Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De costas á Moda

Da representación dos vestiarios

Traxe de Yohji Yamamoto.

De cotío referímonos á moda como un feito global dende perspectivas estéticas, sociolóxicas ou históricas. Mais hai aínda outros xeitos de estudar o fenómeno dos vestiarios e a súa representación, como é o caso de dúas exposicións, arestora abertas ao público, que miran a moda con lente de aumento: a moda a través dun fotógrafo e a moda dende as costas.

Na sede da Fundación Barrié de A Coruña preséntase a exposición Norman Parkinson: Siempre con Estilo. A mostra fai por, medio de oitenta fotografías, unha visita retrospectiva á obra dun dos máis notables creadores de imaxes do século XX. Este creador, nado no Reino Unido, fixo carreira profesional nas máis senlleiras revistas de moda. Publicou con Harper´s Bazaar e con Bystander na década dos anos 30. Durante a guerra mundial serviu como fotógrafo na Royal Air Force, destinado en Francia. Casou tres veces con tres modelos. Nos anos 40 50 publicou con Vogue. E dende o ano 1964 deica o seu pasamento traballou como free lance. Recibiu, entre outras honras, o nomeamento de Commander of the British Empire.

Aínda que dedicou a súa vida profesional na meirande parte á fotografía de moda, non gustaba de ser adxectivado como tal. E cando era preguntado por tres palabras que definiran a súa actividade profesional, da cal se consideraba un artesán e non un artista, non dubidaba en afirmar que esas eran: not a fashion photographer ("non un fotógrafo de moda"). O seu estilo pasou por diferentes momentos ao longo do século: como primeira característica atopamos a de quitar rixidez á fotografía trasladando as sesións do estudio á rúa. Outorgaba asemade movemento e liberdade ás imaxes que concibía, e incorporaba ás súas composicións figuras de costas, perspectivas aéreas e espírito dramatizado.

Grande especializado en fotografía de donas, cando era preguntado polo espírito que o gobernaba co gallo dos retratos femininos, aseveraba que o xeito de retratar unha muller de xeito idóneo era facelo con dignidade. Era un fascinado das donas altas, delgadas, con rostros e complexión característicos da metade de século. Nunha volta, cando retrataba a célebre modelo americana Carmen dell´Orefice, houbo de pedirlle á muller que se metera nunha lagoa dificultosa onde ficaban os flamencos. A modelo fixo a proeza pero antes de tal acometer, espetoulle ao fotógrafo que, logo de disparar o retrato, lle ía kiss my ass ("bicar o cu"). Esa anécdota é un bo exemplo de que a moda, tan estirada e ríxida, tan gobernada polos fotógrafos e os deseñadores, ten de cotío personaxes que actúan de costas á propia moda.

Outra exposición, Back Side/ Dos à la Mode, trata asemade sobre a moda vista por detrás. O Musée de la Mode de La Ville de Paris Palais Galliera presenta esta mostra no seu formato de Hors les Murs, facendo unha visión exhaustiva das partes de atrás de vestidos e chaquetas, traxes e abrigos. De cotío móstrase a moda centrada na fronte, nas caras de quen porta esa vestimenta. Mais as partes de atrás das vestimentas encerran non poucas xenialidades e marabillas que, desta volta, se exhiben combinadas cas esculturas de Antoine Bourdelle, pois é o seu museo o que acolle a selección de vestidos.

Reúnense así prendas que abranguen tres séculos. Hai casacas e vestidos e mesmo camisas de forza de época. E aparecen sobre todo subliñadas as modas do século XX e XXI. Destaca un traxe de festa de tafetán de Cristóbal Balenciaga asinado no ano 1961-62. Hai un traxe de Yohji Yamamoto que presenta as costas abertas como se fose un libro, tamén aberto, de 1996-97. Hai tamén o célebre traxe années 40 con costas de encaixe de Yves Saint Laurent 1970-71, traxes de Thierry Mugler con ás de anxo, e un traxe de Martine Sitbon que representa unha diagonal cortada ao biés.

Tamén temos roupas masculinas e moi notablemente unha gran colección de cazadoras, bombers, chaquetas deportivas e abrigos que teñen as costas decoradas con letras, anagramas, debuxos e outros grafismos típicos da roupa urbana, da Ivy League, do college look e das variacións concibidas por deseñadores de todos o mundo que gustan de decorar as costas. Á veces hai que ir de costas á moda.

Dorso espido, dorso escrito

  • As costas definiron a silueta do traxe á francesa - robe á la française- onde unha variación dun quimono se convertía en capa incorporada ao traxe dende os ombreiros até os pés. Logo o recolleito no dorso formou un polisón, houbo tamén saias á la polonaise ou á l'inglaise segundo cantas voltas leve ese pequeno fardo colocado no dorso. O dorso cuberto oculta ademais a faixa, cando nos anos 1920 Rita de Acosta Lydig, unha bela dama da alta sociedade neoiorquina do inicio do século XX, asiste ao Metropolitan Opera House levando un rigoroso vestido no fronte que deixa o dorso espido. O dorso, xa nos anos 40. ten forma de rectángulo e no New Look de Christian Dior é redondeado. Nos anos 70 empézase a escribir nos dorsos das cazadoras por inspiración da roupa deportiva e nos anos 80 cos vestidos saco popularízase o dorso espido. Na mostra de París hai dúas senlleiras pezas de moda española. O vestido touro de Sybilla do ano 1991, que é unha serea negra co dorso espido e debuxado con fíos que sosteñen un debuxo ingrávido, e unha parka de Zara do ano 2016 da colección de Blanche e Pauline Nouchi que leva escrito no dorso I really don't care, do you? ("realmente non me importa", a ti?).

Compartir el artículo

stats