Moraña vive a conta atrás para o Carneiro ao Espeto

A gastronomía, a música, o deporte e a cultura protagonizan unha programación que culminará o 26 de xullo co día grande da festa declarada de interese turístico galego

A Carballeira de Santa Lucía, ateigada de comensais. / Rafa Vázquez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Moncho González

Moraña conta xa os días para celebrar unha das citas máis esperadas do calendario festivo galego. O próximo domingo 26 de xullo terá lugar a LVII Festa do Carneiro ao Espeto, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia que, tras máis de medio século de historia, continúa medrando sen perder a esencia que a converteu nun símbolo de identidade para o municipio e nun referente gastronómico e cultural do verán en Galicia.

Cada ano son milleiros as persoas que se achegan ata a Carballeira de Santa Lucía para compartir unha xornada arredor dun produto e dunha forma de elaboración que forman parte da tradición morañesa. O carneiro ao espeto, preparado lentamente e seguindo un proceso artesanal transmitido de xeración en xeración, constitúe o gran protagonista dunha festa que soubo conservar o seu carácter popular e familiar ao tempo que se consolidou como un dos grandes reclamos turísticos da provincia de Pontevedra.

Con todo, a Festa do Carneiro ao Espeto é moito máis que gastronomía. O Concello de Moraña leva semanas desenvolvendo unha programación ampla e diversa que converte o municipio nun auténtico escenario de actividades culturais, deportivas e de lecer pensadas para todos os públicos. Un programa que busca involucrar a veciñanza e ofrecer aos visitantes unha experiencia completa arredor da celebración máis emblemática da localidade.

Precisamente este sábado celebrarase no edificio Multiusos o tradicional Certame de Corais Carneiro ao Espeto, organizado pola Coral Voces Amigas de Moraña. A cita terá ademais un significado especial ao conmemorarse o vinte e cinco aniversario da formación anfitrioa, que estará acompañada polo Coro da Escola Municipal de Música de Moraña e por agrupacións procedentes de Amil, Poio e Campo Lameiro. Un encontro que pon de manifesto a importancia da música coral dentro da programación cultural do municipio.

O deporte será outro dos protagonistas da fin de semana. O domingo 19 disputarase a XII Carreira Carneiro ao Espeto, organizada polos clubs +9 Moraña e Moraña en Ruta en colaboración co Concello, unha proba xa plenamente consolidada e que cada ano reúne a centos de participantes. Ese mesmo día tamén se celebrarán as finais do Torneo Interparroquial de Fútbol no campo municipal de O Buelo, outra actividade que fomenta a participación e a convivencia entre as diferentes parroquias do municipio.

A programación continuará durante os días seguintes con propostas especialmente pensadas para o público familiar e infantil. A Festa Acuática na piscina municipal, o espectáculo familiar Hamelin, a sesión de cine ao aire libre ou os contacontos dedicados á figura da escritora Begoña Caamaño forman parte dunha oferta que aposta pola cultura e o entretemento para todas as idades. A estas actividades súmanse a festa infantil e a xa tradicional Festa Holi para a mocidade, convertida nun dos eventos máis esperados polos máis novos.

Os días grandes das festas chegarán a partir do venres 24 de xullo, cando Moraña vivirá un intenso programa de actividades que incluirá exposicións, concertos, propostas deportivas e grandes verbenas con algunhas das formacións máis destacadas do panorama musical actual, entre elas La Misión, El Combo Dominicano, Panorama City ou América de Vigo.

Pulsa para ver más contenido para ti

Finalmente, o domingo 26 de xullo, a partir das 14.30 horas, celebrarase o esperado Extraordinario Xantar do Carneiro ao Espeto, auténtico corazón dunha festa que representa como poucas a hospitalidade, a tradición e o espírito de convivencia de Moraña e que volverá converter o municipio nun dos destinos imprescindibles do verán galego.

Noticias de Portada Leer Noticias cerca de ti CercaJuegos Jugar