Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sereno escepticismo

A metáfora dunha ausencia

Sereno escepticismo

Considero a Manuel Darriba un dos máis interesantes narradores da súa xeración. Tanto Outonos espectaculares como Velada do billarista son obras que me impactaron pola súa sobriedade, polo ton intimista e pola linguaxe sabiamente despregada polo autor. Todas estas características non están ausentes en Santa Morte. Porque o noso escritor xa percorrera as vías poéticas con volumes que obtiveron importantes galardóns, V ostede non sabe con quen está a falar (Premio Espiral Maior) e Os indios deixaron os prados verdes (Premio González Garcés).

Santa Morte enmárcase nun sereno escepticismo con carga de profundidade. Debaixo das alocucións sosegadas aniña un estupor doloroso: "Como os días que transcorrendo para seren/non unicamente tempo/non unicamente espazo". Esa asombrada dor brota da consciencia de que o misterioso e imparábel decorrer das estacións resulta sempre devastador, pois nada do que existe escapa á súa furia. Mais detrás dos versos descubrimos outro silencioso elemento que sustenta este lirismo: a subtil ironía. Pódese atopar en numerosos poemas, especialmente feliz en "Raro clima".

Outra característica procede do uso, magnífico, de figuras poéticas, por exemplo, a elisión: así, cando se retrata un interior, axiña observamos que todo o descrito é a metáfora dunha ausencia: "Un resto xa esquecido da familia/extraviado na última limpeza/revelación da corrente que segue/á marxe das escalas/O espanto das caixas: son elos/da cadea absoluta". No lugar recóndito das casas fican ocultas, en cofres clandestinos, os restos do vivido, aquilo que se desbotou da vida, aquilo que ficou do noso ser. Se alguén atopa os vestixios pode reconstruír, con eles, o mapa da existencia que tivemos.

DARRIBA, Manuel, Santa Morte, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 12, 35 ?

Compartir el artículo

stats