticos e sociais. Pero, para outros (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde€) a fe católica non era só un asunto privado, senón que atinguía a toda a actividade humana. Por iso, cando a Segunda República declara o Estado laico, o que supuña unha restricción dalgúns dos privilexios da Igrexa, estes últimos non o viron precisamente con moi bos ollos. Pero, aínda así, algúns foron seguir militando no PG, como Otero Pedrayo, mentres outros (Risco, Filgueira€), malia que se escindisen, tamén apoiaron o referendo do Estatuto.

-Cando deu comezo a Guerra Civil, Castelao pensa ba que a vitoria de República era posible?

-Ninguén esperaba a guerra, e Castelao tampouco. Pouco antes do 18 de xullo de 1936 corrían rumores de que ía producirse un golpe de Estado, pero o Goberno cría telo controlado, como antes xa fixera coa intentonas do xeneral Sanjurjo. Pero cando se dá o golpe, ao Goberno, e ao propio Castelao, o que os asombrou foi a extrema violencia coa que se estaban a comportar os militares sublevados e que lles serviu para facerse, en pouco tempo, coa metade do territorio de España. Aínda así, a República deféndese, pero atópase con que carece do apoio do exército, de que as democracias de Europa non acoden na súa axuda, de que a maioría dos embaixadores a traizoan€.A partir de setembro de 1936, a Segunda República está morta, e iso si que nesa altura coido que é o que pensaba tamén Castelao.

-Exiliouse por vontade propia ou influído por quen así llo aconsellaron?

-Castelao o que fixo foi poñerse dende o primeiro momento ao servizo da República, e fíxoo coas mellores armas que tiña: a voz nos discursos, a escrita na prensa e, sobre todo, dous marabillosos álbums de debuxos que se divulgaron na prensa internacional, distribuídos polo Goberno, nos que denuncia as crueldades da guerra por parte dos fascistas. Desenvolve tamén, por fidelidade ao Goberno, un labor diplomático desprazándose polas capitais europeas e americanas nas que dá a coñecer o que estaba sucedendo en España. Castelao non fuxiu nunca, o que pasou foi que o remate da guerra o colleu facendo campaña pola República en Cuba e en Estados Unidos. E, claro, daquela xa non pode volver e o que fai é pedir asilo político en Bos Aires, o cal non se lle concede ata 1941, polo que tivo que vivir varios meses, indocumentado, en Nova York.

-En que momento Castelao é consciente de que en España habería ditadura para moitos anos?

-No ano 1948 el xa sabe que hai un proxecto xestado en Inglaterra, e apoiado por un sector do Partido Socialista, dunha Monarquía parlamentaria, partindo da propia ditadura; é dicir, dunha transición "preparada" polo propio Franco. Iso, unido a que as potencias democráticas que en 1945 gañan a Segunda Guerra Mundial non dan síntomas de querer acabar co franquismo, fan pensar a Castelao que, efectivamente, a ditadura vai para longo.

-E que opinaba el da monarquía parlamentaria?

-Pois era precisamente o que máis o preocupaba e molestaba. Castelao tíñao ben claro: amosouse en contra dela radicalmente dende o primeiro momento.

-Atribúese a Vicente Risco, e non a Castelao, o ser o ideólogo que sentou as bases do nacionalismo galego tal e como o entendemos hoxe. Comparte esta opinión?

-A teoría da nación galega comezou a xestarse a mediados do século XIX, e Vicente Risco o que fai é recoller todas as aportacións feitas ata daquela para, en 1920, hai cen anos xustos, publicar a Teoría do nacionalismo galego. O que fai Castelao, á fronte do Partido Galeguista, é desenvolver todas esas ideas compiladas por Risco, e que por outra banda xa estaban en Manuel Murguía ou en Alfredo Brañas. Cando escribe Sempre en Galiza, Castelao, que non é un teórico senón un home de acción, xa sabe que o galeguismo ten unha tradición liberal, republicana, demócrata e a favor dos dereitos dos pobos. Así e todo, hai unha cousa ben clara: se Castelao non tivera continuado no exilio o seu labor de propagación do galeguismo, hoxe non teríamos nin Estatuto de Autonomía nin ningunha das ferramentas políticas que lle foron concedidas a Galicia dende 1978. Niso, todos os galegos estamos en débeda con el.

-Titular esta segunda parte da biografía de Castelao como "Construtor da nación", aínda recoñecendo os seus méritos, non lle parece excesivo cando houbo outros persoeiros (o mesmo Risco, antes citado) que participaron nese proceso?

-Tes toda a razón, o que pasa é que Castelao é moi importante no sentido de que interactúa con moita xente. Por iso neste libro falo das Irmandades, da Segunda República, de Alexandre Bóveda, de Suárez Picallo, de Blanco Amor, dos emigrantes, do Seminario de Estudos Galegos, da Academia Galega, de Anxel Casal€Castelao estivo en contacto con todos eles e por iso a súa obra é unha obra comunal e comunitaria feita entre todos.

-É certa a percepción que teñen algúns de que, nun momento dado, Castelao abandonou a proposta federalista para declararse independentista?

-Non, nunca. Dentro do sector galeguista, Castelao era o máis demócrata de todos e, como tal, é un home que acredita no federalismo porque estima que esta fórmula de organización territorial do Estado é a que máis convén a Galicia. E non aposta polo independentismo porque é consciente de que non conta cun "exército de votos" necesario e, en troques, si que estima perfectamente viable que Galicia poida formar parte dunha confederación de estados ibéricos na que tamén se integre Portugal. Esta si que é unha idea que lle gustaba moitísimo.

Compartir el artículo

stats