Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Comprimidos de Terbutalina

Gastripunk desde a ría de Muros

Solrain.

Xa hai tempo que, se entras en internet na procura do significado de Terbutalina, San Google, en vez de deixarte na páxina de consulta dun laboratorio receitándoche algo para a asma, igual te leva de paseo polo triángulo máxico Muros-Ventín-Esteiro. E tal vez a ría de Muros sexa igual de terapéutica, ou máis, que os produtos dalgunha multinacional farmacéutica; dende logo, encantos non lle faltan en calquera ministerio: mar, terra e xentes, e co Monte Louro rispando o ceo e gobernando dende o alto cunha vila declarada, dende o maio de 1970, Conxunto Histórico-Artístico. Alí todo lembra a pescadores e a esa aldea monumental de historia, peirao e pedra na que a vida abrolla fermosa e tranquila.

Pero o certo é que non viñemos aquí falar de xeografía aínda que en Muros quedemos. Porque naquelas terras naceu e medra esoutra Terbutalina. Comezaron o seu camiño musical nos inicios dos anos 10 cunha clara aposta polo rock garaxeiro de moito aire punk e grandes doses de canallismo. No 2011 presentábanse co Live in Catoira nun directo nos que poñían enriba da mesa as súas marcas de auga: rock frenético con moitas ansias de poñernos a bailar, con moito gamberrismo e sen moitos miramentos nin refinamentos de pose e foto. Despois chegou Broncodilatador e con el a etiqueta gastropunk da que tanto gostan, ademais de comezar a gañar un bo feixe de seguidores polo país adiante. Hostias para todos chegou no 2012 e con el o grupo continuou medrando en popularidade. Despois Ritmo serbio (2013) e A muerte (2014) co que gañaron o premio a "Mellor álbum en galego do ano" nos Premios da Música Independente. Logo Al otomano se le va la mano (2015) e o EP Sonido Esteiro (2017) cos que o grupo de novo conquistou a escena como un bo costume repetido a cada traballo que publicaron. Terbutalina sachan no camiño e nos instrumentos coa paixón e determinación dos que cren no que fan e esmagando, cunha sobresaínte carga de autenticidade, calquera outra cuestión que poñamos en valor. Unha historia que deixa temas de enorme calado na rapazada, e xa non tan rapazada, do país con títulos como "Fai sol", "Canto moderno", "Filloa", "Xira funeraria", "Suisidarse", "Ben peinados", "Compostela", "Sudar sangre", "Pa-paou-mama" ou "Ninguén che quere". Agora chegan co seu novo disco chamado Espabila gallego e nel asumen o risco de baixarlle uns cantos puntos ao metrónomo mentres continúan con ese xeito tan seu de construír cancións tremendamente pegañentas e perfectamente artelladas para facerche bailar e contaxiar bo rollo a esgalla. "Está vostede aquí", "Pura makica", "Muiñeira da costa" ou, a miña preferida, "Antonte vinte" son algunhas das mostras dese paso adiante de Terbutalina buscando novos mundos alén do acomodo.

Cancións, xa que logo, que asumen un paso adiante no concepto dun grupo que parece un pozo sen fondo á hora de crear pezas que carburan como os mecanismos dun bo motor alemán. Tamén cabe destacar a produción, perfectamente medida, de Tomás Ageitos dende os seu Estudios a Ponte dándolle moita crema e certo aire vintage a toda a sonoridade do disco e axudando moito tamén a ese paso adiante no universo Terbutalina.

Xa puxeron a bailar a todo o país, encheron salas e foron dinamita pura en cada festival no que estiveron, converténdose nunha das nosas bandas máis sólidas, orixinais e sobresaíntes e, ademais, co imán total dun Migui Terbutalino que vén ser, efectivamente, "pura makica". Vaian á súa farmacia de confianza e pidan, pois, Terbutalina que a súa saúde llelo vai agradecer. Iso si Terbutalina auténtica da ría de Muros.

Solrain

  • Cantas veces escoitamos aquilo de que o limón xa non tiña máis que zugar? Cantas veces, tamén, oímos o de que "os vellos rockeiros nunca morren" e que o maldito vello regato da pentatónica non vai secar mentres a emoción dun bo ritmo e dunha boa melodía continúe a facernos mover a cachola e petar co talón contra o chan? Pois un pouco de todo isto experimentaredes cando escoiteides a Solrain, unha banda galega que camiña por ese estilo do rock directo de riff acedo, pesado e divertido. Os seus compoñentes veñen doutras bandas xa coñecidas coma Costas, Eco ou Polisong e todos eles saben perfectamente como executar e botar a andar unha banda de rock'n' roll sen prexuízos nin concesións. Juan Naya na voz e guitarra, Diego Díaz na guitarra e nos coros, Emiliano Fernández no baixo e tamén nos coros e Pablo Espido na batería achégannos un adianto do que será o seu inminente traballo de presentación: catro cancións gravadas nos estudios Bonham da Coruña cunha moi coidada produción e unha elaboración gourmet que se saborea en cada corte. "Haz que no pare", "Salvaje", "Quiero volver" e "Y a vueltas" mostran un grupo que claramente aposta por arredar de atallos e ben influenciado polo mellor do xénero. Polo rego duns AC/DC ou duns Airbourne. Dun Dan Baird e os seus Georgia Satellites ou, se non queredes ir tan lonxe, mesmo duns Platero y tú. Coa guitarra conectada ap amplificador sen portas de ruído nin sons procesados. Coa base rítmica repartindo labazadas a cada compás e, dende logo, con moito daquilo que do outro lado chaman groove e que nós aquí case mellor podemos chamarlle xeito. Queda claro: o rock'n'roll nin morreu nin vai morrer mentres queden gardiáns termando del e predicando polos escenarios. Solrain son un gran exemplo.

Compartir el artículo

stats