Mover os marcos do mundo

Mover os marcos do mundo

Mover os marcos do mundo

Carmen Villar

Carmen Villar

As apps e os seus filtros queren facer o mundo máis fermoso, como se por si só non fose bonito abondo. Queremos cores máis fondas, experiencias máis fortes, vidas máis intensas. Temos desexos que son sacos sen fondo. O mundo a través da nosa ollada está coado; a súa imaxe, maquillada. O formato é un filtro máis, resultado de se miramos a realidade en horizontal, en vertical, en cadrado ou dende unha panorámica herdeira do cinemascope. Mirar é unha acción que tamén sucumbe ao defecto das modas. Porque, como miramos agora, desengánate, nunca máis se ha de mirar.

Existe unha división entre a xente que contempla o mundo en horizontal e a que o fai en vertical, un marco que se desentende (máis aínda) do que acontece nas marxes, nos suburbios, no que queda fóra de campo. A visión en horizontal estende máis a ollada, déitaa na paisaxe, fai horizonte, debuxa unha contorna máis segura, equilibrada e calma. Canto máis de nós estea pegado á gravidade da terra, máis difícil caer. A vista faise máis ancha, coma ancho é o orbe.

O teléfono móbil verticalizou o mundo. Ergueuno sobre dous pés e deixouno nun equilibrio delicado, coma o das persoas. A relación de igualdade devén de xerarquía: hai un arriba e un abaixo, aínda que o que importe, case sempre, sexa xusto o anaco mínimo do centro e por iso hai redes sociais nas que a imaxe é imaxe ao cadrado.

O mundo semella empequenecer ao observalo dende unha pantalla de teléfono móbil e como o miramos cambia, por forza, o xeito de habitarmos nel. A nosa atención é tamén, ou pode selo, o inicio da nosa intención, o paso da constatación á práctica. Só se vemos facemos.

Seguro que o primeiro ser humano que viu o mundo non tardou en representalo nun anhelo por gardalo, ben no fondo dunha caverna ou ben no ciberespazo, comprimido nunha linguaxe de ceros e uns tan binaria coma o branco e negro da fotografía ata que chegou a cor e as almas recuperaron o seu reflexo orixinal.

Mirar é efémero, mesmo se o facemos con intensidade; sen embargo, gardar a mirada, conservala, etiquetala, clasificala en botes e caixas, equivale a preparala para a eternidade. As nosas imaxes sobrevívennos, aínda que, descontextualizadas, agora choren fotografías familiares dende os postos dos mercados de lembranzas usadas. No futuro, dende esas caixas de bits, xa non contemplarán a posteridade os rostros verticais das nosas vidas, fuxidos de cadros do Greco que non foron.

Así e todo, adoita ser recomendable trocar de cando en cando de perspectiva. Na infancia mirabamos ás veces o mundo ao revés, co ceo nos pés e a terra no ar, e o mundo devolvíanos o xesto nunha interrogante que un día deberemos respostar. Que verá en nós?

Suscríbete para seguir leyendo