Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pracenteiro e enriquecedor

Con extraordinario lirismo

Pracenteiro e enriquecedor

Unha historia rimada presenta as aventuras do dragón Antón e do sapo Rosendo para que o lector mozo poida, xunta a estes dous personaxes, vivir emocións, procurar a casa do vento, escoitar o mar ou mesmo atopar cen formigas durmindo dentro dun cesto.

Para tal viaxe prepáranse co avituallamento necesario e, coa mochila ao lombo, encetan unha andaina que, abofé, causará neles unha pegada imborrable.

As ondas da auga en movemento ou o azul do ceo gardan un misterio que supón só o inicio dunha longa listaxe de segredos que están dispostos a descubrir. Logo polo camiño vanse atopando con seres que, ademais de enriquecer o traxecto, achegan o seu coñecemento acerca dos meses do ano, da necesidade de preservar o monte, do xardín da poesía, da enigmática princesa que habita na cova do rei Cintolo ou da máxica escuma branca que se olla en cabo Roncudo.

Impregado dun extraordinario lirismo Rosalía Morlán Vieites artella unha historia que, plasticamente interpreta Gabriel Iglesias con vistosas imaxes, e que chama a atención pola forma en como vai hilvanando os contidos que remiten á realidade ou á fantasía, á historia natural ou social, ao desexo ou á vida cotiá para amosar que a liña que separa estes elementos dicotómicos é, ás veces, para os individuos moi fina e traspasala convértese nunha práctica habitual ao percibiren como real algo que só existe na imaxinación.

A escolla de animais, un dragón, un sapo, pero tamén un lagarto, xoaniñas, raposos, morcegos ou cabalos permite que o lector coñeza outros seres vivos que comparten o seu desenvolvemento vital con nós, co que lles afecta a nosa man e, ao mesmo tempo, estableza vínculos, quizais emocionais, que o leve á reparar nalgúns aspectos que ata agora pasaran desapercibidos e que provocan unha concienciación interesante.

Constátase neste conto que o proceso, como conxunto de fases sucesivas, é, a miúdo, máis importante que o resultado final e que o camiño paga a pena percorrelo ao lado doutros, porque así tornarase moito máis pracenteiro e enriquecedor.

MORLÁN VIEITES, R., O dragón Antón e o sapo Rosendo (ils. G. Iglesias), Ed. Fervenza, Silleda, 2018, PVP. 14, 25 ?

Compartir el artículo

stats