Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria da luz

Con preguntas estimulantes

Memoria da luz

O fondo de filmes amateurs que a Sociedade de Amigos do Campo rodou entre 1925 e 1934 serve como base para a proposta d' Os amorodos de Bergman, gañadora do último Premio Ramón Piñeiro de Ensaio. O relativamente descoñecido do corpus e o feito de estar rodado por un grupo de excursionistas moi vinculados ao galeguismo durante os anos anteriores á Guerra Civil son dous dos puntos de máis interese que atopamos no punto de partida. A perspectiva deste conxunto de gravacións, recollendo escenarios emblemáticos de Ferrolterra, e tamén outros de interese galego como O Cebreiro, Ribas de Sil, Baiona ou Santa Trega, aparece moi detalladamente indexada e resumida no apéndice dun ensaio que porén emprega un ton moi distinto ao da investigación antropolóxica ou histórica na súa análise.

Redondo Neira achégase máis ben a unha reflexión filosófica que por momentos roza a beleza poética, con eses filmes antigos do noso patrimonio aparecendo ocasionalmente, e sempre no fondo do discurso, pero a maior parte das veces cunha perspectiva máis ampla. Os novos puntos de vista artísticos que trouxo o cinema irrompendo como nova arte, o papel da memoria e da nostalxia nestas filmacións pioneiras, a prospección abortada dun futuro quebrado pola guerra, e tamén a potencialidade de significados que agocha a improvisación deste tipo de materiais. Elementos argumentados a través de referencias literarias, filosóficas e filmográficas.

Un estudo diferente ao agardado, e se cadra algo afastado dunha análise real e contextual do seu referente, pero coa virtude (non se pide outra cousa a un ensaio) de deixar preguntas estimulantes no aire.

REDONDO NEIRA, F., Os amorodos de Bergman, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 15, 20 ?

Compartir el artículo

stats