Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando fun a Medellín (e 2)

Teijeiro, rodeado de xóvenes lector@s, en Medellín. arquivo A. G. T.

Non vou abrir a fiestra hoxe. Non. Deprímeme ver o estado lamentable da rúa López de Neira, onde vivo dende hai máis de sesenta anos. Limítome a observar o que ocorre fóra tras os cristais. Non descubro nada novo.

Soa no meu aparato de música a canción de Patxi Andión “Con toda la mar detrás”. Un tema emocionante que nos fala con beleza poética dun naufraxio e que me leva a pensar neses tripulantes do “Villa de Pitanxo” que tristemente perderon a vida nas augas de Terra Nova.

Porén, prometín o mes pasado que seguiría escribindo da miña viaxe a Medellín. Cumpro a miña palabra e, antes de falar sobre o outro evento que me levou a terras colombianas, quero facer dous apuntamentos sobre o Festival de Poesía que alí se celebra e que paga a pena coñecer.

O primeiro deles é contarlles que este festival recibiu en 2006 o Wright Livelihood Award na sede do Parlamento de Suecia, en Estocolmo, considerado como o Premio Nobel Alternativo da Paz. Un recoñecemento moi merecido debido ao espírito integrador do evento poético.

O segundo, especial polo que me toca, trátase do Proxecto Gulliver. Un proxecto modélico que consiste en procesos pedagóxicos dirixidos a crianzas e adolescentes, vítimas dos conflitos, para contribuír a mellorar o nivel de desenvolvemento cognitivo no uso da linguaxe, en beneficio das habilidades para a vida, da cualificación nas competencias cidadás e artísticas, e no exercicio pleno dos seus dereitos. Os beneficiarios están en situación de risco e de vulnerabilidade social, están escolarizados nas institucións educativas oficiais da cidade de Medellín ou en albergues ou casas de acollida. Un proxecto exemplar que serve para que os seus beneficiarios sexan protagonistas nas súas comunidades mediante convocatorias a intervencións culturais que melloren o sistema de vida das mesmas. Un proxecto nacido para mellorar as habilidades desa vida como pensamento creativo, autocoñecemento, empatía, comunicación asertiva, relacións interpersoais e intelixencias emocional e sentimental, baseados na transformación e enriquecemento da linguaxe ademais da mellora das expresións oral e escrita.

Con elas e eles parolei, escoiteinos, escoitáronme, recitamos xuntos e fomos felices. Aínda resoan na miña mente uns versos fermosos de Yuli Alexandra, unha rapaza de 9 anos que nos leu:

Decimos mar y la palabra es azul largo.

Decimos dulzura y la palabra es amor.

Decimos muerte y la palabra es miedo.

Decimos vacío y la palabra es lleno.

E todo isto lévame á segunda parte da miña viaxe a Colombia. A Fundación Taller de Letras Jordi Sierra i Fabra é unha entidade sen ánimo de lucro creada polo escritor catalán en 2004 para devolverlle á literatura todo o que lle agasallou a través dos anos. Naquel 2007 era un proxecto moi vivo, dirixido por Juan Pablo Hernández Carvajal, que tiña -e segue a ter- como obxectivo o fomento da lectura e estimular a creación literaria en nenos e nenas, mocidade e adultos. Toda unha declaración exemplar de intencións e unha mostra da enorme xenerosidade de Sierra i Fabra. O social e o formativo van da man deste fermoso proxecto.

Sendo partícipe das actividades da Fundación, cheguei a vivir momentos excepcionais. Cando visitei os centros programados sentinme case unha estrela de rock. Sobre un escenario fun recibido cunha calor descoñecida para min, malia ter feito centos de encontros. Os que realicei en Medellín eran outra cousa. Docentes e alumnado aínda tiñan unha capacidade de sorpresa e de implicación que me cativou. Participei no “Xogo Literario” e os seus ricos enfoques arredor da literatura: encontros multitudinarios, encontros máis íntimos, conferencias para ensinantes, entrevistas nas radios e na televisión, palestras interesantísimas, recitais conxuntos co alumnado de diversos centros educativos… Canto amor e canta tenrura! Unha nena agasalloume un pequeno anel e díxome: “No lo saques mientras estés en Colombia. Así te acordarás de mí”. Abraiado fiquei.

Emocionante foi tamén a conversa que tiven co alumnado e os seus mestres, participantes no “Festival de Poesía Ecolóxica” do ano anterior. Conteilles as miñas experiencias literarias, léronme os seus traballos e gardei este poema de Juanita, de nove anos, que di:

Mi cama

colorida

herida

desconocida

desentendida

desavenida

distendida

es un río

lo descubrí ayer en la noche

pero le guardaré su agua.

Antes de comezar a escribir este artigo, telefonei ao meu amigo Jordi. Pregunteille como ía ese exemplar Taller de Letras de Medellín. Comentoume que en horas baixas. Menos xente na Fundación, pero resistindo. A pandemia, as crises, a economía, etc. influíron negativamente no desenvolvemento da entidade, pero non conseguiron secala. Notei esperanza na súa voz e deixoume máis tranquilo fronte ao desgusto inicial. O labor que leva adiante esta institución é imprescindible para a sociedade desta marabillosa cidade. Non en van, no ano 2010, foi galardoada co Premio Internacional IBBY-ASAHI ao mellor labor de promoción da lectura nun proxecto en colaboración coa Alcaldía de Medellín.

“Gracias por venir”, dicíanme. “Grazas a vós por convidarme”, respondía.

Pasaron preto de quince anos e a súa lembranza permanece moi viva en min.

Compartir el artículo

stats