Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A boa literatura non precisa adxectivos

Os adultos deberiamos achegarmos máis á literatura infantil e xuvenil

Non sei se é que un vai perdendo a memoria, pero non lembro aquí, en Vigo, un frío como o que estamos a padecer nestas datas. Porén hai que ventilar. Abro a miña fiestra e creo ver versos que caen coma se de folerpas de neve se tratasen. E escoito -ou creo escoitar- voces adultas lendo libros pensados na rapazada. E outras, de nenas e nenos cantando cancións, recitando poemas, interpretando personaxes de teatro. Non sei se é un soño, se se trata da realidade ou de que estou a ler o libro “El efecto Frankenstein” co que Elia Barceló gañou o Premio Nacional 2020. Daquela reflexiono sobre a chamada literatura infantil e xuvenil. Non tardo en decatarme de que o termo “infantil” cotiza á baixa nesta nosa sociedade tan seria como desigual. Mesmo noto a súa utilización cun ton despectivo. Serán teimas miñas? Fálase con certo desprezo , de erro infantil, comportamento infantil, resposta infantil, opinión infantil…ata chegar á literatura infantil, a miúdo bastante minusvalorada polas mentes pensantes e intelectuais da sociedade. Un xa non sabe se é por descoñecemento real da mesma ou por un estúpido prestixio que dá a literatura “de adultos”. Un prestixio que decide quen é escritor ou non. Vaia falacia.

Se un se detén a afondar na LIX, tanto en galego, en castelán, coma noutras linguas, non tarda en se decatar da solidez que posúe xa dende hai ben anos. Na LIX actual podemos atopar unha diversidade de temas e estilos que a fan moi rica e suxestiva para o lectorado. Unha fonte inesgotable de estímulos, de formación humana e literaria e de pracer por algo que se debe fomentar e impedir que se perda: o hábito lector. Hoxe en día a LIX ofrece un amplo abano de novelas, relatos curtos e enxeñosos, contos tradicionais, fabulosos álbums cunhas ilustracións novidosas e tan suxestivas que semella imposible non renderse ante elas. Tamén podemos atopar poemarios (aínda que en menor medida: velaquí unha eiva que hai que solucionar, malia o esforzo de certas editoriais e de premios literarios) e menos -iso si- libros de teatro, algo incomprensible se temos en conta o feitizo que este xénero produce nos nenos e nenas. E existen revistas para saber máis e informarse das novidades que van aparecendo (CLIJ, Lazarillo, Peonza, Platero…). Acabaron as desculpas, malia o ningún protagonismo da LIX nos medios de comunicación.

Os adultos deben perder o medo e deben valorar eses adxectivos “infantil” e “xuvenil” se de literatura se trata. A boa literatura non precisa adxectivos e os bos libros de LIX teñen que ser lidos -e gozados- por todas esas persoas que, libres de prexuízos, aman a lectura intelixente, que está envolta en sensibilidade e que provoca reflexión. Decataranse axiña de que eses libros posúen un encanto literario que fai medrar o lector teña a idade que teña. E se os partillan cos fillos, netos e alumnado, acadarán intres dunha intensidade afectiva realmente marabillosa. Os bos libros de LIX veñen sendo unha chiscadela cómplice para coñecernos mellor e compartir sensibilidades en formación constante. Porque, non o esquezamos, estes libros están escritos cun enorme agarimo cara ao lectorado. Os bos libros de LIX racharon xa hai tempo cos tabús, limparon os restrollos desa literatura apoucada, moralizante, doutrinaria doutras épocas e abren portas á imaxinación e ao espírito crítico deses seres en formación lendo en liberdade: a liberdade da boa LIX. A literatura -como as artes, en xeral- ten que ir sempre un paso por diante da sociedade. E debe axudar a fornecer o pensamento crítico dos lectores e lectoras, unicamente pola calidade e a intelixencia das obras escritas. Unhas obras que fomenten a lectura literaria tan necesaria como algo esquecida, sen agochar o valor da imaxinación no ser humano.

Coido sinceramente que un neno/a que le está creando un espazo de liberdade absoluta, no que o diálogo cos personaxes, coa música poética ou cos elementos estéticos está a provocarlle unha íntima satisfacción, ademais de axudalo a medrar interiormente. A intimidade do acto lector resulta indiscutible. Porque eu, aínda que se me poida chamar iluso, coido que a lectura nos fai máis libres, máis creativos, máis críticos, máis solidarios, máis tolerantes e, talvez, máis xustos. E pensando nos rapaces e rapazas, ademais de entreter e divertir, axúdaos a coñecer o mundo que os rodea e, xa que logo, a coñecerse mellor eles mesmos. Xa Gianni Rodari vía necesaria a imaxinación no proceso educativo e salientaba o carácter de liberación que a palabra literaria contén “para que ninguén sexa escravo”. Lean e tomen nota das palabras de Pedro C. Cerrillo arredor de todo isto: “A literatura rexistra a interpretación que a nosa colectividade fixo do mundo e así coñecer os progresos, percepcións, os sentimentos, os sufrimentos, as emocións e os gustos da sociedade e dos homes nas diferentes épocas”.

Téñano en conta e, coma min, lean LIX.

Compartir el artículo

stats