Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roupa de colección

Museo do Traxe Juan José Linares, Ordes

Juanjo Linares (Ordes, 1933-2009) morreu sen poder ver o seu Museo do Traxe na terra natal. O que foi primeiro bailarín e coreógrafo de grandes compañías como a de Mariemma ou o Ballet Español de María Rosa foi tamén un gran coleccionista que chegou a reunir máis dun millar de vestidos de gran valor cultural e etnográfico. A maior parte desta antoloxía doouna ao centro museístico que leva o seu nome, que el mesmo axudou a montar en colaboración co Concello de Ordes. O espazo abriu as súas portas en 2010 cun fondo que alberga desde pezas que luciron Rocío Jurado ou Antonio Gades á indumentaria tradicional doutras partes do mundo ademais dunha colección de crucifixos, castañolas e outras pezas de interese.

Juan José Liñares (que así se apelidaba en realidade) nacera en Ordes o 6 de setembro de 1933. Cando se bailaban muiñeiras e xotas nas festas populares das parroquias, el xa daba os seus primeiros pasos nestes movementos, que aprendeu, segundo contaba, da súa tía Rita, grande afeccionada á danza. Pouco despois, xa na Coruña, formou parte de agrupacións folclóricas ata que Imperio Arxentina o descibriu, pedíndole que se incorporarse á súa compañía. Comezou entón unha carreira imparable como bailador, coreógrafo e profesor que xa non abandonaría nunca. No seu debut a crítica cualificpuno como "o bailarín dos pés alados, como Aquiles", pero a enfermidade obrigouno a deixar os escenarios temporalmente en 1970. Cando se recuperou, cambiou as táboas pola docencia, a dirección artística e a investigación das raíces do folclore. Converteuse así na máxima autoridade do baile tradicional en España. Conta con títulos de libros como O baile en Galicia, e do seu labor investigador recuperáronse legados etnográficos como os bailes galegos de velorio ou a carballada lucense. Foi recoñecido coa Medalla das Belas Artes e cunha das Medallas de Galicia, ademais de ser Fillo Predilecto de Ordes e contar con moitos outros premios.

Linares sempre tivo afección polo coleccionismo. Cóntase que en Madrid cambiou varias veces de domicilio porque o número de pezas que atesouraba sempre ía crecendo. Compraba peites, crucifixos, pendentes, abanos? Pero sobre todo traxes: indumentaria de baile que luciran consagrados, personaxes históricos, vestimentas de obras representadas aquí ou noutras partes do mundo. Cando tiña xa máis de mil conxuntos, decidiu deixalos á vila na que nacera. O Concello habilitou un museo e, a apenas dous meses logo da súa inauguración, Linares sufriu un infarto (15 de novembro de 2009) do que xa non se recuperaría.

Froito das súas investigacións son os diversos libros que publicou e as rarezas que se exhiben en Ordes, probablemente unha das maiores e mellores coleccións de traxes do país. Hai roupa de geisha do século XIX, un sari hindú da mesma centuria que pertenceu á cantante Anita Delgado -que casou en 1908 co maraxá de Kapurtala-, traxes alxerinos, da Duquesa de Alba no cadro A galiña cega de Goya, de señorito andaluz, de México, de Brasil, de Honduras?e, por suposto, de Galicia e de todas partes de España. Tamén as roupas de Manuela Malasaña -a heroína do 2 de maio- ou da ama de cría dos duques de Medinacelli. Igualmente conta con pezas utilizadas por grandes figuras da danza e a música, como Ketty Clavijo, Rocío Jurado ou Antonio Gades. O traxe máis antigo conservado é o do século XVII. Así, ata un millar de pezas únicas -xunto con xoias e complementos- que conforman un dos máis grandes e completos armarios do mundo.

Outra das paixóns de Juanjo Linares eran as cruces. Entre as expostas e outras gardadas suman máis de 1.400 diferentes. Tamén hai unha ampla colección de castañolas de diferentes lugares. O museo consta de dúas plantas que inclúen as salas de exposicións e outras dependencias.

Forza creativa

  • Ordes conta con outro museo, á parte do dedicado ao grande estudoso do baile que foi Juanjo Linares. Trátase do espazo que mostra a obra e traxectoria de Leonardo Recouso Santos, natural da localidade e máis coñecido como Xoxardo. Xoxardo estudou na Escola de Artes Aplicadas da Coruña, centro onde coñeceu os fundamentos do debuxo lineal e artístico, modelado en barro, talla en madeira e baleirado en escaiola. No ano 1974 trasládase a Madrid, onde viviu un tempo de bohemia, realizando os máis variados traballos, debuxando e pintando para vender no Rastro. Tras o seu regreso á Coruña no 76, comeza a expoñer en diversas cidades, a ilustrar libros e a colaborar en revistas e medios de comunicación. Nos últimos tempos estivo dedicado ao gravado en zinc, coa técnica do auguaforte, que exhibiu en varias localidades do país. Xoxardo evolucionou dende ou debuxo expresionista- tenebrista dos anos 70 ata unha temática máis lírica que resolve con xogos de liñas e volumes, en movementos, de tendencia surrealista. Falecido en 1998, a súa forza creativa pódese ver neste museo. Ademais deste legado artístico, Ordes conta con interesantes igrexas de pasado románico e pazos. Tamén con lugares de valor natural como o que atravesa o río Mercurín ou o de San Paio, que comparte un tramo do Camiño Inglés e a súa historia.

Compartir el artículo

stats