Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novela filosófica

Albert Camus entre nós

Novela filosófica

Espiral Maior vén de publicar A desfeita de Albert Camus. Esta tradución de La chute (1956) é obra de Xosé Manuel Beiras, quen no prólogo explica os problemas para harmonizar a música do galego e a do francés e relaciona o contexto no que Camus escribe a obra co contexto noso actual. Conta tamén cun epílogo do político, especialista en Camus, Roger Quilliot, no que nega o paralelismo entre o protagonista e o autor, que os amigos do escritor observaron nalgúns aspectos como a exitosa relación coas mulleres.

Trátase dunha novela filosófica na que o protagonista reflexiona sobre o absurdo da existencia. Avogado de éxito, Jean-Baptiste Clamence ve unha tarde como se está afogando unha muller no Sena e non fai nada por rescatala. A partir de aquí, este especialista das causas nobres perde a confianza e transfórmase nun acusador de si mesmo e de toda os semellantes. Abandona a familia e instálase no "México", un bar mísero do barrio chinés de Amsterdam. A través dun monólogo vai reflexionando sobre a inocencia e a culpa, sobre o home moderno -lector de xornais sempre disposto a xulgar e fornicar-, sobre o suicidio, a incomprensión, o amor, a felicidade... Fronte a un home que acaba de chegar ao bar, revela episodios do pasado. Con ton profético, este "xuiz-penitente" e comediante pequeno-superhome confesa a súa opresión e emprega metáforas para proclamar que, nunha Europa que mudou a filosofía polos comunicados, o esencial é obedecer.

De certo, imposible non pensar despois da lectura nas polémicas nas que participou Albert Camus cos membros da súa xeración.

CAMUS, Albert, A desfeita (trad. X.M. Beiras, epílogo Roger Quilliot) Espiral Maior, Coruña, 2019, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats