Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Infiltrados

Un drama documental

Infiltrados

Chega ás nosas mans o texto gañador do I Premio Laudamuco para creación dramática, convocado polo Concello de Brión, co que se quere lembrar a figura de Roberto Vidal Bolaño. O seu autor é o xornalista Xavier Lama, quen conta cunha obra literaria abundante e diversa, con títulos ben coñecidos nos tres grandes xéneros.

A peza pode ser lida en dous niveis, sendo o primeiro o que se propón no título, cando unha das protagonistas admite que na súa alma ouvea un lobo. Esa perspectiva subxectiva asenta nas vivencias provocadas por unha experiencia traumática, como a que viven os demais personaxes, mesmo os que son man executora da violencia do Estado, cando este tenta coutar as accións de colectivos que ten por violentos ou perigosos.

No segundo nivel están as estruturas, aquí a policial, que argallan actuacións como a infiltración en organizacións diversas para obter información e poder operar no momento máis oportuno. Así, nun programa que comeza en 1969 e remata en 1994, a policía inglesa infiltrou oitenta policías en diferentes grupos, e os axentes implicados, baixo a identidade de criaturas mortas, fixeron vida normal con mulleres desas organizacións durante varios anos, coas que chegaron a ter fillos.

A partir das lembranzas de Jenny, o autor monta unha trama episódica na que van agromando diferentes escenas coas que podermos construír unha idea posible do que foi aquel caso, malia que na peza de Xavier Lama os feitos teñan unha dimensión deliberadamente ficcional, como el mesmo nos lembra. Da mestura deses dous niveis abrolla un texto cunha forte dimensión documental, que deixa moitas portas abertas á reflexión de todos nós, pois tamén amplía o espectro das vítimas, deixando un sabor agre e acedo e un arrepío nas costas.

LAMA, Xavier, Na miña alma ouvea un lobo, Ed. Positivas, Santiago, 2019, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats