Xa se atopan instalados os raís do antigo tranvía en Sanguiñeda e o conxunto escultórico homenaxe á emigración na rotonda de Peinador.

"Mos está en débeda cos seus emigrantes e con esta escultura rendémoslles a homenaxe que merecen a todos eles, en especial aos que marcharon para a Arxentina, que foi a parte máis importante", indicaron a alcaldesa Nidia Arévalo e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, engadindo que "esta homenaxe hai que agradecerlla á Escola de Canteiros de Pontevedra, que nos fixo a doazón desta escultura que foi solicitada polo Concello de Mos á Deputación".

A obra componse de dúas pezas escultóricas: "Home de pé co seu fillo" e "Maleta", e está moi vencellado á historia e á realidade do concello mosense, por unha banda pola abundante emigración á Arxentina que se viviu entre a poboación dende comezos do século pasado, e por outra, porque está situada nunha glorieta ao carón do aeroporto de Peinador, sendo os aeroportos os grandes centros neurálxicos das migracións contemporáneas.

Por outra banda, as obras de humanización e acondicionamento do nó de Sanguiñeda, en Mos, deixaron ao descuberto un tramo de vinte metros de raís do trazado do antigo tranvía que uniu, fai case un século, Vigo con Porriño e do cal existiu un proxecto de ampliación ata Mondariz, a onde nunca chegou.

O interior da glorieta das Angustias é o punto exacto da localización destes ferros que agora foron restaurados polo Concello e reinstalados nunha zona verde próxima ao lugar, acompañados dun monólito informativo, para que a cidadanía poida contemplar este anaco de historia mosense e coñecelo máis en profundidade a través da lectura dun panel didáctico.