Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un dos seus modelos au noir.

Balenciaga au noir

Vestidos arquitectónicos

O museo Galliera de Paris vai dedicar unha exposición ao modisto vasco Cristóbal Balenciaga (1895-1972): baixo o título Balenciaga l´oeuvre au noir, mostraranse, pois, aredor de cen vestidos cuxo fío de conexión é que están feitos en cor negra.

Non é a primeira vez que o Galliera dedica unha mostra a Balenciaga xa que a importancia da súa obra e mais a diversidade de fontes das que toma inspiración permiten facer dela múltiples lecturas. Outras exposicións deron unha visión retrospectiva integral da produción do modisto; algunhas centráronse na relación do creador con España. Tamén se estudou o perfil coleccionista de Balenciaga ou o emprego dalgún material concreto como o encaixe ou as creacións de accesorios e chapeus na casa de costura. Cada nova mostra permite descubrir, entón, novas perspectivas do nutrido universo estético de Balenciaga.

Desta volta, o director artístico da exposición e do museo, Olivier Saillard, logo de visitar os fondos do museo del Traje CIPE de Madrid, caeu na conta da importancia da cor negra na indumentaria española (dende os retratos da casa de Austria até o emprego do acibeche e o veludo nos traxes folclóricos do século XIX e XX, pasando polos traxes goyescos e a capa española). E recoñeceu asemade como moitos períodos creativos de Balenciaga estaban dominados por dita cor, facendo dela un argumento creativo até o extremo de servir de leitmotiv para un estudo sectorial da obra do modisto. O negro resume non soamente o espectro do estilo español no universo de Balenciaga senón que é tamén un fito de sinxeleza dentro das liñas máis conceptuais do modisto.

A "silueta infanta" de 1939 ou tamén chamada "diabolo", atopa no negro un elemento de referencia cando toma prestados aspectos de Velázquez e recrea o espírito monacal dos hábitos dos cadros barrocos. Esta silueta é apreciada por moitos como un adianto do que, case dez anos despois, habería de conformar a do chamado new look de Christian Dior, quen alcanzou fama mundial no ano 1947 cunha nova silueta con ombreiros caídos e faixa e saia de moito volume, baixo o nome "Corolle." Esa silueta, en certo modo nostálxica, fora xa de feito proposta por Balenciaga antes da guerra mundial mentres que a fama do novo estilo, cargado de feminidade e metros de telas, de Dior tivo éxito logo da contenda.

No tempo que Dior triunfaba co seu estilo retro, Balenciaga adiantábase aos minimalistas da moda da década dos anos 80 presentando a silueta "barril" de 1947,que contaba con forte presenza da cor negra e que outorgaba importancia aos ombros, o pescozo de cisne e as cadeiras, aportando á muller un xeito de vestido máis contemporáneo, cómodo e visionario.

O negro serviu tamén de soporte para numerosos dos modelos creados coa silueta "balón" de 1950, que era unha evolución dos traxes sen marcar a cintura de anos anteriores e que desta volta tomaban maior volume, case que anunciando o que logo serían os vestidiños "baby doll" de formas redondeadas e volantes.

As liñas "semi axustada" de 1951, "túnica" de 1955 e "vestido-saco" de 1957 seguen nunha estética simple e esencial que resulta visionaria da forma contemporánea do vestido feminino, apoiado na comodidade e a pureza de liñas con emprego frecuente da non cor ou do negro en todas as posibilidades.

A cor negra non é única cando se fala de tecidos; cada textura, cada corte en diagonal ou ao dereito crean novas tonalidades dentro do negro que non sempre é absoluto senón que conta con diferentes sombras, todas elas recreadas polos vestidos arquitectónicos de Cristóbal Balenciaga, que agora se presentan nunha estudada selección nesta exposición do museo Galliera. Cómpre subliñar que a mostra non se alberga no edificio do museo senón nas instalacións do museo Bourdelle, un espazo dedicado ao recoñecido escultor francés que serve para o diálogo coa moda con relativa frecuencia.

O sentimento dunha cor

  • A importancia da obra de Cristóbal Balenciaga é de tal magnitude que os libros e reportaxes que se teñen realizado sobre a súa figura están centrados fundamentalmente no traballo do modisto e conteñen poucos datos sobre a vida privada do home quen, por outro lado, facía gala dunha enorme reserva en todo o referido á súa intimidade.Mais algunhas partes da súa vida que transcenden a obra. Como, por exemplo, os traxes de mariñeiro da costa vasca da súa infancia a apareceren evocados en tocados ou traxes de noiva. Asemade, aparece trasladada a relixiosidade, o gusto pola austeridade e mais o interese pola historia da arte, especialmente a arte española dos grandes mestres.Unha parte lutuosa, e que se trasladou á súa carreira como modisto, foi o pasamento de Wladzio d´Attainville. Este aristócrata polaco-francés, que tiña moitas e boas conexións sociais, foi un apoio fundamental para abrir a casa de alta costura de Balenciaga en París e tamén era a persoa con quen Cristóbal, o home, compartía a súa vida. Cando Wladzio d´Attainville morreu en Madrid en 1948, o golpe para Cristóbal Balenciaga foi absoluto e parece que xamais se recuperou de todo. A colección dese ano, 1948, foi enteiramente negra: un estilo certamente minimalista que habería de manter até o peche da súa empresa en 1968. Ese negro verdadeiro estará por sempre presente nas coleccións de Balenciaga, na selección desta exposición e na vida de moitas donas, mesmo as que non foran clientas do mestre de mestres.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.