Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Monumento aos revolucionarios de 1846 en Carral (A Coruña).

Revolucionarios de 1846

170 anos dos Mártires de Carral

Entre os anos 1845 e 1852 Europa viviu unha vaga revolucionaria na que os estouridos revolucionarios en Irlanda (1845-1846), o levantamento de Cracovia (1846), a guerra civil portuguesa (1847) e a guerra do Sonderbund (1847), son os antecedentes inmediatos da que se veu en chamar primavera dos pobos: a vaga que percorreu todas as nacións europeas no ano 1848, un acontecemento que consolidou o liberalismo nos modernos estados burgueses e favoreceu a toma de conciencia e a organización do proletariado europeo como unha clase social cuns intereses e obxectivos propios.

É nese contexto no que cómpre integrar os acontecementos de 1846, un proceso de revolucionario de carácter liberal e progresista, oposto á deriva perigosamente conservadora do réxime establecido pola Constitución de 1845, que, grazas á tarefa intelectual de Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz e Rodríguez Terrazo, que reclamaron a unidade provincial galega fronte ao proxecto uniformizador do goberno de Narváez e o feito diferencial galego, constitúe o primeiro chanzo da longa andaina do galeguismo.

A revolución de 1846, que comezou co levantamento de Solís o día 2 de abril na cidade de Lugo, estivo impulsada pola burguesía liberal galega, polo que entre os seus promotores estaban Juana de Vega, Cid, Buch e Nogueira. A partir dese momento, os acontecementos sucedéronse con bastante rapidez: o 2 de abril constitúese unha xunta revolucionaria en Lugo; o 4 de abril, na Coruña; o 5 de abril chega Solís a Santiago, onde se constitúe unha xunta revolucionaria na que participan Faraldo e Romero Ortiz, entre outros, e que consigue recrutar a un número importante de universitarios; o 9 de abril pronúnciase Buceta en Pontevedra; o 10 de abril constitúense as xuntas de Ourense e Vigo; e o 15 de abril convócase a todas as xuntas a unha asemblea que se ía celebrar en Santiago. Nesa asemblea acordáronse dúas medidas fundamentais: no ámbito militar, constituír dous corpos do exército para atacar ao exército do xeneral De la Concha, que acababa de entrar en Galicia: o Exército de Liberación de Galicia, comandado por Solís e Buceta, que se dirixiría á Coruña e Ferrol; e o Segundo Exército, comandado por Celís e Arias, que iría cara a Ourense; no ámbito político-civil, constituír unha Xunta Superior de Goberno de Galicia, presidida por Rodríguez Terrazo e da que actuou como secretario Faraldo. O novo órgano dos revolucionarios foi La Revolución, no que se pode ler entre outras proclamas o seguinte: "Galicia, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai erguerse da súa humillación e abatemento". Unha das primeiras decisións que tomou a xunta foi a derrogación do sistema tributario de 1845, que entre outras cousas gravaba as actividades industriais e comerciais.

Logo de fracasar no intento de controlar as cidades da Coruña e Ferrol, o exército de Solís, integrado por 3.000 homes sen apenas formación militar, enfrontouse ao exército de De la Concha, formado por 2.700 soldados de a pé e armados e 300 soldados a cabalo, no cumio de Montouto (Teo), moi preto de Santiago de Compostela, o día 23 de abril de 1846. A superioridade do exército de De la Concha provocou a retirada dos homes de Solís a Santiago, onde foron acurralados finalmente en San Martiño Pinario, no transcurso dunha batalla na que máis de 500 soldados perderon a vida polas rúas da cidade.

O día 25, logo de renderse as tropas sublevadas, os mandos da insurrección foron trasladados á Coruña para ser sometidos á xustiza; non obstante, de camiño á Coruña constituíuse unha comisión militar que condenou a morte aos militares insurrectos, unha sentenza que se executou ao día seguinte.

O 26 de abril

  • O 26 de abril de 1846, recibindo instrucións do gobernador militar Villalonga, o coronel Miguel Solís Cuetos foi fusilado ás seis da tarde no adro da igrexa de San Estevo de Paleo, no concello de Carral. Poucas horas máis tarde, na volta das dez da noite, e moi preto de alí, na fraga do Rei, situada entre Carral e Paleo, foron executados os outros 11 oficiais que comandaran xunto a Solís a sublevación militar que se iniciara o 2 de abril en Lugo: o comandante Víctor Velasco e os capitáns Manuel Ferrer, Jacinto Dabán, Ignacio de la Infanta, Fermín Mariné, Ramón José Lloréns, Juan Sánchez, Santiago Lallave, Francisco Márquez, José Martínez e Felipe Valero, todos eles enterrados en lápidas sen inscricións no cemiterio de Paleo. Días máis tarde, o 4 de maio de 1846, foi fusilado o sarxento Antonio Samitier en Betanzos.A memoria dos 'mártires da liberdade' dos fusilados de Carral foi restituída polas Cortes do Bienio Progresista, que decretaron a erección dun monumento que non se concretou até o 24 de maio de 1904, cando se inaugurou o monumento deseñado polo arquitecto lugués Juan Álvarez Mendoza e cuxa construción promovera a Liga Galega da Coruña no ano 1899.O monumento sería escenario dunha homenaxe, o 26 de abril de 1931, na que Manuel Lugrís converteu aos mártires de Carral en mártires do galeguismo.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.