Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Feitizos nos penedos

As lendas do Castelo da Furna, en Valença, albergan historia, mito e símbolo

Moi preto de Valença sitúase a parroquia de Boivão, onde se alza o Castelo da Furna, a 622 metros de altitude, unha fortaleza rochosa levantada na pedra chea de misterio e lenda. A magnitude do espazo, as innumerables formacións graníticas, as grutas, os puntos de interese arqueolóxicos e mais as múltiples historias asociadas non fan senón multiplicar a beleza do lugar.

O castelo ofrece unha das panorámicas máis privilexiadas do Val do Minho. Composto por un impoñente aglomerado granítico -un dos máis importantes do país-, habitado desde tempos remotos, esta contorna serviu para a construción do baluarte roqueiro medieval que en tempos acolleu o antigo xulgado de Froião, constituído outrora polos actuais concellos de Valença e Paredes de Coura. Da que foi fortaleza natural inexpugnable quedan as marcas das vigas nos penedos e algúns pasos de escaleira tallados na pedra. O castelo de Fraião -escrito ás veces Froião- constituía un significativo exemplar de fortificación románica reformulada na época gótica. E durante tempo, incluso estando xa desocupado militarmente, continuou tendo valor simbólico xa que nas súas inmediacións se celebraban reunións para tomar acordos de xustiza. O forte levantouse sobre os ciclópeos bloques de granito, que se amontoan uns sobre outros, converténdoo en lugar inexpugnable de vixía e defensa. Estes castelos-roqueiros estaban fabricados con vigas de madeira trabadas entre si, que enlazaban con panos de barro e pedra. O da Furna, segundo investigacións, estaba en gran parte fabricado en madeira e aproveitaba o aglomerado rochoso natural.

O feito de que a partir do século XIII todo o interese estratéxico rexional fose desprazado á liña do Minho, cara a Valença e Monção, deixou o castelo marxinado. Pero as caprichosas formas dos seus penedos sobrepostos e os abrigos rochosos onde resoan ecos de vidas pasadas seguen mantendo o engado do lugar, con numerosas lendas asociadas como a da princesa de Boivão, desposada con Dom Fraião, señor do castelo ao que roubou o corazón, ou a da Rainha Aragunta, virtuosa e nobre pero envexada por moitos dos seus serventes, que a miúdo contaban intrigas sobre ela, de cuxa historia queda o nome nunha pequena chaira da fortaleza coñecida como Horta da Rainha. Preto hai unha rocha da que brota auga e que serviu, contan, para aplacar a sede da monarca durante o sitio do castelo polo seu propio esposo o rei.

Algúns dos impoñentes aglomerados rochosos. // Tere Gradín

O alcance visual desde A Furna, que se estende máis aló da fronteira, é impresionante. Na contorna a auga e o vento foron escavando unha paisaxe singular de pedras ciclópeas con caprichosas formas nun dos maiores conxuntos graníticos de Portugal. Tanto subindo como baixando, a vexetación deixa ver decenas de muíños de cubo, interesantes pezas de arquitectura tradicional construídas totalmente en pedra, antigamente tan necesarios para a subsistencia da rexión. A esta altitude pódese constatar a importancia que os regatos e cursos de auga representan na riqueza natural do Vale do Minho.

Os numerosos vestixios arqueolóxicos na zona mostran a evidencia de ocupación humana moi temperá, asentamentos que deron vida a estas alturas serranas nas que a morfoloxía das pedras sorprende a cada paso, desde un aguia a unha balea, desde unha sentinela a unha tartaruga.

Para coñecer máis a fondo esta xeografía, o Trilho da Furna, un dos que compoñen a rede do municipio de Valença, parte desde Taião, onde está o museo rural -que garda pezas ligadas á agricultura, ao pastoreo e a explotación do wolframio- ata o castelo rochoso. No camiño aparece unha antiga mina e, xa pola ladeira da Serra de São Lourenço, o ascenso deixa ao descuberto a pegada do home en forma de gravuras rupestres, sartegos na pedra, pontes e muíños, ademais de cabalos garranos en liberdade.

O lugar da fortaleza

  • O castelo rochoso pertence á parroquia de Boivão, cuxa orixe está ligada á circunscrición administrativa do xulgado medieval de Fraião e á historia e lenda da súa fortaleza. A obra A princesa de Boivão de Alberto Pimentel inmortalizou na literatura esta localidade, as súas xentes, historia e vivencias. A impoñente fortificación da Furna é o seu maior emblema, ao que se suman outros valores patrimoniais como a súa igrexa parroquial, os seus espigueiros, a capela de São Bento, os reloxos de sol, muíños e fontes. Na igrexa matriz de Boivão, de grandes dimensións, séntese a veneración ao Apóstolo, consagrada como está a Santiago, unha devoción que se estende ao paso pola Quinta Velha onde ata o século XVII estaba o primitivo templo.Terra de pedras, hai séculos que o granito forma parte das súas casas rústicas, dos postes de viña, dos muros de vivendas ou dos vellos camiños de laxes graníticas. Ademais do Trilho da Furna, que ascende ás alturas serranas, por Boivão pasa outra ruta, a do Carvoeiro, marcada por un bo número de lendas e tradicións entre a que destaca a da referida Princesa de Boivão, celebrada por Alberto Pimental, ou outras como a Truta da Rainha, a do Penedo da Fontanela ou esoutra das Pegadas de Nossa Senhora. A propia paisaxe coas súas pedras e arboledas contribúe a aumentar a maxia do lugar.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.