Hipnótica e aplastante: Malandrómeda
Rap de xovenca e iguana
V. Neira
Churrasco, polbo, cuncas de viño cheas ata as canizas e tapas de callos na taberna da esquina de abaixo. Chandal verde con tres bandas brancas e zapatillas retro de basket, vermellas e incriblemente molonas. Contra toda lóxica e sempre no fío dunha navalla espetada nas costelas da nosa cultura máis fermosa e enxebre, asemade de máis "cool", contemporánea e moderna.
Coñecino hai moitos anos, arredores da vella sala Nasa en Compostela. Non Residentz e as súas rimas sobre Kevin Costner, os ultrabiónicos ou o mister Mundo, co Brasi e o Nathan ao seu carón e co existencialismo de patacón, silvestre e cosmopolita do barrio dos Pelamios, da Carballeira de San Lourenzo, da Cruz de San Pedro ou da vella Vista Alegre como máxima vital. Despois, aqueles Ministros do Metal tan imposibles de etiquetar, de mirar e de escoitar, un día cóntovos algo máis daquela auténtica e indescifrable homilía musical de medio pelo e sobrada de orixinalidade e poder heavy glam. Máis tarde, anos e anos de enredar, de retorcer faders, de fuchicar en cacharros electrónicos, en sintes, en amplis, micros e aparellos sónicos de todo tipo e condición pero sempre, iso si, cun talento único, persoal e a proba de calquera tipo de bomba. Tamén poderiamos falar de Fluzo e do seu "mundo verde", factoría de auténtico alucine e calidade levada moito máis aló do sobresaínte. Pero hoxe toca sintetizar e falar de Malandrómeda.
Desde o laboratorio Soyuz, por terras de Chaián e rispando coa universalidade dun século XXI que devece por eses novos mantras aos que agarrarse ante a irremediable arribada do maldito diluvio universal de produtos musicais reflexados na repetición e calco daquelo que xa antes funcionou neste mundo tan aburrido e mallado de cancións. O Hevi e a súa Malandrómeda soan únicos e cun discurso único. Non busques nada parecido porque nin existiu, nin existe, nin sabemos se existirá. Eles falan daquelo que todo o mundo entende, pero ninguén sabe moi ben de onde nace en orixe nin por que se conta así e dese xeito. Agora con banda, despois con bases electrónicas e a pelo, logo con a saber qué formato e xeito. Ise é o seu grande encanto. Na mesma leira pero saltando de rego a rego coa encriptada orde lóxica de quen sempre vai un paso por diante. Con Charles Bronson tatuado no peito e cun dos sotaques máis molóns que un poida escoitar neste mundo. Rap enxebre, galego e universal, de xovenca e iguana, de gourmet e caldeirada, de carro de bois e nave espacial, de samurai e labrego. E chámalle rap por non chamarlle calquera outra cousa que abofé lle sería ben acaída. Do pasado espetado na nosa idiosincrasia máis profunda e do futuro de ciencia ficción máis admirado, visionario e desexado. Malandrómeda é unha proposta única, galega e atemporal. Fascinante e cautivadora. Hipnótica e aplastante. Cantas veces falamos das nosas alfaias musicais nesta Gz do século XXI. Pois igual esta é unha das bandeiras que mellor abeiro dan á nosa fecunda realidade.
Xa son moitos anos de música e fábrica de ideas. Moitos anos de cancións e producións incluso para outras moitas bandas do país que atopan no Hevi ao seu sumo sacerdote musical. Moitas fantasías artelladas e un norte estilístico acadado a golpe de sachar ideas claras, experimentación, traballo arreo e unha sólida valentía artística e musical. Auga, terra e semente para unha música do país que sempre acada referentes aos que un debe amarrarse con cordas e cadeas. Malandrómeda é unha regalía nosa, única e rutilante. Algo máis que dicir? Ai si!: amén.
Secho: punk fondo
- Era o ano 2009 cando un mozo de Dodro chamado Serxio Castiñeira comezaba a súa carreira musical. Case sempre acompañado polos seus Invisibles, artellou algunha maqueta, varias aparicións nalgúns recompilatorios e finalmente o disco X a fai un tempo (2016) que o levou de ruta por moitos escenarios da escena galega. Secho é unha rara avis na música do país. Mergullado nos océanos íntimos da súa particularidade, todo o que canta, conta e toca leva esa marca de seu que convrrte moitas das súas cancións en auténticas e deliciosas lambetadas. Cancións bisbadas na orella e lonxe de estridencias e efectos especiais que tapen a esencia dunha mensaxe que chega directa dende eses currunchos da alma que tanto brillan nalgunhas persoas ben escollidas. O seu, se me permitides, é punk no sentido máis fondo da etiqueta, radioativo e acústico. A medio camiño entre o folk americano e o rock desenchufado, intenso e enrolador. Tamén ten algo de blues triste, con palabras de desencontro e desconcerto. Secho fala del e fala de todas nós na súa obra. Ole a Dodro, a Manselle, a Lestrobe, pero tamén a Rianxo, a Compostela, aos mares de Vigo e á Galiza toda. Voz de mel e folla perenne. Fonda e densa como a néboa do inverno e fresca e vital coma o sol da mañán. Agora anda nos últimos tempos pendurando videos pola rede coa súa guitarra como única acompañante e con cancións como "A balanza" ou "Cocodrilo Dandee". Agora xa só nos queda coñecer a súa obra máis a fondo e disfrutalo como se merece. Xa o dixo o enorme Anxo Angueira: que grande é o noso Secho. Canta razón ten.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados
- Una familia de Taboada denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- La tajante decisión de Antena 3 después de que Cristina Pedroche y Chicote se colarán en las Campanadas de TVE: así zanjaron la broma
- Un pasajero que subió al tren con destino a Vigo en la estación de Vilagarcía agrede a una revisora de Renfe