Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Espías para a pantalla

John Le Carré no cinema

Fotograma de O home máis buscado.

Como xénero literario, a literatura de espionaxe xorde no período de entreguerras coas novelas de Joseph Conrad, John Bucham e Somarset Maugham, algunhas delas adaptadas ao cine por Alfred Hitchcock (39 escalóns, O axente secreto, Sabotaxe). Esta temática consolidouse coas historias de Graham Green, quen aportou á sétima arte a célebre O terceiro home, dirixida por Carol Reed, e Ian Fleming, creador do axente 007 James Bond. Neste grupo de grandes novelistas sobre espías atópase tamén o inglés John Le Carré, autor de nove obras que posteriormente serían adaptadas á gran pantalla; a última delas O home máis buscado ("A most wanted man"), dirixida por Anton Corbijn e interpretada por Willem Dafoe e o recentemente desaparecido Philip Seymour Hoffman. Nesta novela, escrita en 2008, John Le Carré achégase á actualidade do terrorismo islamista, a nova pantasma que desde o 11S obsesiona aos servizos de intelixencia do mundo occidental.

Dalgún xeito, a espionaxe pódese entender como unha forma de facer a guerra desde a discreción, na retagarda „Napoleón chegou a manifestar que un espía no lugar axeitado valía tanto como millares de soldados no campo de batalla„, por esta razón o contexto internacional que nace despois da II Guerra Mundial, acuñado por Bernard Baruch como Guerra Fría, na que o bloque soviético e estadounidense buscaban impoñer o seu modelo sen acudir ao enfrontamento bélico directo, pero si apelando a un desafío político, económico, militar, deportivo e informativo, converteuse no escenario perfecto para a proliferación da espionaxe internacional.

Poucos escritores foron capaces de retratar este universo inaccesible para a maioría dos mortais como o inglés John Le Carré. Partindo dos tópicos do xénero, internacionalización das localizacións, presenza de cidades relevantes, cinismo, ambigüidade da situación política, traizón, etc., o escritor inglés logra humanizar as tramas políticas grazas a un achegamento á individualidade do personaxe, que combate a un inimigo facilmente identificable, o bando contrario, pero a nivel da conciencia tamén mantén unha loita, algo máis implícita, fronte as súas propias accións, moitas delas de dubidosa moralidade.

A evolución do xénero pódese visualizar á perfección na obra de John Le Carré por mor da súa dilatada carreira que se inicia en plena Guerra Fría con The deadly affair, adaptada no ano 1967 por Sidney Lumet e con James Mason no papel protagonista, e que se prolonga ata os nosos días con Unha verdade delicada ("A delicate truth", 2013), unha trama de espionaxe ambientada en Xibraltar. Ademais do filme de Sidney Lumet, a Guerra Fría está presente en O espía que xurdiu do frío ("The Spy Who Came in from the Cold", 1965) dirixida por Martin Ritt e protagonizada por Richard Burton, O espello dos espías ("The Looking Glass War", 1970), de Frank Pierson e con Anthony Hopkins, A casa Rusia ("The Russia House" 1990), interpretada por Sean Connery baixo as ordes do director Fred Schepisi e A toupa ("Tinker Tailor Soldier Spy", 1970), de Tomas Alfredson cun soberbio Gary Oldman na pel do axente Smiley. No derradeiro cuarto de século os focos de conflito internacional vanse diversificando e a problemática palestino-israelí acada visibilidade e comeza a chamar a atención do mundo e tamén de Le Carré, que escribe en 1983 A rapaza do tambor ("The Little Drummer Girl"), trama que dous anos máis tarde sería filmada por George Roy Hill „director de O golpe e Dous homes e un destino„ e protagonizada por Diane Keaton. O patio de atrás estadounidense tamén tería a súa trama novelesca con O xastre de Panamá ("The Tailor of Panama"), que el mesmo axudaría a adaptar cunha colaboración no guión que logo filmaría John Boorman, mentres que o poder inmoral das farmacéuticas quedaría retratado en O xardineiro fiel ("The Constant Gardener", 2001) adaptada polo director brasileiro Fernando Meirelles.

Compartir el artículo

stats