Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre o cotián e o sublime

Acertada proposta

Entre o cotián e o sublime

Os primeiros lectores están de noraboa con outro texto de Xosé Manuel González 'Oli', quen, despois de Os ratos de casa, dá ao prelo Ratos de viaxe no que constitúe unha nova aventura para os roedores e para os pequenos que os queiran acompañar neste percorrido que supón planificar a saída, executar a ruta establecida, resolver imprevistos e despexar a mente.

Dende que saen da casa ataviados coa vestimenta e os enseres que tal ocasión require ata o devalar do conto sucédense momentos e acontecementos que atraparán sen dúbida a atención do lector que percibirá o salto entre a realidade e fantasía como un proceso natural no que se entremestura o cotiás co sublime, o auténtico co desexo, a creatividade coa rutina. Abonda considerar que a liña que separa a realidade da ficción fica desdebuxada en favor das emocións e sentimentos como a empatía e a dozura coa que manexan os atrancos.

A escolla dun texto rimado con palabras encadeadas ameniza a aventura, alixeira a expresión e facilita a recepción dunha simpática historia que os pequenos, quizais alleos a todo o que envolve unha saída, están a piques de vivir porque o verán se achega e con el o tempo de descanso, de lecer e de vivir a natureza á beira do mar.

Ademais, a proposta plástica realizada por Natalia Colombo ten na cor e no detalle perfectos aliados. As imaxes, que destacan pola variedade cromática que enche a páxina, e as representacións, que supoñen unha chiscadela a personaxes doutros contos clásicos, permiten, en consecuencia, unha lectura paralela da historia que invita a gozar do ansiado verán.

GONZÁLEZ "OLI", X. M. Ratos de viaxe (Ils. Natalia Colombo), Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2019, PVP. 13 ?

Compartir el artículo

stats