Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Orixinal proposta

Orixinal proposta

Boca, corazón, sunsuné

Amalia Lú Posso Figueroa é unha representante da cultura oral do departamento do Chocó, no que late con forza o sangue africano. En As miñas nanas negras celebra o ritmo, a poesía, o erotismo e a maxia, tal como borboritaba nos relatos que escoitaba de nena. O libro está formado por historias nas que abrolla o amor á terra chocoana, que para ela ten forma de cadril e na que se unen o mar do Caribe co do Pacífico, a selva cos paxaros e as chirimías. Amalia Lú Posso, que é unha gran recitadora, escribe con tenrura, cadenciosa, alegre e laverca sobre vinte e cinco personaxes, inscritos nas tradicións afrocolombianas.

Sorprenderá esta orixinalísima proposta narrativa, pero aínda é un privilexio maior escoitar de viva voz estas historias. Pola boca da autora falan todas as negras chocoanas do seu corpo danzante, do rabelesiano gozo da vida, dos sentidos, malia pertenceren a unha minoría marxinal no seu país. E todo cunha linguaxe rica, con xiros e palabras que nos falan do susuné, de "roncar canalete"(no Pacífico colombiano significa que un ou moitos homes pasaron polo medio das pernas dunha muller) cunha alegría sen fronteiras. Se Cunqueiro nos parece unha reencarnación do profeta Daniel ou un músico da Xerusalén celestial que baixa do Pórtico do Paraíso para engaiolarnos coa súa prosa, Amalia Lú Posso acariña co seu engado tropical, onde cada negra ten o ritmo nunha parte do corpo: tetas, axilas, boca, corazón, ou no susuné, que son como compases que poden guiar o destino dos humanos.

POSSO FIGUEROA, A.L., As miñas nanas negras, Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2019, PVP. 15 ?

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.