Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O fútbol da man de Eduardo Galeano (1)

Caricatura de Eduardo Galeano. FdV

Inxenuo de min, abro a fiestra para escoitar a celebración dun gol en Balaídos. Pero non se oe nada. Esquecín, por un momento, que non hai espectadores nos estadios. Fútbol sen seareiros. Ver para crer. Hai tanta xente que vive deste espectáculo que a roda nunca deixa de xirar.

O fútbol significou moito para min na nenez e na adolescencia. Coleccionei cromos, inventei xogos cos seus partidos moi ben organizados que se disputaban no chan (cos cromos), sobre un taboleiro (con chapas) e encol dunha mesa (papeliños que marcaban segundo caesen).

Sempre fun do Celta e sigo a selo. Son socio histórico e o sentimento azul celeste, que me traspasou meu pai, segue vivo en min. O Celta é o meu único equipo. Debo de ser dos poucos españois que non son, nin foron nunca, do Real Madrid ou do Barça.

Xoguei ao fútbol dende ben cativo. Sempre quixen ser porteiro. E funo. E, sen falsa modestia, non o fixen mal. Compaxineino co balonmán mentres puiden. Cando tiven que elixir, decidinme por este último. Gustábame máis o ambiente. Acerto pleno.

Admirei o “Tigre” Padrón, porteiro céltico, cando era neno. Foi o primeiro xogador no que me fixei, porque eu arelaba ser gardameta. O Celta estaba neses anos en Segunda División e todos os meus amigos tiñan devoción polo Madrid ou polo Barça. Eu, non. Dos equipos da Primeira División, eu fíxenme do Athletic de Bilbao. Que raro! Cal foi a causa? A figura de Iríbar abraioume. Foi o único ídolo deportivo da miña vida. Un extraordinario porteiro. Fixábame nel, nos seus saques co brazo, na súa colocación maxistral, nos seus despexes de puño, no seu porte elegante cando bloqueaba os balóns por alto. Foi o porteiro máis completo que vin nunca, mais eran outros tempos.

A paixón azul celeste prevaleceu sempre en min. Aínda recordo aquela dianteira que formaban, nos tempos do 3-2-5 de debuxo táctico, Pintos, Pais, Gómez, Bayo e Zamorita.

Canta emoción o día que Pepe Villar veu á miña casa para pedirlle ao meu pai que me deixase fichar polo Celta xuvenil! Que lembranzas aqueles adestramentos no céspede de Balaídos!

Tampouco podo esquecer que a primeira vez que viaxei en avión foi de Porto a Lisboa co Celta júnior (eu ía de suplente) para disputar un torneo internacional en Portugal. Era o ano 1970. Non xoguei, pero a experiencia foi algo inesquecible. Pisar o vello estadio Das Antas ou o Estadio Da Luz e ver de preto no acto de clausura a Eusebio, Coluna, Simões e outros míticos futbolistas do Benfica aínda permanece no máis fondo de min.

Mais cando tiven que decidir, rematada a miña idade xuvenil, foi o balonmán quen me seduciu e, abofé que non me arrepinto en absoluto. Porén, permanecen en min esas vellas lembranzas futbolísticas das que non renego.

"Gústame ler sobre fútbol. Se quen o fai me produce respecto pola súa calidade literaria e a visión non adozada dun deporte que cada ve ten máis sombras que luces"

decoration

Unha vez comentado todo isto, debo dicir que non me gusta o fútbol de hoxe. A moitos niveis, este deporte converteuse nun negocio que esmaga sentimentos. Case non hai maxia nin beleza. “Búscase unha eficacia controlada que enferma o fútbol”, afirma Eduardo Galeano e eu subscribo. Córrese moito, falta brillantez. A forza e a velocidade substitúen a calidade. Como é un negocio, hai medo a perder. Cada día vemos como a mediocridade e a trampa se impoñen. A inspiración xorde coma unha pingueira e todo flúe a prol de resultados que garantan a estabilidade económica dos clubs. Detrás deles hai empresas ou empresarios, tremendos fondos de inversión, xeques multimillonarios que procuran réditos e, de non acadalos, deixan que o barco se afunda. A FIFA, a UEFA, as Federacións son estruturas de poder que se preocupan fundamentalmente dos resultados económicos nun infame exercicio lucrativo. O fútbol profesional é un sistema en descomposición. O espectáculo que ofrecen moitos xornalistas (non todos, afortunadamente), varios programas televisivos, certos dirixentes, redes sociais, apostas indiscriminadas etc. son unha ofensa á intelixencia.

11

Medio siglo de pasión celeste

Gústame ler sobre fútbol, se quen o fai me produce respecto pola súa calidade literaria e a visión non adozada dun deporte que cada vez ten máis sombras que luces.

Por esta razón teño sobre a mesa dous libros escritos por Eduardo Galeano, o grande escritor uruguaio autor de libros tan influentes como Las venas abiertas de América Latina. Son: El fútbol a sol y a sombra e Cerrado por fútbol. Unha auténtica delicia. Dúas homenaxes a este deporte (“música do corpo” e “festa dos ollos”) e tamén unha denuncia desapiadada do seu armazón, onde priman os intereses comerciais por riba dos deportivos. No fútbol actual todo é mercancía: calendarios, horarios, entrevistas, programas futbolísticos, xogadores…E un xa está canso de tanta mercancía.

Vouno deixar aquí. O tema dá para moito. Continuarei nunha segunda entrega o vindeiro mes. Galeano, os seus libros e o rumbo alporizado que leva o fútbol merecen máis espazo.

Compartir el artículo

stats