O Concello de Covelo activou na súa páxina web un formulario de reservas para poder ir con cita previa á súa piscina municipal que este verán, por mor da crise sanitaria da Covid-19, ten un aforo limitado a un máximo de 90 persoas, sendo 25 entradas reservadas para persoas non empadroadas e 65 entradas destinadas aos empadroados de Covelo.

Abre en dúas quendas, de mañá; de 12.00 a 15.30 horas, e de tarde; de 16.00 a 20.00 horas, de luns a domingo ata o 31 de agosto.

Como máximo unha persoa pode facer tres reservas á semana. As reservas poden facerse para grupos de un máximo de 10 persoas e cada unha deberá dar datos como o seu nome e DNI.

As reservas poden facerse con ata unha semana de antelación e como tempo límite as 12.00 horas do propio día de asistir para a quenda de mañá e as 16.00 horas para a quenda de tarde.

Unha vez admitida a reserva o importe aboarase nas instalacións podéndose acceder na hora de entrada da quenda ou posteriormente chamando ao teléfono 986 650038.

Dada a limitación do número de reservas para acceder á piscina este ano non estará dispoñible a adquisición de bonos 2020. Serán válidos os de anos anteriores facendo igualmente reserva previa. Si o grado de ocupación do nivel de aforo o permite, o concello incrementará o número máximo de 3 reservas por persoa á semana.

A porta da piscina unicamente se abre para saír definitivamente das instalacións.