Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Caudillo Cinema

O NO-DO e o franquismo

Despois de tres anos dunha cruenta guerra, chegaron catro décadas dun Réxime ditatorial edificado en torno á figura persoal de Francisco Franco, quen acabou sendo máis poderoso do que fora ningún outro gobernante na historia de España: xefe de Estado, comandante en xefe das Forzas Armadas, xefe do goberno e xefe nacional do partido único; é dicir, un ditador omnipotente e, en consecuencia, omnipresente. Franco foi o protagonista principal dun relato confeccionado co fin de conceder lexitimidade tanto ao Réxime como á súa persoa, en todas as variantes posibles que un líder das súas características podía encarnar: político, militar, forxador industrial, pai de familia, avó, cazador, etc.

Franco é o NO-DO e o NO-DO é Franco. A maior produción cinematográfica do franquismo acabou por certificar aquela frase do historiador Javier Tusell: "O franquismo, máis que unha ideoloxía, é unha mentalidade". A través de que estratexias fílmicas logrou o noticiario afianzar esa mentalidade? Dada a extensión deste artigo, é imposible afondar en todas, pero si podemos amosar as máis reiteradas.

En primeiro lugar, a importancia das chegadas do ditador aos lugares da noticia. Deste xeito, lográbase filmar o momento de maior fervor entre o xentío que o agardaba -o clamor popular desempeñaba un papel substitutivo da democracia, como apuntaba a historiadora Araceli Rodríguez-; en segundo lugar, porque esa explosión de entusiasmo representaba a cohesión de todo un pobo; e en terceira instancia porque así se destacaba que o xerador desa cohesión era o propio Franco. A maioría das reportaxes daban comezo cos chamados "prolegómenos da expectación"; isto é, a creación dunha expectativa nos momentos previos á súa chegada.

Formalmente, a abundancia dos coñecidos como "planos de balcón" outorgaban ese halo propio dun gobernante elixido "por dereito divino"; planos contrapicados do ditador saudando aos presentes, seguidos dos correspondentes planos picados da multitude axitando panos brancos -outros substitutivo dos votos- que coroaban a súa chegada e que, ademais, adoitaban repetirse no cerre da noticia.

Outro mecanismo efectivo para enaltecer a súa figura consistía en facer converxer en Franco toda unha sorte de valores positivos que eran representados por outras figuras. Por poñer un exemplo moi recorrente nas imaxes galegas do NO-DO, as probas de traíñas celebradas en A Coruña acababan por ser unha exhibición do espírito competitivo dos remeiros, espírito que, por mor do xogo de puntos de vistas, acaban por converxer na mirada de Franco e, en consecuencia, como forza centrípeta, asume tamén eses valores competitivos que os remeiros ceden a el como figura central do noticiario. Pero non só acontece isto en reportaxes deportivas, tamén ten lugar en narracións militares, taurinas e, sobre todo industriais. A súa presenza nas inauguracións de fábricas converte ao ditador na quintaesencia do progreso, o máximo responsable do "avance" que o país manifestaba no apartado económico, non só porque asuma todo o protagonismo das crónicas sobre o desenvolvemento industrial de España, senón tamén porque, como parte do protocolo nas cerimonias de inauguración, el mesmo activa o botón que pon en funcionamento a maquinaria correspondente. A súa presenza depara o único punto de funga, expulsa e marxina os elementos subsidiarios -os propios traballadores- para converterse no único foco ao que remite a metáfora enerxética, o auténtico xerador do dinamismo do Estado total.

En definitiva, o NO-DO, desde o seu panexírico fundacional, buscaba un obxectivo único: trazar o edificio dunha nova España e situar, de Franco cara abaixo, a cada un no seu lugar.

Sáenz de Heredia

  • No ano 1964, con motivo da celebración do aniversario dos "25 anos de Paz", unha maquinaria propagandísticas dirixida por Manuel Fraga Iribarne, ministro de Información e Turismo, o cineasta José Luis Sáenz de Heredia -autor de Raza (1941), con guion de Francisco Franco- realiza a súa segunda película de propaganda, un documental titulado Franco, ese hombre. Anos despois, en vésperas da morte do ditador, Sáenz de Heredia retorna a súa figura para elaborar un poema fílmico titulado El último caído, peza que finalmente non logrou rematar. Franco, ese hombre adopta a forma dun biopic dun xefe de Estado en vida, un xénero moi pouco frecuente no cinema mundial. A película válese dunha montaxe que combina varias imaxes de arquivo, entrevistas de testemuñas, incluso do propio protagonista, e dunha estrutura semi-oculta dun relato ficcional en torno a traxectoria "exemplar" dun heroe. Moitas das formulacións postas en forma no noticiario oficial, o NO-DO foron adoptadas por José Luis Sáenz de Heredia para asentar un Réxime que gozaba de maior saúde que o propio Franco. Precisamente, este contraste entre a saúde da persoa e do Réxime quedou representado na última aparición pública de Franco no palacio de Oriente en outubro de 1975, cunha praza inundada de xente que expresaba a súa adhesión mentres o ancián ditador apenas era capaz de articular palabra.

Compartir el artículo

stats