Para a gran maioría de nós non está sendo nada sinxelo asimilar a situación extraordinaria que vivimos. Un xa no sabe a que día andamos. O cambio total das rutinas, aínda que co confinamento todas as xornadas parecen idénticas, unido ás veces ao aburrimento e á situación de preocupación e incerteza, fai que para moitos a cita das 20.00 horas nas ventás, balcóns ou terrazas sexa o momento do día máis esperado, o más feliz e emotivo. O aplauso, solidario e unánime, en homenaxe aos sanitarios que traballan arreo para erradicar a pandemia do coronavirus, así como ao resto de profesionais de diversos sectores que continúan nos seus postos para conter a situación, dende as forzas de seguridade ata os empregados de supermercados e outros servizos de primeira necesidade, estase a converter nunha convocatoria xeneralizada que os psicólogos están a cualificar de beneficiosa para a saúde. "Os seres humanos somos seres fundamentalmente sociais: aínda que poidamos estar solos, e de feito o precisemos nalgunha ocasión, a interacción cos nosos é fundamental", explicaba a EFE o psicólogo Fernando Catalán, quen destaca que "participar en accións como estas saídas aos balcóns é como estar en grupo".

A esta chuvia e estoupido de aplausos séguenlle os asubíos e gritos e o son das sirenas dos vehículos dos efectivos de emerxencia e forzas da orde, todo elo en sinal de gratitude. Pero a acción continúa en moitos puntos das nosas vilas, naqueles nos que algún veciño ou veciños considerou que a música sería un bo xeito de amenizar os seguintes minutos. É o caso da rúa Pinar no Porriño que, dende os primeiros días de confinamento e tralo momento do aplauso, se convirte nunha auténtica festa, primeiro con música folk a cargo de Sevi e Borja tocando a gaita dende os seus balcóns e, a continuación, o Dj Groove Amigos (André Vázquez) inicia unha particular sesión de música disco dende o seu ático. Comezou con tres temas pero agora xa son catro trala petición unánime de "outra, outra" de todos os veciños, dende maiores, a mozos e ata os máis cativos, porque tamén o repertorio é moi variado. "O meu estilo é a música electrónica pero neste caso sei que é máis apropiada a música comercial; pincho dende Pimpinela, a Queen ou CantaJuego, intentando pensar tanto nos avós, como nos pais, adolescentes e nos máis peques, grandes heroes tamén neste tempo de confinamento ", sinala este dj porriñés de adopción, nado en Santander. Ademais, para a selección de temas xa non ten moito que pensar, pois agora recibe múltiples peticións, tanto de cancións como dedicatorias, á vez que felicitacións e agradecementos "por este momento diario de evasión, incluso de xente que nin coñezo". André destaca a boa aceptación do público, "sempre busco cancións para que participen: nas que contesten ou sigan a letra, que levanten as mans en alto, aplaudan ou acendan e apaguen as luces do balcón, e a resposta é incrible, todo o mundo se involucra". Incluso as empregadas do súper saen á beirarrúa a bailar.

E a raíz desta iniciativa foron xurdindo noutras rúas da vila. Preto, en Antonio Palacios, Marcos López tamén ameniza dende o seu balcón logo do aplauso. Atavíase para a ocasión e pon en escena o coñecido "camarero€." ou o "veo veo" estimulando a participación de todo o barrio. É máis, incluso creou en facebook o grupo público Comunidad Cultural de Balcones del Sol 360º - O Porriño, que conta xa con máis de 400 membros, para que "nos coñezamos máis e poidamos entreternos e superar este confinamento da maneira máis divertida e de preto. A idea é coñecer todas as accións comúns a celebrar e que se vaian propoñendo cousas para divertir aos nenos e demais familia participando todos unidos nos eventos que se creen". Deste xeito, incluso deseñan carteis anunciadores de ditos eventos, como foi a sesión dj infantil do pasado sábado, con motivo do aplauso por todos os nenos, ou a sesión vermú dos domingos.

Por outra banda, na zona oposta da vila, saíulles un fiel "competidor". "A zona máis próxima ao río Louro estaba un pouco apagada, así que pensei en facer algo similar e saquei o equipo de música do meu irmán, gardado e sen uso no trasteiro, e comecei a amenizar os seguintes minutos tralo aplauso", sinala Daniel Rodríguez, xefe da Policía Local de Porriño que ademais da seguridade dos cidadáns ten agora un novo cometido: pinchar música dende a súa terraza, na ronda do Louro. " Todo sexa por animar á xente e aos máis pequenos; como teño os medios, pois non o pensei dúas veces". Neste caso, o primeiro dos temas que sona é sempre o mesmo, o Resistiré do Dúo Dinámico, que xa podemos considerar o himno do #QuedaNaCasa, e logo "vou poñendo un pouco de todo, música alegre e que de pé a bailar". É tanto o seguimento destas iniciativas, das que hai moreas de vídeos circulando polas redes sociais, que André e Daniel xa están a valorar a posibilidade de facer unha sesión conxunta, neste caso o segundo emitiría a través do seu equipo o repertorio do primeiro, vía streaming.