Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Plano medieval de Ribadavia.

Conversos na Raia

"Don Samuel que agora é Garçía Alvares"

Roberto González Rouco vén de publicar Conversos na fronteira galego-portugues (Toxosoutos), título suxestivo, no que analiza o papel deste grupo de homes e mulleres que desde o ano 1391, no que comezaron as matanzas de xudeus na Península, e durante séculos, foron obxecto de exame e sufriron persecucións de tipo político e relixioso, se ben no caso de Galicia a memoria da vixilancia e castigo á que foron sometidos resulta menos penosa que noutras partes do Sur dos Perineos. Ademais, o Tribunal da Inquisición en Galicia, malia os seus turbios excesos, sempre á busca de xudaizantes e dos cartos e propiedades que estes posuían, non entrou en funcionamento ata o ano de 1575.

A presenza dos xudeus en Galicia está xa documentada no século XI en Celanova, segundo afirma María Gloria de Antonio Rubio. Máis tarde, sufrirían as consecuencias da política dos Reis Católicos e da unificación relixiosa que demandaban as ordes franciscana, dominica e beneditina. Moitos xudeus convertéronse á fe católica, e tiveron una vida máis fácil que outros conversos da Península. Como é de supoñer, este abrazo da nova fe non sempre foi real e xerou sospeitas, xa que o feito de que existisen marranos que seguisen cos seus ritos, crenzas e cerimonias preocupaba moito ao Santo Oficio. Grazas aos matrimonios mixtos e ás alianzas cos conversos portugueses ligados a un comercio florecente, grazas tamén ao Conde Duque de Olivares -que na administración da facenda real quería substituír os xenoveses e alemáns polos homes de negocios portugueses-, os conversos galegos gozaron de épocas de relativa calma.

González Rouco, nun libro ameno , puntuado de xeito extravagante, analiza os avatares que se produciron na fronteira por mor das diferentes políticas que tiveron lugar en Portugal e en España. As decisión dos monarcas peninsulares fixeron que os xudeus e os conversos, en función das condicións represivas do momento histórico, mudaran de país e tomaran asento en lugares coma Tui, pero tamén noutros do interior de Galicia ou de Tras os Montes. En Portugal, durante o reinado de don Manuel I, que obrigou a se bautizaren aos xudeus , moitos cruzaron a fronteira. Refire tamén o autor as reticencias dos cristiáns vellos galegos (ou bonitos) para delatar os xudaizantes que, na súa opinión, nunha grande maioría co paso do tempo eran xa cristiáns cunha base cultural e con algunhas ancestrais tradicións xudías. Esta actitude tolerante podíase torcer cando un converso desempeñaba ou aspiraba a un posto eclesiástico que desexaban os cristiáns vellos, como sucedeu no século XVII na Catedral de Tui. E, ás veces, a vida tranquila deste grupo social víase acurralada por unha vinganza, por un malsín ou por un criado que botaba a lingua a pacer.

Os conversos galegos, afirma, mantiveron relacións familiares e comerciais a ambas bandas da fronteira e chegaron a participar en viaxes por Europa e por América, e a colaborar en importantes operacións de contrabando que castigaban seriamente a economía española. En 1620 descubriuse que había unha rede de falsificadores de vellón castelá, promovida por xudeoconversos portugueses de orixe galega e castelá, que colocaron grandes cantidades de moeda falsa. Os xudeoconversos tamén participaron na evasión fraudulenta da facenda dos mouriscos expulsados por Filipe III en 1606

O libro analiza aspectos como a estrutura familiar dos conversos, o funcionamento da Inquisición en Galicia, e aporta o estudo de varios procesos a que foron sometidos varios sospeitosos de xudaizar e as penas ás que foron condenados.

Cómpre sinalar que a historiografía sobre os xudeus en Galicia revela datos contrastados que conviven con historias orais, lendas... que acabaron dando unha imaxe moi imprecisa da "tribo israelita", que sempre foi minoritaria, pagou impostos para contar coa protección do rei, axudou a sufragar a guerra de Granada e que, case sempre, vivía agrupada nas xuderías. As profesións máis frecuentes dos xudeus galegos foron a recadación de alcabalas, médicos, comerciantes e, sobre todo, traballos artesáns: prateiros, xastres, zapateiros, forneiros, carniceiros?

Se a documentación sobre a vida dos xudeus galegos é escasa, máis problemática e aínda atopar referencias escritas sobre o momento no que se produce unha conversión e un xudeu se bautiza. Será a través de analizar os cambios de nome e de indagar nas relación familiares como os historiadores teñen que achegarse a estas mudanzas. Así podemos afirmar que, a principios do século XV, que a persoa que conseguirá os arrendamentos do mar da Coruña era "Don Samuel que agora é Garçia Alvares", xa que logo, alguén que cambia o nome xudeu por outro cristián. Pola análise das relación familiares sabemos que un tal Diego Lopes e Juan Fernández eran conversos. E como casos de bautismo coñecemos que en 1483 en Ourense unha filla do xudeu Abrahán "se tornara cristiãa" e que, en consecuencia, o que casase con ela quedaba libre de tributos e gozaría dos mesmos privilexios que os rexedores da cidade. E en 1504, aparecen referencias escritas a Pedro Sánchez e Juan de Mazeyredo como cristiáns novos.

Xudeus en Tui

  • Na pequena acrópole de Tui houbo xudería, con sinagoga na "Rúa da Oliveira", cemiterio nas proximidades do "rryo Moyño" e carnicería propia para cumprir cos preceptos do Levítico e do Deuteremonio. Tamén desempeñaron o seu traballo xudeus prateiros e canteiros que traballaron para a Catedral, recadadores de impostos, e persoas relacionadas coas reclamacións xudiciais e cos foros. A documentación posterior ao Edito de expulsión de 1492 permite afirmar que algúns xudeus marcharon de Tui e venderon a casa. Outros permaneceron na cidade, bautizáronse pero sementaron a desconfianza na poboación respecto das súas prácticas relixiosas. Mesmo na catedral de Tui, o Cabido pediu a Roma a implantación do "estatuto de limpeza de sangue" para cortarlle o paso aos conversos. Testemuña dos conflito dos conversos son os 14 sambenitos -un deles envolto en chamas e que pertencía a un "relajado en estatua"- que están no Museo Diocesano, antigo hospital de peregrinos. Os sambenitos eran un instrumento da Inquisición para perpetuar a memoria da infamia dos herexes e da súa descendencia; colocábanse nas igrexas das que foran veciños os acusados, tal como aconteceu nesta maxestuosa cidade fronteiriza erguida na beira do Miño

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.