Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tropas españolas patrullando no Sahara (marzo 1958).

A guerra que nunca existiu

60 anos do conflito do Ifni

Se hai un asunto que cómpre incluír -con todas as consecuencias- na chamada memoria histórica, ese é o da guerra de Ifni, un conflito que durou desde o outono de 1957 deica abril de 1958 e que foi negado pola ditadura franquista e ignorado polos diversos gobernos da época democrática. Unha guerra mantida contra un inimigo irregular pero que costou unhas baixas de 205 mortos e 166 desaparecidos no bando español por un mínimo de 519 e 296, respectivamente, no marroquí. Son as cifras que dá a exposición Ifni, la mili dels catalans (Museu de les Cultures del Món), inaugurada hai unhas semanas en Barcelona. É a primeira vez que unha administración pública reflexiona sobre aquela contenda.

Este enclave, Ifni, situado ao sur de Agadir (1.500 km2 e 80 km de costa) foi cedido por Marrocos a España polo Tratado de Tetuán (1860), pero non foi ocupado ata 1934, cando a presenza francesa no protectorado ameazaba a pertenza a España do enclave. Unha ocupación feble mais que permitiu que o bando sublevado en xullo de 1936 atopase naquel territorio unha canteira de soldados, os coñecidos Tiradores de Ifni, tropas indíxenas mercenarias para combater en primeira liña.

Sen valor económico nin estratéxico, so despois da guerra comezou Ifni a ser colonizado por españois, con total separación verbo da poboación indíxena (os bérberes Bait Amrani). A ocupación non tiña máis servizo que a promoción de oficiais do exército e ser presidio de castigo. Pero en 1956 Francia concedeu ao sultán Mohamed a independencia do protectorado de Marrocos para concentrarse na defensa de Alxeria xa en loita contra a metrópole.

Consolidada a independencia marroquí, o partido nacionalista Istiqlal alentou manifestacións anticoloniais en Ifni e, xa desde comezos de 1957, accións armadas do seu Exército de Liberación Nacional (Yercht Taharir), forza irregular que contaba coa cobertura das Forzas Armadas Reais. As milicias marroquís ocuparon boa parte do territorio de Ifni e asediaron a capital, Sidi Ifni, ao tempo que ameazaban a integridade do resto da África Occidental Española (Sáhara).

Ademais da escusa dada polo goberno de Madrid (unha ameaza comunista), asemade este contemporizaba con Rabat. Engadamos que a situación da guarnición era lamentable. En evitación de previsibles traizóns, as tropas indíxenas foron licenciadas e substituídas por soldados de quintas e profesionais da Lexión. Pero ante a negativa dos Estados Unidos a que España empregase o armamento procedente do primeiro país, o exército non tivo máis alternativa que combater con armas e avións obsoletos.

Tratouse dun conflito que resultaba aparentemente irregular porque non houbo declaración de guerra nin inimigo formalmente identificado; é dicir, un estado. Os milicianos da ALE ocuparon boa parte do territorio, asediaron Sidi Ifni e ameazaron o territorio do Sáhara Occidental, que España conseguiu defender coa axuda de Francia. Foi un conflito que tivo momentos esperpénticos: desde a primeira intervención da Brigada Paracaidista (sen saber moi ben qué facer), o ataque do cruceiro Canarias e de dous Junker contra posicións españolas por deficiencias de artillería propias, ou o envío por unha coñecida empresa de cava de 10.000 botellas que nunca chegaron a destino. Ou o xuízo militar e posterior execución dun recruta (fillo dos propietarios dunha coñecida cadea de alimentación barcelonesa) por quedar durmido nunha garda, circunstancia que permitiu que uns asaltantes acoitelasen a dous soldados.

Unha guerra, a de Ifni, que segue a ser secreta e da cal non hai información oficial. Se algo sabemos dela é grazas aos historiadores que procuraron testemuñas e conseguiron atopar documentación esquecida nos arquivos militares.

Galegos no campo de batalla

  • A presenza galega no conflito de Ifni foi estimable, comezando polo gobernador, o daquela coronel coruñés Mariano Gómez-Zamalloa, e seguindo pola oficialidade. Pero testemuña de excepción foi o lugués Xosé María Gómez Vilabella, empregado en 1957 na oficina de Ifni do Banco Exterior de España, e anos despois escritor e colaborador na prensa galega. Mantén un blog, que se engade aos que preservan a memoria de Ifni, como as asociacións de veteranos AVILE (valenciana) e ASASVE (catalá) e mais o blog "El Rincón de Sidi Ifni". Gómez Vilabella vindicou a un recruta galego natural d'A Fonsagrada, cuxos pais traballaban en Bolaño (Castroverde). Estando de sentinela na polvoreira, foi ferido por unha raxada e morreu días despois pola gangrena das feridas. Malia estes e máis datos, no arquivo xeral militar (Ávila) non souberon dar más noticia. Pero petiscando aquí e acolá ("El Rincón de Sidi Ifni", "El Faro de Ceuta") sabemos que aquel soldado se chamaba José Rico Castelao, era de artillaría e foi o primeiro recruta en morrer por acción do inimigo. Aparece como natural d'A Pobra de Brollón e eran os seus pais Modesto Rico e Aurora Castelao, residentes en Castroverde. Así consta na lista de beneficiados por pensións extraordinarias de guerra, con efectividade de 27 de novembro de 1957 (D. O. do Ministerio do Exército, 4 de marzo de 1959).

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.