Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Necesario debate

Necesario debate

Con acertos e prexuízos

A editorial Laiovento vén de publicar Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, obra que veu a luz por vez primeira en 1976 e que agora se reedita por quinta, e primeira dixital, corrixida e acrecentada (finalmente, e como quinta parte -ademais dos engadidos das edicións anteriores-, e daí o complemento do título, A situación do galego como síntoma) cun bo feixe de traballos publicados polo autor entre os anos 2009 e 2014 en diversas publicacións dixitais, sobre todo no seu propio blog persoal, ata o punto de supoñer case cen novas páxinas.

A perspectiva da análise para a recuperación do galego segue, desde aquela, a ser a mesma: a ortodoxia subxacente da independencia como única e real solución ao conflito, e o vencemento "do fondo ideolóxico e político, social, que os seus inimigos coñecen perfectamente". Desde logo, hai outras formas de contemplar a situación e de propoñer saídas, e un amplo debate sen prexuízos debería ser posible para poder avanzarmos; do contrario, como é facilmente recoñecible, a situación seguirá en continuo declive, cunha aceleración cada vez mais progresiva. Non obstante, tal achegamento antóllasenos bastante difícil e improbable, lamentablemente. A división dos defensores é, a maiores, un dos principais impedimentos. Por iso, cando Francisco Rodríguez desbota calquera análise de persoas que propoñen solucións, sequera parciais, impide achegas necesarias. Todo debe revisarse na procura dun escenario positivo, sen desbotar outros puntos de vista.

A afirmación de Antonio de Nebrija na súa Gramática de la lengua castellana, de 1492, de que "siempre la lengua fue compañera del imperio", e as conclusións de que "o imperialismo político-económico conleva asemade o imperialismo lingüístico. A asimilación dos povos asoballados aos costumes e linguas dos asoballadores é unha consecuencia que se deriva do dominio que sobre daqueles queda establecido", queda ben demostrada coa existencia do galego: se a lingua latina non fose compañeira do imperio romano, e se os pobos que habitaban estas terras non fosen asimilados polos romanos asoballadores, nin existiría o galego nin existiriamos nós. Outras xentes e outra lingua ocuparían o noso lugar, no suposto de non existiren posteriormente novos asoballadores.

O rexeitamento absoluto ás teses de Rodrigues Lapa ou de Alonso Montero tampouco son acertadas. E boto de menos a análise da inteligentsia subvencionada ou acomodada, e o caso doutros pobos independentes (como Irlanda) ou moi autónomos e de recoñecida identidade (como Escocia) onde as súas línguas, o gaélico irlandés e o gaélico escocés, teñen a situación que todos coñecemos, ao carón do imperio do inglés.

En definitiva, achegas interesantes a ter en conta, xunto con moitas outras, nunha idealista mesa pola supervivencia da lingua e a consecución dus estatus de dignidade.

RODRÍGUEZ, Francisco, Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, Ed. Laiovento, Santiago, 2015, PVP. 19, 90 ?

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.