Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Seguindo a Goethe

Retrato do escritor Johann Wolfgang Goethe / FDV

Non podo abrir aínda a fiestra. A rúa, a miña rúa, semella un campo despois dunha explosión. Incrible. Arranxaron os desperfectos, pero non humanizarán esta rúa do centro da cidade. Promesas que caen no baleiro. Desilusión permanente.

Así que miro sen ver a través do vidro e pouso os ollos no ceo, hoxe limpo e azul.

Soa no equipo musical un disco precioso para os que amamos a música e a poesía: De tu casa a la mía, un monllo de cancións sobre poemas de Rosalía de Castro e de Federico García Lorca. Os seus intérpretes, a nosa Uxía e Javier Ruibal bórdano. Acompañados de músicos de alto nivel, Ruibal e Uxía poñen voz á nosa poeta nacional e ao gran escritor granadino e artellan un diálogo fermosísimo e intelixente arredor duns poemas de ambos moi ben escollidos.

Sento na butaca e collo a poesía de Johann W. Goethe. Debo recoñecer que sempre me impuxo moito a complexa personalidade do gran poeta, dramaturgo, filósofo e narrador xermano. Leo este fermoso poema: Sobre todos os cumes/ reina a paz,/ nas copas das árbores/ non oes apenas un sopro./ Os paxariños calan na fraga. / Agarda, que axiña / ti tamén descansarás. (Vertido ao galego sobre a tradución ao castelán de Adan Kovacsics). E mentres releo esta pequena antoloxía lírica de Goethe, lembro unhas frases que lera escritas (ou atribuídas) por el e que apuntara para comentalas nalgún momento. Uns consellos moi acaídos para que algún ou algunha despistada retome o camiño axeitado se lle interesa.

Síntome moi reflectido nestas palabras.

Abro o meu caderno e leo: “Todos os días deberiamos oír un pouco de música, ler unha boa poesía, contemplar un cadro fermoso e, se é posible, dicir algunhas palabras sensatas”.

Gústame o que encerra esta sentenza, este consello tan humanista que, estou seguro, faría máis respirable a nosa vida. Daquela, reflexiono.

Eu escoito música cada día. Os meus gustos neste eido son moi eclécticos. Moitos músicos, e Aute entre eles, afirman que só hai dúas clases de música: a música boa e a música mala. Ao que o gran cantautor e poeta, falecido hai dous anos, engadía: “Todo o demais é confusión”. Cada noite, despois de ver algunha serie ou unha película, quedo só na sala. (Susi, a miña compañeira, madruga, porque traballa ao día seguinte). Entón, prendo a pipa e procedo a gozar deses músicos que me emocionan. Pode ser jazz (Coltrane ou Ben Webster, entre moitos), música clásica (escoito a miúdo as sinfonías e os cuartetos de Beethoven, as suites para violoncello de Bach, o piano de Schubert, as sonatas de Cesar Franck…). Escoito o gran Bob Dylan, Leonard Cohen ou os Beatles, Jethro Tull, Pink Floyd e outros. Son momentos de feliz plenitude no medio dunha serenidade que acariña.

Os que me coñecen saben o que sinto pola poesía. Forma parte da miña vida. Neses intres nocturnos ábrolles a porta a diversos poemarios que preciso para respirar. Incontables os poemas lidos entre a música e o fume da pipa. E na cama, antes de continuar coa novela ou o ensaio que estea a ler, os poemas de Rosalía de Castro fanse protagonistas dos meus desexos líricos. E tamén Lorca, Machado, Celso Emilio, Alberti, Szymborska, Xohana Torres, Loüise Gluck, Sylvia Plath e outras petan no meu interior e franquéolles a entrada encantado.

E os cadros? A nosa casa está ateigada de cadros ben fermosos. Na sala atópanse ao alcance da miña vista pinturas que teñen moito que ver coa nosa vida. Imposible non ficar prendado delas ao longo do día. Un óleo grande de María Antonia Pascual, no que se ve un home que apoia a cabeza na man, leva ben tempo aí, enfronte de min, e case que falo con el. Esta pintura foi fonte de inspiración para unha miña novela, En voz baixa, e algún relato. Á súa beira varias obras de Xulio García Rivas, coa luz e as sombras ou con cores máis cálidas reflexo das súas diversas etapas. As ilustracións de Xosé Cobas -poeta da ilustración-, de Xan López Domínguez, de Marcos Viso, o retrato que me fixo Aute na súa casa, os cadros de Rafael Alberti dedicados, que nos lembran que vivimos “entre el clavel y la espada”, os motivos do mar de María Lires, a Rosalía de Víctor Rivas, algúns meus poemas caligrafados por Lázaro Enríquez… Cadros para contemplar cada día entre a beleza e as lembranzas de intres inesquecibles. Un xardín das delicias.

O que non estou moi seguro é o de dicir algunhas palabras sensatas. Créanme que o intento pero teño moitas dúbidas. Vivimos momentos de insensatez e non é doado. A rabia, demasiadas veces, descentra o meu discurso cotián. Chego a perder os nervios nalgún intre. Ser sensato é o reto que me propoño. Non estou seguro de acadalo. De aí que remate escribindo estas palabras de Roald Dahl: “Os adultos son criaturas feitas de caprichos e segredos”.

Son sensatas?

Non o sei pero me gustan.

Ah!, e anímense a seguir a Goethe.

Compartir el artículo

stats