Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Colleita do 67

Para alén de Sargeant Peppers

Colleita do 67

Hai unanimidade en considerar que a dos anos sesenta do século pasado foi unha década revolucionaria no mundo da música pop-rock. O rock and roll, que viña arrasando dende os últimos anos da década anterior e que produciu figuras coma as de Elvis Presley, Chuck Berry ou Jerry Lee Lewis, achandou o terreo ás novas linguaxes e ás novas estéticas musicais que irían aparecendo ao longo dos sesenta. O cumio desta evolución sitúase por volta de 1967, hai ahora cincuenta anos, cando se produciron neste eido unha serie de acontecimentos musicais que cambiaron para sempre o concepto do que ata daquela viñera sendo a música pop, para poñer os alicerces certos no desenvolvemento posterior do xénero.

O acontecemento máis importante neste sentido foi a aparición, o 1 de xuño, do álbum de The Beatles Sargeant Peppers Lonely Hearts Club Band, que supuxo un novo concepto de obra musical, conceptual e tematicamente, e que revolucionou o mundo do pop-rock en todos os sentidos, dende a música e mais as letras ata a presentación icónica do produto, cunha portada realizada por Peter Blake, un artista consagrado do daquela triunfante movemento pop art.

Pero se os Beatles deron ao pop unha nova dimensión, o ano 1967 foi asemade o da consagración dun novo xénero que trataba de achegar os seguidores da música comercial ao gusto pola música clásica. Sargeant Peppers pechábasea cun tema, "A Day In The Life", no que os de Liverpool introducían unha orquestra sinfónica e conxugaban os sons do pop coas harmonías da música clásica.

A unha das sesions de gravación nas que The Beatles rexistraban os últimos temas do seu álbum, foron asistiron Syd Barrett e mais Roger Waters, que naqueles meses preparaban o seu primeiro disco cun grupo chamado Pink Floyd. The Pipper At The Gates Of Dawn, primeira entrega, pois, dos Pink Floyd, veu poñer outro dos piares sobre os que se ergueu o edificio da música do século XX: estamos a falar do chamado rock sinfónico, que crearía un ronsel de grupos e intérpretes que mesturaron os acordes das guitarras e os órganos eléctricos cos sons da corda, o vento e mais a madeira das orquestras de música clásica. Yes e mais o seu teclista Rick Wakeman; Emerson, Lake and Palmer (un dos seus álbums era unha versión dos Cadros dunha exposición de Mussorgsky), King Crimson ou Genesis publicaron unha serie de discos nos que o sinfónico predominaba sobre os contidos da música pop e incorporaba, así mesmo, as voces solistas dos cantantes de cada un dos grupos, aos que se engadían acompañamentos corais de efectos espectaculares. As súas actuacions en directo, con grande aparato de luz e son, foron as primeiras representacions multimedia do mundo do espectáculo.

No outro extremo do rock, o da estética dura e agresiva, sitúase a obra dun guitarrista que publicou o seu primeiro disco tamén en 1967. Jimi Hendrix e a súa banda introducían en Are You Experienced?, publicado en maio de 1967, un son realmente inédito, forte, desafiante, cuns riffs e un acompañamento rítmico que desbordaban todo o coñecido ata a data. As súas actuacions en directo, nas que o volume dos instrumentosse impoñía por enriba dos berros das multitudes que acudían aos concertos, convertéronse en verdadeiras performances que remataban en acenos coma a queima das guitarras e altavoces, concordantes coa mensaxe antisistema que expoñían na xestualidade, na súa indumentaria e nas letras das cancions.

Ao longo de 1967 producironse tamén outros aconteceres no mundo da música pop que foron contribuír a facer dese ano un punto de inflexión no desenrolo da música pop-rock. Nomes como Janis Joplin, os Doors, Velvet Underground, os Bee Gees, Frank Zappa? publicaban os seus primeiros traballos, afianzando un panorama musical presidido pola estética e os valores do movemento hippie que nacera na costa oeste dos Estados Unidos, mentres Bob Dylan e os Rolling Stones continuaban unha carreira que ainda hoxe non ten dita a sua derradeira palabra.

Stones, Dylan, Hendrix

  • En 1967 os Rolling Stones publicaron Their Satanic Majesties Request, un xogo de palabras que alude con ironía a un dos requerimentos dos pasaportes británicos,. Os Stones introduciron neste traballo instrumentos ata entón inéditos na sua música e efectos de son influídos pola moda psicodélica. A crítica aprecioun tamén influencias do Sgt. Peppers, incluída a portada orixinal lenticular, debida ao fotógrafo Michael Cooper, dunha edición na que se podían observar as caras dos catro Beatles. Hai que decir que Lennon e McCartney puxeron as súas voces no tema "We Love You". As alusions ás drogas son moi directas nun momento no que algún compoñente do grupo tiña pasado polos tribunais por esta causa e pouco antes de que Brian Jones morrera por sobredose (de feito,este foi o último disco que contou coa sua presenza). Pero 1967 foi tamén o ano da reaparición de Bob Dylan despois dun accidente de moto que o retirou varios meses dos concertos e das gravacions. O regreso, logo dunha época de meditación, foi con John Wesley Harding, un álbum con cancións moi preto da súa raigame folk, que tiña abandonada ada nos traballos anteriores, e sobre todo ao country. As letras de contido relixioso parecen anunciar a próxima conversión ao cristianismo. Como fixera con Sgt. Peppers, Jimi Hendrix versionou un dos mellores temas do álbum dos Stones, "All Along The Watchtower", que se converteu nun dos preferidos polos seguidores do guitarrista e nun tema de culto, sobre todo despois da súa morte. E unha curiosidade: o fotógrafo John Berg, autor da portada, dixo que detrás das árbores que figuran na paisaxe estaban ocultos os catro Beatles.

Compartir el artículo

stats